Rematou a primeira fase da Terceira División e fíxoo coa clasificación do Polvorín para fase de ascenso. É a primeira vez que o filial do C. D. Lugo xogará para tentar subir á Segunda División RFEF. Preto estivo de acadar ese obxectivo o Racing Vilalbés. Foron quen de gañar no campo do Silva, pero non erraron Polvorín nin Somozas. As peores novas chegan desde A Mariña. O Viveiro, que precisaba gañar, caeu de xeito abultado diante do Fabril e terá que xogar a fase de permanencia.

O triunfo do Polvorín diante do Arzúa outórgalle o pasaporte para a fase de ascenso (2-0).

Día histórico para o Polvorín, que co triunfo diante do Arzúa xogará por primeira vez na súa historia a promoción de ascenso á antiga Segunda División B. Diante dun rival que se xogaba a permanencia, os de Álex Ortiz foron os claros dominadores do encontro e tiveron o control durante a totalidade do mesmo.

De tódolos xeitos, foi o Arzúa quen asustou primeiro. Un mal despexe da defensa rematou co disparo de Iker Hurtado ao pao. Moi poucas máis novas en ataque do conxunto visitante. O Polvorín colleu o timón, pero non atopaba con claridade aos seus xogadores de ataque, e a primeira metade rematou sen ocasións claras de gol. Tan só dúas faltas desde a frontal que saíron por enriba da portería.

Na segunda metade o Arzúa repregouse máis e o filial albivermello, ao que lle chegaban novas desde outros campos nos que os seus rivais gañaban os seus encontros, viuse obrigado a buscar o tanto por tódolos medios para non quedar fóra das tres primeiras prazas. Tentouno coa entrada de Christian no sitio de Marcos, buscando así máis presenza en área rival. Comezou a aclararse o panorama coa expulsión do zagueiro arzuán Tomé, que viu o cartón vermello directo no minuto 66 ao derribar a Christian cando ía só cara a portería.

Dez minutos despois chegou o gol. Jesús rematou de tacón, no primeiro pao, un saque desde o curruncho. O Arzúa lanzouse ao ataque, ao precisar dous tantos para salvar a categoría. O Polvorín aproveitou os espazos e nunha contra chegou a sentencia. Iago Novo recolleu o balón ao borde da área propia e protagonizou unha xogada maradoniana. Regatou a quen se lle puxo diante e logo de driblar ao portería fixo o segundo.

O Racing Vilalbés cumpriu coa súa obriga e venceu na Grela ao Silva, pero rematou cuarto (1-2).

Non puido ser. O conxunto chairego rematou a primeira fase na cuarta posición e xogará a segunda fase na procura dun posto no play off de ascenso. Os triunfos de Polvorín e Somozas evitaron que o Racing Vilalbés entrase entres os tres primeiros, pero os 40 puntos obtidos polo conxunto de Simón Lamas outórgalles unha importante vantaxe de cara á nova competición.

O encontro comezou co Silva levando o peso do encontro e xerando certo perigo cun testarazo de Joao Paulo que saiu desviado por poucos centímetros. Pero non tardou o Racing e adiantarse no marcador. Pedrosa aproveitou unha indecisión entre a zaga e o porteiro local e meteu a punteira da bota para facer o primeiro tanto da tarde desde a frontal da área grande. Gozou de máis ocasións de gol o cadro coruñés, aínda que sen excesivo perigo. As máis claras chegaron en internadas pola banda dereita de Brais Lema e cun lanzamento de Souto desde a frontal.

O segundo tempo non comezou ben para os vilalbeses. Nun saque desde o curruncho lanzado por Fabio, o balón bateu en López que marcou na súa propia porta. Nos seguintes minutos non se viron xogadas de perigo. Ao Racing costáballe chegar e os de Bardanca tan só chegaban á porta de Rumbo en accións a balón parado. Nos últimos minutos, os de Simón Lamas xeraron máis perigo. Marino conectou un bo testarazo logo dun saque de falta de Pedrosa e xa co tempo cumprido chegou o tanto do triunfo. Rumbo sacou, Vérez peinou e Muíña, que recibiu dentro da área definiu diante de Ríos. Cuarto tanto da temporada para o central chairego.

O Viveiro non foi rival para un Fabril que xa sentenciou na primeira metade (1-4).

Todo pasaba por gañar, pero as esperanzas esvaecéronse axiña. O Fabril, que recuperou a súa mellor versión neste tramo final de competición, pasou por enriba dos mariñáns e acadaron a permanencia. Non o puido facer o Viveiro, que terá que pelexar por evitar voltar a a Preferente nunha segunda fase cos seis últimos clasificados do grupo sur.

O encontro comezou con alternativas no xogo e nas áreas. Primeiro foi Adri Castro quen a piques estivo de marcar cunha volea que rozou o pao de Manu Cedrón. Non tardou en respostar Arturo, pero o seu lanzamento atopouse coa gran resposta do meta Alberto. A partir de aí o Fabril foi moi superior e o dominio materializouno de contado. Javi Sánchez aproveitou a boa xogada de Yuste para facer o primeiro e só tres minutos despois a internada de Peke pola banda esquerda rematou co disparo raso de Barba desde a frontal ao que non puido respostar Manu Cedrón. Foron momento espectaculares de xogo do filial deportivista, que volcaba os seus ataques pola banda esquerda, na que Guille e Peke se entendían á perfección. Pouco antes do descanso chegou o terceiro. Sarmiento sacou unha falta con picardía e Adri Castro rematou ao fondo da portería.

No descanso Chusky realizou un triple troco e deu entrada a Uriol, Rolle e Álex Meitín no canto de Nico, Dani Montes e Facu. O decorado pouco trocou e o encontro non tivo demasiada historia. O Fabril anotou o cuarto, segundo na conta particular de Javi Sánchez e o Viveiro maquillou o resultado cun tanto de Javi Rey logo dun rexeite de Alberto a tiro de Arturo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*