Esta nova edición dun #DiarioDunMercado está protagonizada polos regresos. Sobresae na Teceira RFEF a volta de Marino ao Viveiro. O ‘Comandante’ de Meira deixara o equipo o verán pasado logo do ascenso. Despois dunha tempada no Racing Villalbés sen continuidade, o lateral e extremo volve a Cantarrana.

Pola súa banda, o Racing Villalbés incorpora ao mediocentro Alberto Novoa. O xogador ourensán procede do Somozas. Coincidirá no cadro racinguista co seu irmán Jandro Novoa, integrante do corpo técnico encabezado por Simón Lamas. Por outra banda, nin Moreda nin Bruno Caballero continúan no club.

Na categoría confírmase o que xa contou Futbolinlugo, a chegada de Luis Díaz ao Somozas. Ademais, como conta Manu Amor en muchacalidad.com, o ex xogador do Polvorín, Manu Núñez tamén xogará no cadro verde e branco. O mesmo medio apunta a posible chegada do dianteiro David Rojo para o filial do CD Lugo procedente do conxunto de Ferrolterra.

Xa na Preferente, a Sarriana comunicou oficialmente a chegada de Edu Rodríguez ao banco da Ribela. Esa circunstancia xa trouxo consigo os primeiras movementos. Diego Torres é a primeira fichaxe procedente do Club Lemos ao igual ca o seu adestrador. Ademais comunicáronse as renovacións de Javi Liz, Óscar Rivas, Keko Vilariño, Jacobo Vilariño e Diego Rey.

Outro dos regresos vaise producir en Monforte. O Club Lemos ficha a un vello coñecido. Diego Arias dera o si a unha temporada máis na SD Chantada pero a chamada do club da súa vila fíxoo recuar. O atacante convértese na primeira chegada ao proxecto de Alberto López. No Altético Escairón, Huguito continuará unha temporada máis sendo un dos piares da defensa do cadro do Saviñao. O club tamén vén de anunciar a segunda incorporación do mercado. Adrián Carrasco chega procedente do Club Lemos a un conxunto onde xa estivera.

Indo cara o fútbol que leva case ano e medio parado situámonos na Primeira Rexional. O Castro anunciou a renovación de Nacho, Dani e Noel. Indo cara o centro da provincia, Abad seguirá adestrando a un Friol que sufrirá unha importante restruturación. Na Ulloa, Bili cumprirá a súa terceira temporada consecutiva no primeiro equipo do Monterroso. Tamén renova Iván Calvo.

Na Segunda Rexional, o Palas anunciou a continuidade no proxecto do adestrador Iván ‘Karanka’. O Carballedo continúa co seu labor nas redes sociais e anunciando á par a confección dos dos conxuntos. Javi Airiños continúa no equipo masculino e Rocío faino no feminino co que aínda non se estreou por mor da covid.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*