No fútbol acontecen fenómenos inexplicables. Sabémolo todos os que estamos neste mundiño. Unha das máximas deste deporte é que cando mellor estás, sempre hai algo que che fai caer. José Antonio García ‘Josito’ dá boa conta delo. O polivalente xogador de Portomarín atopábase na cresta da onda. Sendo un dos piares do filial, ao que Luis César non lle quitaba ollo. Porén, xiros inesperados do destino; a súa ledicia culminou nun pequeno calvario. Con dúas lesións de xeonllo consecutivas, que o manterán apartado dos terreos de xogo ata o ano 2018. Falamos xa con Josito.

FUTBOLINLUGO: Boas Jose. Cóntanos como empezou o teu suplicio particular.

JOSITO: Ola. Pois o 22 de setembro nun partido contra o Arteixo. Nunha disputa de balón. Seguín xogando pero pronto notei que o xeonllo se me fora completamente.

FIL: E cando parecía que todo volvía á normalidade, un novo revés…

JOSITO: Sí, rompino por segunda vez nun adestramento, cando xa estaba a piques de regresar. Nun xiro volvín notar unha molestia e tiña a plastia rota. Desta vez só foi o cruzado, que da primeira foron tamén os dous meniscos. A triada.

FIL: Un cambio duro imaxino. Porque o inicio de tempada pódese calificar ata de soñado.

JOSITO: Previsiblemente non se contaba con que fixese a pretemporada co primeiro equipo. As cousas ían ben. Fun o xogador do filial que máis minutos contou na pretemporada do primeiro equipo. E nunha posición un pouco forzada para min, a de lateral -Josito é mediocentro-. Iso sí, eu adáptome as condicións.

Josito, adestrando co primeiro equipo do Lugo

FIL: A túa mente e ánimo xa están adaptados logo a este novo escenario?

JOSITO: O estado anímico vouno recuperando pouco a pouco. Os domingos estou fastidiado ao baixar ao campo. Como o pasado domingo no Ángel Carro. Bo día, moita xente nas gradas… Estou mentalizado do que teño. De volverme operar en septiembre e logo comezar 6-7 meses de recuperación. Non me podo operar antes porque a plastia necesita un tempo de recuperación.

FIL: Cómo está a ser o trato do clube coas túas doenzas?

JOSITO: O clube estase portando moi, moi ben. Axudando en todo, sen problema.

FIL: Parece entón que che está a devolver a confianza que ti lles deches o ano pasado ao firmar con eles, non?

JOSITO: O ano pasado tiña algunha oferta dalgunha categoría superior. Aínda así, no Polvorín déronme unhas condicións e unha confianza que me fixeron optar por estar aquí.

FIL: O teu contrato remata a 30 de xuño. Confías en que a pesares diso sigan respondendo dende o clube?

JOSITO: Non me sentei a falar co clube. Imaxino que algo me ofrecerán. Eu confío en que non me deixen tirado polo visto ata o de agora. Aínda que nunca se sabe nesto do fútbol.

Josito, xogando un partido co filial esta campaña

FIL: Agora que ves ao filial dende a distancia, a loita polo ascenso era o obxectivo ao principio de tempada?

JOSITO: Cousas máis complicadas se viron pero o ascenso pinta moi complicado. No verán, o obxectivo do filial, polo plantel que se formou, era o ascenso. Non era obligatorio, iso sí. Sabíase que podían pasar estas cousas. Calquera equipo che pode competir e ti caer ante eles. Viuse en Lemos e en Viveiro. Gáñanche equipos aínda que non se xoguen nada.

FIL: Falabas do plantel que se armou. Hai futuribles xogadores do primeiro equipo no filial?

JOSITO: Confío en que sí vendo ao equipo día a día. Cos xuvenís que veñen por detrás, máis aínda. A xente do clube fixo o filial e tiran de xente nova. Só hai que ver que Duque este ano xa foi convocado co Lugo e Góngora chegou a debutar.

FIL: Grazas Jose. Recupérate pronto!

JOSITO: Grazas. Un saúdo.

Comparte
                     

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*