Esta fin de semana comeza a Preferente Galicia máis tardía da historia. Os sete conxuntos do Subgrupo A Norte serán os encargados de dar o pistoletazo de saída. Todos eles da contorna da Coruña. Os nosos, encadrados no subgrupo C, farano unha semana máis tarde. E aquí vos deixamos a análise, equipo por equipo, dos seis representantes da provincia de Lugo. Recordamos que o Atlético Escairón renunciou a xogar esta temporada exprés.

CD Foz: Aposta polo futuro. No Martínez Otero non hai presión algunha. Pode a ilusión de desfrutar dunha categoría que pensaron perder a campaña pasada. Javi Chinchón repite no banco con moitas caras novas no verde. Reforzos de xuventude e que construirán a nova columna vertebral do equipo no curto-medio prazo. Os David Ben, Xesús, Samuel, Rubén, Diego Chao… para xerar novas ilusións ante o adeus de ídolos como Ibán Gayol ou Asier.

Ribadeo: Unha auténtica incógnita. Moitos cambios para unha temporada demasiado curta. Dende a directiva ata un cadro de xogadores repleto de caras novas. Rafa Casanova ten a difícil tarefa de conxugar rápido e ben todos os elementos dos que dispón. Vellos coñecidos como Samu Quintela ou Marcos Peña uniranse a fichaxes varias da comarca como o dianteiro Jairo Campo ou o porteiro Simón. Así como aos xóvenes talentos procedentes da SD Ribadeo.

Santaballés: Rival incómodo nunha Liga volve ser de Preferente. Na Chaira continúa o groso do cadro de xogadores que conqueriu o ascenso. Ademais, Dani Moirón reforzou o equipo con vellos coñecidos da súa etapa en Pontenova como Castrín, Roi ou Fran Fiallega. E cun ilustre con gañas de reivindicarse: Julio Camba. Jorge Pereira (Outeiro) é o novo home gol. O Santaballés agarda facerse forte no seu campo e meterlle o medo a calquera.

Residencia: Álvaro Meilán mantén o núcleo duro dunha Cheda que apunta a fortín. Ademais mellorou o seu cadro de xogadores con incorporacións da talla de Gonzalo Edrosa, Álvaro ou Dani Renda. O ‘dez’ ten a difícil tarefa de facer olvidar a Dani Galán na mediapunta lucense. Relevo xeracional constante para un club que sempre aposta pola canteira e que non renuncia a nada.

Sarriana: Ten tódolos argumentos necesarios para erixirse como o gran favorito. Xogadores de renome xunto a un técnico experimentado, Charly, e que coñece á perfección a categoría. Na Ribela ficharon e ben. Diego Rey, Álex Pérez, Javi Liz, Óscar Rivas, Luis Díaz… E o goleador Gerardo coma última incorporación. Case nada!

Lemos: Pode ser o gran tapado. Edu Rodríguez e o seu equipo seguen crecendo temporada a temporada. Manteñen o bloque e suman efectivos de garantías cada ano para darlle un novo plus ao equipo. A cancelación de Primeira Galicia brindoulle a oportunidade de pescar dous homes máis que interesantes á causa: Julito e Rubén Díaz.

Fotografía principal: La Voz de Galicia

Comparte
                           

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*