A gran nova da xornada 18 foi a volta dos afeccionados aos campos da Terceira. Malia todo non foi unha xornada propicia para os equipos locales. No grupo 1 tan só o Estudiantil foi quen de gañar no seu campo. O Viveiro, que xogaba un encontro trascendental ante o Arzúa caeu con claridade en Cantarrana. Mellores novas nos deixaron os encontros do Polvorín e o Racing Vilalbés. O filial albivermello logrou gañar en inferioridade no campo do Paiosaco e os chairegos fixeron o propio no Ara Solis de Fisterra.

Un tanto de Antón Escobar outórgalle ao Polvorín os tres puntos no campo do Paiosaco (0-1).

O Polvorín acadou tres puntos pra consolidar o terceiro posto e achegarse á segunda praza que ocupa o Somozas logo do empate deste diante do Silva. Non foi doado o encontro diante dun conxunto para o que cada encontro é unha final para tentar abandoar os últimos postos da clasificación. Álex Ortiz deixou no banquiño ao pichichi Christian e deulle entrada a Gabarre, que fixo unha gran primeira metade, pero que rematou expulsado ao borde do descanso. Calquera dos dous cartóns foron moi protestados polo conxunto lucense.

Foi mellor o filial albivermello no primeiro tempo. Non abundaron as ocasións de gol, pero si a sensación de perigo sobre todo aproveitando as caídas ás bandas dos puntas Antón Escobar e Morais. Deles foron as mellores ocasións dos primeiros corenta e cinco minutos logo de sendos centros laterais. A expulsión de Gabarre cambiou o debuxo do Polvorín na segunda parte e o Paiosaco, sedento de puntos, lanzouse a polo gol do triunfo.

Pero este logrouno Antón Escobar. Dani Vidal recuperou un balón en tres cuartos de campo e conectou co punta que superou a Rama cunha precisa vaselina. Incluso o Polvorín contou con opcións para marcar cunha boa ocasión de Morais que lanzou lixeiramente alto.

No último cuarto de hora o conxunto local meteu ao Polvorín no seu campo e buscou o tanto por medio de centros laterais. Sayes, cun remate de cabeza fíxolle intervir a Julen, pero o marcador non se moveu.

O Racing Vilalbés gaña en Fisterra e segue optando ao terceiro posto (0-1).

O cadro chairego rachou a xeira de catro encontros sen coñecer a vitoria, e fíxoo nun Ara Solis no que reinou un gran ambiente de fútbol e no que a ruidosa afección local animou sen cesar aos seus. Trocou Simón Lamas o sistema e situou a Vérez por diante da defensa nunha especie de rombo do que tamén formaban parte Make, Jose Varela e Cuadrado.

Non puido comezar mellor o encontro para o Racing. No minuto 5 tras un saque de banda , Santi Gegunde tocou e Muíña rematou o balón ao fondo da portería. Non foron doados os seguintes minutos, nos que o Fisterra buscou o tanto do empate mediante xogadas de estratexia principalmente, aínda que non gozaron de ocasións claras de gol. Antes do intermedio, o cadro vilalbés tivo varias opcións para ampliar as diferencias nas botas de Pedrosa e Cuadrado.

Na segunda metade ámbolos dous equipos chegaron á área rival con perigo. José Varela, Santi Gegunde e o propio Muiña non acertaron coa portería defendida por Rama. Nos derradeiros dez minutos tocou sufrir. O cadro fisterrán, ao que volvía Ángel López ao banquiño, tentou a igualada de tódolos xeitos posibles. O ex racinguista Juan de Dora estrelou o balón no longueiro da porta de Javi Rumbo e Aarón López conectou un testarazo que marchou lixeiramente alto.

Segunda vitoria da temporada lonxe da Madalena dun Racing que amplía a vantaxe sobre os postos de promoción de permanencia ao tempo que mantén á vista o terceiro posto que ocupa o Polvorín, tendo en conta que os chairegos teñen por disputar un encontro diante do Fabril.

Derrota contundente do Viveiro diante do Arzúa en Cantarrana (0-3).

Paso atrás do conxunto mariñán na pelexa pola permanencia. Logo da derrota do Fabril, o triunfo no choque de Cantarrana antollábase fundamental para fuxir do sétimo posto. Pero o Arzúa amosou ás claras a súa gran pegada, nun encontro no que o Viveiro tivo o control, pero os visitantes foron que marcaron os goles.

Cun só troco no once titular con respecto ao último encontro diante do Fisterra no que entrou o capitán Álex Meitín no canto de Facu, o Viveiro monopolizou o xogo durante os primeiros corenta e cinco minutos. Álex Meitín e Tichu puideron marcar nos primeiros compases, xusto antes de que Uriol tivese que sustituir ao mancado Agus. O Arzúa non avisou e na primeira chegada ao borde da media hora de xogo marcou. Brais Pedreira aproveitou a mala saída de balón viveirense e cun zurdazo colocou o balón na escadra de Manu Cedrón. Case sen tempo para a reacción chegou o segundo. Manu Casal centrou desde a banda esquerda e Borja Míguez conectou un testarazo que rematou no fondo da portería.

Chusky moveu o banquiño no intermedio e deulle entrada a Facu e Criss no sitio de Álex Meitín e Rolle. Sen que houbera tempo para ver o rendimento do novo debuxo do Viveiro chegou o tanto da sentencia. O killer Íker Hurtado aproveitou un erro defensivo e superou ao gardameta viveirense.  A falta de pouco máis de vinte minutos para o final o cadro visitante quedou cun home menos pola expulsión do central Tomé, por dobre cartón amarelo. O Viveiro tentouno de tódolos xeitos posibles, pero non era o día. Incluso puido chegar o cuarto de novo por medio de Íker Hurtado.

Nos últimos compases os mariñáns pediron penalti sobre Javi Rey e protestaron un gol anulado a Arturo. Chusky e Bebo foron expulsados logo de recriminarlle ao colexiado estas accións.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*