Foi un luns moi animado, que quizais presaxie o que pode significar esta semana e a próxima no que a termos de mercado se refire. Movementos varios en multitude de categorías, máis alá de todo o que se está cocendo no noso fútbol. Que non é pouco!

Comezamos pola recén creada Segunda RFEF, onde coincidirán dous lucenses. Onte sabíase da fichaxe do ex CD Lugo Iago Díaz polo histórico Real Avilés. E tamén toca informar da renovación de Ross co recén ascendido Arousa. Será a segunda temporada do xogador lucense no cadro de Vilagarcía. Ross foi un dos indiscutibles ao longo da pasada campaña ás ordes de Rafa Sáez.

Unha categoría máis abaixo, o Viveiro presentou a Diego Muiña. O contrastado central chega a Cantarrana despois de oito temporadas a gran nivel no Racing Villalbés. Ademais, adiantamos onte a próxima incorporación de Brais Prieto. O medio do Valadouro regresa á Mariña desde o Arzúa e a súa fichaxe será oficial en horas ou días.

Sen movernos da Terceira, imos ver moitas caras coñecidas polo Manuel Candocia. Tal e como adiantan dende MuchaCalidad, Santi Gegunde xogará no Somozas logo da súa etapa no Racing Villalbés, equipo no que tamén causa baixa o gato do Vicedo. O meta Javi Pita pon fin á súa etapa na Magdalena.

Volvendo ao Somozas, tamén incorpora ao vilalbés Kiko. O central xogou a última temporada no Guadalajara na Terceira División manchega. E tamén chega ao cadro de Ferrolterra Asier Santalla procedente do Polvorín.

No Somozas coincidirán con Aldán Naval. O futbolista viveirense ten un ano máis de contrato logo da súa estrea como sénior. A súa presenza nos partidos foi de máis a menos a pasada campaña.

Xa na Preferente, o novo Ribadeo de Dani Moirón vai collendo forma. O Pepe Barrera ten novo killer. Regresa Adrián García dende Tapia. Canteirán e exxogador do Polvorín, entre outros. Gol garantizado. Pero para que cheguen os tantos fan falta mediocentros. E aí aparece o ex da Pontenova Charly, que tamén recala en Ribadeo desde o Tapia asturiano.

Na Primeira, o Folgueiro de Anxo terá un cadro de xogadores de 23-24 futbolistas. Incorporan varios xogadores procedentes do Viveiro B como son os casos do defensa Álvaro, o central Sergi, o mediocentro Xavi e o lateral zurdo Pablo Chao (irmán de Diego Chao). Tamén volve Mario Gómez así como Marcos ‘Paguato’.

Por último, na Segunda o potente Rivera seguirá unha campaña máis nos Medos. Renova no Brollón.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*