Foto de portada: @CDChoco

A décimo terceira xornada da 1ª Fase estivo afectada novamente pola pandemia. Foron suspendidos catro partidos. En todos eles habería #LucensesNaTerceiraGalega. Aínda así, a finde deixou novas positivas. Dous dos xogadores da provincia volveron ter minutos logo das súas respectivas lesións.

Regresos, pero con diferente resultado:

Iago López volveu esta fin de semana ao once titular do Bergantiños. Non tiña minutos dende o 8 de novembro ante o Racing Villalbés. E non era titular dende o 25 de outubro precisamente ante o Silva. Unha rotura no isquio e as consecuencias da pandemia impediron velo antes nos terreos de xogo. De feito, xa volvera a convocatoria no duelo do 13 de decembro en Cantarrana. Daquela decidiran non forzar dado o estado do campo e o resultado favorable ao conxunto de Carballo. E dende aquela o Bergantiños non volvera xogar por mor de dous partidos aprazados que aínda están pendentes de desputar (contra o líder Somozas e o Paiosaco).

O regreso á competición non lle sentou ben o Bergan porque encaixou a súa primeira derrota do curso. Foi ante o Silva na Grela (2-1). Aínda que estamos falando de regresos, tamén temos que comentar unha ausencia. Xusto non puido desfrutar dende dentro a vitoria cos seus. A falta está máis que xustificada debido a recente paternidade do central focense.

Quen si volveu e con triunfo foi Alberto Suárez. O centrocampista levaba catro partidos sen xogar. Entrou no inicio da segunda parte do encontro entre o Choco e o Ribadumia en Santa Mariña. Naquel momento a vitoria era visitante (0-1). No segundo acto os locais remontaron e gañaron (3-1). A volta de Alberto coincide co fin da mala xeira do conxunto choqueiro. Levaba sete xornadas sen conseguir gañar. Ocupa a 5ª praza. Zona de permanencia non grupo B que está moi igualado.

O gardamallas Julen volveu á titularidade no Polvorín-Racing logo de ser suplente no anterior encontro

O partido con máis lucenses:

O derbi da xornada contou coa participación de catorce xogadores da provincia. Aínda que un dos protagonistas foi o coruñés Christian cun dobrete. No Polvorín tres xogadores da provincia contaron con minutos. Julen e Dani Vidal dende o inico e Guitián saíu no segundo tempo. O xogador de Sarria tivo deste xeito minutos por segundo encontro consecutivo. Tamén saíu dende o banco no anterior duelo da Magdalena.

No Racing xogaron once futbolistas lugueses. Un deles foi expulsado. Diego Muíña moi amonestado con dobre cartón amarelo. Non tivo minutos, pero primeira vez entrou na convocatoria o xuvenil Diego Ferreiro. O centrocampista lucense ocupa a posición de centrocampista.

Os triunfadores:

O Arzúa amargou a estrea de Chollas como técnico do As Pontes (vindeiro rival do Racing Villalbés). No conxunto arzúan volveron ser da partida Álex Vázquez e Pedro Delgado. Xogaron todo o encontro. Brais Prieto entrou na lista, pero non gozou de minutos desta volta. O conxunto do Viso é sexto na táboa clasificatoria. Unha das posicións máis prezadas esta campaña. Ese posto asegura xa na 1ª fase a salvación matemática. O Viveiro está a dous puntos dela e cun partido pendente de xogar.

Pola súa banda, o Somozas volve selo líder do grupo A. Venceu o Agruación Estudiantil (5-1). Non xogou Aldán. Nun partido tranquilo para o Somozas (dende a hora de xogo) Jairo Bello deu opción a outros compañeiros. O viveirense participou en dez partidos sempre entrando dende o banco.

Partidos aprazados (nos catro habería representación da provincia):

Paiosaco – Fabril (Iván Abel Bruzos ía arbitrar o partido)
Viveiro – Fisterra
Arosa – UD Ourense
Ourense CF – Arenteiro

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*