Comezou a segunda volta da competición na Terceira Galicia. No grupo norte o Celta Barreiros camiña con paso firme e ampliou diferencias no liderado logo do seu triunfo na Veiga do Olmo, axudado pola derrota do Casás no derbi capitalino co Piringalla. O Goiriz acadou a terceira vitoria consecutiva no campo do Rioaveso. O Celeiro perdeu a súa condición de invicto na casa fronte ao Matela. No grupo sur, o líder Rubián e o segundo Páramo manteñen a súa velocidade de cruceiro, pero o Sober consolidou a terceira praza tras gañar na casa ao Bóveda. O Chantada Atlético B sumou a súa segunda vitoria consecutiva.
grupo norte
O Celta Barreiros remonta no campo do Castroverde e amplía a sete a súa diferencia co segundo (1-3). Comezou mellor o conxunto local, xerando unha boa ocasión no minuto 2 e contando con dúas opcións máis de gol na primeira metade ata que preto do intermedio os de Fran Veiga foron quen de marcar. O segundo tempo comezou de xeito radicalmente oposto. No primeiro minuto Miguel Andina igualou o encontro á saída dun córner e Nico, de penalti, deulle a volta ao marcador. O Celta Barreiros tivo o dominio do balón e chegou con perigo á área rival ata que no minuto 80 chegou a sentencia dos mariñáns cun tanto de Antón.
O Casás perdeu despois de nove xornadas no derbi co Piringalla (2-0). Non estivo cómodo o Casás sobre o céspede ao longo dos noventa minutos. Malia todo os visitantes tiveron boas ocasións para marcar no primeiro tempo por medio de Dani. No segundo tempo, a Piringalla dominou o xogo e logrou adiantarse cun disparo desde longa distancia de Román. Nunha xogada polémica chegou o segundo e definitivo para os locais.
O Goiriz xa é terceiro tras vencer no campo do Rioaveso (0-2). O derbi vilalbés rematou con triunfo visitante, o terceiro consecutivo para os de Cora. Aos tres minutos Héctor logrou o primeiro tanto para o Goiriz ao aproveitar un erro defensivo local. O Rioaveso contou cunha clarísima ocasión de Iago Rico que non logrou marcar con todo a favor. Acto seguido Héctor fixo o segundo na súa conta particular. Co paso dos minutos o estado do campo dificultou o xogo de ámbolos conxuntos e o marcador resultou inamovible.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Celeiro perdeu a condicón de invicto na casa fronte ao Matela (3-4). Con nove rematou o conxunto local logo dun encontro bronco en Trasvías. O primeiro tempo foi de dominio do Celeiro, no xogo e no marcador. Dani Liz e Brais Maseda lograron poñer en clara vantaxe aos de Martín Rodríguez na primeira media hora. Os locais reclamaron expulsión dun rival por un codazo a Dani Liz que o colexiado non estimou e xusto antes do descanso Micheal recurtou diferencias para o Matela. No segundo tempo o Matela estivo máis atinado e logrou darlle a volta ao marcador. Malia xogar con dez o Celeiro logrou o empate por medio dun Ceas que tamén vería o cartón vermello directo. A falta de dez minutos para o final Michael marcou desde o punto de penalti para sumar a segunda vitoria da campaña para os de Cuchi.
A Comercial B vence ao Cazás a suma tres xornadas sen coñecer a derrota (3-1). Primeira metade na que o Cazás tapou ben a saída de baón dos capitalinos. Os chairegos desaproveitaron varias ocasións de gol e a Comercial B chegou con menos claridade á área rival. Na segunda parte o cadro local optou por un fútbol máis directo sobre os seus dianteiros e deulle os seus froitos. Borja e Torito puxeron en clara vantaxe á Comercial B, mentres que Iván Bellas recurtou diferencias para o Cazás. Moi preto do final, Torito sentenciou cun bo disparo desde fóra da área.
O Friol B vence con contundencia a un descoñecido Catro Roldas (4-0). Bo encontro do filial friolista que superou en intensidade e concentración a un Catro Roldas que ofreceu a súa peor versión. O cadete Marcos adiantou ao cadro local no primeiro tempo, mentres que no segundo chegou a goleada nun encontro no que o Catro Roldas apenas inquedou a portería rival. Roca, Rober e Maikel foron os autores dos tantos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/12/12.png)
grupo sur
O Rubián vence na Carqueixa a Río Sil que rematou con oito (1-3). Encontro moi trabado, con moitas interrupcións e expulsións, todas elas no cadro local, que xogou boa parte do encontro con nove xogadores e rematou con oito. O partido púxose de cara para o Río Sil. Chomi marcou aos catro minutos e sucedéronse varias ocasións. No ecuador do primeiro tempo Leo viu o cartón vermello e pouco despois o Rubián empatou por medio de Brian. Antes do descanso Lucas deixou aos seus con nove e o Río Sil tentou defender o empate e saír á contra. O Rubián monopolizou a posesión e buscou penetrar na defensa rival. Conseguiuno no minuto 89, xa co rival con oito xogadores, cun tanto de Lucas.
O Páramo golea a domicilio á Sarriana B e segue moi preto do líder (0-5). Encontro moi serio dos de Jony Lombardía que deixaron o marcador encarrilado no primeiro tempo. O filial sarriao tentouno, pero non foi quen de inquedar a meta visitante en ningún momento. Dani López, Julio, Hugo Gallego e Juan en dúas ocasións, foron os autores dos goles.
O Sober golea ao Bóveda nun encontro con resultado enganoso (7-3). Aínda que o marcador reflexa un triunfo folgado dos de Iban Lagoa, a falta de dez minutos para o final só existía a diferencia dun gol favorable ao cadro local. O Sober comezou mellor e o dominio tradúxose no marcador con dous tantos obra de Georgi e Brais. O Bóveda non se veu abaixo e recurtou diferencias por medio de Ángel, de penalti. No comezo do segundo tempo o Bóveda estivo máis metido no partido e chegou a empatar cun gol de David. Só tres minutos máis tarde o goleador Martín puxo de novo por diante ao Sober e David Piñeiro ampliou a diferencia. A falta de menos de dez minutos para o final Michel apretou o marcador e os pupilos de Elcoso lanzáronse a polo empate. Este feito aproveitouno o Sober para matar o encontro aproveitando os espazos. David Piñeiro, con dous tantos máis, e Jony completaron a goleada.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/12/Programacion-3_page-0001.jpg)
Un gol ao comezo e outro ao final sírvenlle ao Santa Comba para dobregar ao Corgo (2-1). O conxunto local sube ao cuarto posto tras vencer ao Corgo. Os de Richard marcaron o que pode ser o gol máis rápido da temporada. Só doce segundos de xogo, cunha serie de erros en cadea da zaga visitante, e gol de Jaime. A partir de aí o Santa Comba mantivo a raia o marcador diante dun Corgo que medrou co paso dos minutos. No segundo tempo os de Abel Rochela contaron con varias ocasións claras de gol que non aproveitaron e a falta de cinco minutos lograron empatar por medio de Sebas. No desconto o Corgo contou cunha boa ocasión para darlle a volta ao partido, pero foi Jorge quen lle deu o triunfo ao Santa Comba no último intre.
O Monterroso B iguala preto do final no campo do Relámpago Taboada (2-2). Encontro moi semellante ao disputado na primeira volta por ámbolos conxuntos. No primeiro tempo foi superior o filial monterrosino. Aínda que sen demasiadas ocasións, as máis claras foron para os de Javitxu, que só puideron marcar cun tanto en propia porte de Moure. No segundo tempo o Relámpago Taboada foi máis protagonista, aínda que os visitantes contaron cunha clara ocasión de Yoni, antes de que os de Dani Saborido lle deran a volta ao marcador con tantos de Cheej e Moure, que se resarciu do gol en propia do primeiro tempo. Preto do final, un centro chut de Balboa colouse na portería local establecendo o definitivo empate.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Taboada B e Chantada Atlético B protagonizan unha chuvia de goles con triunfo final dos chantadinos (4-5). Coemzou mellor o filial do Taboada que logrou adiantarse no marcador. Os de Ivi Gayoso repuxéronse e melloraron co paso dos minutos e lograron marcar tres tantos antes do intermedio. A confianza pasoulle unha mala pasada aos chantadinos e o Taboada B logrou empatar o choque a falta de vinte minutos para o final. Pero ao Chantada Atlético B faltáballe o último arreón e logrou dous tantos máis antes de que Rubén recurtara as diferencias para o Taboada B.