Este martes fanse dous anos da primeira edición do All Star Futbolinlugo. Foi a primeira e tamén a única vez que Futbolinlugo conseguiu organizar a gran festa do fútbol lucense. O ano pasado prometemos volver en 2021, pero as consecuencias da pandemia impedírono.

Estas dúas temporadas practicamente nulas para o balompé da provincia, provocaron que non se consolidara o gran evento do final de campaña. En 2019, Futbolinlugo, en colaboración co Concello de Burela, a SD Burela e demais colaboradores, preparou unha tarde de puro fútbol.

Os concursos previos da primeira hora, deron paso os encontros. O feminino entre unha Selección Norte e outra Sur e o masculino con equipos conformados por xogadores de Preferente e Terceira Rexional contra os de Primeira e Segunda. Foi unha tarde de xuntanza e de emocións. Un momento para homenaxear os que colgaron as botas e para lembrar aos que, por desgraza, xa nos deixaron polo camiño.

Futbolinlugo segue crendo na importancia dun evento deste tipo. Un acontecemento necesario para seguir dignificando o noso fútbol. A ausencia de competición na Primeira, Segunda e Terceira Rexional indicou que este xuño tampouco era o momento.

Non obstante, na cabeza da organización non está o de deixar pasar esta romería. Por iso, se así o cren axeitado a maioría dos estamentos do fútbol lucense e contamos cos apoios necesarios, o All Star Futbolinlugo volverá. Farao coa mesma intención coa que naceu e tentando mellorar todo o feito ata o momento.

Os lucenses da Terceira RFEF xa teñen data de inicio: 

Agora o máis urxente pasa por saber canto antes que pasará na temporada 2021/2022. Polo de agora, a Real Federación Galega de Fútbol aínda non ten data para a súa habitual Asemblea de verán. O que xa se sabe é cando comezarán o curso o Polvorín, o Racing Villalbés e o Viveiro. A Federación Española fixo oficial que a 3ª RFEF comezará a primeira fin de semana de setembro (sábado 4 e domingo 5).

Ademais da data da Asemblea, a RFGF tamén está pendente dunha reunión coa Xunta para comprobar se será posible o inicio das ligas que non se xogaron esta tempada. De Primeira Rexional para abaixo. Agárdase que en próximos días poda ir habendo algunha noticia. Non obstante, os equipos confían en poder saír adiante e algúns deles xa se comezaron a mover tal e como se pode comprobar no seguimento habitual de Futbolinlugo no Diario Dun Mercado.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*