
O mercado non para nin a finais de semana. E acumúlansenos os movementos. Así que, sen máis dilación, imos con elo. Comezamos pola Preferente onde o capitán Canario certificou a súa continuidade no Foz unha campaña máis. Un anuncio peculiar na súa conta de Instagram co cancelo #thelastseason. O que fai indicar que será a temporada da súa despedida. Deste xeito, Canario é unha das primeiras renovacións do cadro de Javi Chinchón, que anunciará máis novidades esta mesma semana. Sen movernos de categoría, a Residencia tamén aposta pola continuidade. Os capitalinos confirmaron de xeito oficial o que xa era un secreto a voces: Álvaro Meilán mantense aos mandos escoltado polo emblemático Antonio Gómez como segundo. Ademais, o Lemos fichou ao xove Rubén Porto. O mediocentro, formado nas canteiras de Lugo, Monterroso e Palas; confía en agradar ao técnico Edu Rodríguez.
A Primeira concentra a maioría de noticias deste Diario dun mercado. Comezamos polo banco da Veiga. Todo apunta a que nas próximas horas será oficial a chegada de Jandri Rego a Riotorto, o antigo preparador do Folgueiro. O que xa está confirmado e o que anunciabamos no noso Twitter esta mesma mañá. O lateral zurdo Alvarito deixa a Sarriana para recalar no potente proxecto do Pol. En Chantada, non paran de moverse. A SD renovou ao meta Álex Porto e Gonza así como aos bisoños Pichu, Antón, David e Raúl. No equipo feminino, fixeron o propio con Nati, Tania e Candy. Os veciños do Atlético apostaron pola continuidade de Pablo, Cristian e Saúl. E por dúas fichaxes máis: o atacante César, ex do Lemos; e o extremo esquerdo Javier Vázquez, con pasado en Cea, Peroxa, Maside e Arnoia. Por último, o Sporting Pontenova anunciou as renovacións dos seguintes xogadores: Diego, Fran Fiallega, Villy, Iván, Álvaro, Juan, Borja Lombardero, Puente, Álex, Cristian Nabriga, Charly e Pablo Castrín. Sube dende o xuvenil David Rodríguez.


