O fútbol lucense non vivirá o Entroido con disfraces e diversión, senón coa tensión propia do tramo de tempada que os clubes xa están vivindo nestas xornadas. Con moitos dos obxectivos por cumplir, algúns dos partidos desta fin de semana serán decisivos para ver a que van aspirar algúns dos lucenses. O ascenso, a salvación ou a consolidación de postos de promoción serán protagonistas de duelos directos aos que a provincia poderá achegarse para desfrutalos.
Sarriana e Racing Vilalbés ante unha gran oportunidade
Tanto a Sarriana coma o Racing Vilalbés queren loitar ate o final pola posibilidade do ascenso directo á Segunda RFEF. O encontro entre UD Ourense e Arousa dá a ambos a opción de ou ben acadar o liderado da Terceira RFEF ou sacar a un dos principais favoritos da ecuación polo ascenso. A Sarriana terao moi difícil, xa que recibe ao Estradense, cuarto a tres puntos do conxunto de José Antonio Rodríguez este sábado ás 17.30 horas. O Racing Vilalbés xogará coa ventaxa de saber todos os resultados dos rivais directos o domingo ás 12.00 ante o Boiro.
Os outros dous encontros da xornada de Entroido do fútbol lucense na Terceira RFEF serán importantes para saber que é o que acontecerá na zona media e na zona baixa. O Viveiro necesita gañar, xa que o descenso só está a dous puntos dos de Adrián Benavides. O seu encontro do sábado ás 17:00 horas ante o Gran Peña pode ser un golpe na mesa para os mariñáns. Estes poden ter axuda o domingo ás 12:00 horas se o Polvorín é capaz de vencer ao Vilalonga na Cheda, o que aliviaría ao Viveiro.
A salvación da Preferente en xogo no derbi provincial
A maior parte das opcións do Atlético Escairón por pelear por permanecer na Preferente unha tempada máis pasan por un derbi de Entroido vital no Municipal do Saviñao ante o Ribadeo este domingo ás 16: 30 horas. Un encontro tamén trascendental para os da Mariña, xa que os posibles arrastres que se poidan dar poderían afectar ao conxunto de Luchi. O Lemos terá que visitar ao líder, o Atlético Coruña Montañeros o domingo ás 12:15 e o Pol tamén exercerá de xuíz na loita polo descenso no seu encontro na matinal do domingo ante o Galicia Mugardos.


O fútbol lucense vivirá unha xornada trepidante na Primeira Futgal
Na Primeira Futgal, o fútbol lucense vivirá no Entroido unha loita encarnizada polos postos máis altos da clasificación. Comezando pola loita polo ascenso, o Chantada enfróntase na súa casa ante un Burela que ven de perder ante o Foz, mentres que o conxunto do sur da provincia sabe que gañar o encontro pode facer que os catro primeiros se apreten moito máis na clasificación. A Residencia xogará o seu partido este mércores ante o San Lázaro, mentres que o Castro visitará ao Taboada.
Por outra banda, na zona baixa a pelexa pola permanencia terá un novo capítulo máis onde moitos equipos terán duelos de gran importancia. Meira e Oural, ambos nos postos de descenso, xóganse moitas das súas opcións de salvación no seu encontro. Sobre todo, sabendo que Outeiro de Rei e Lourenzá enfróntanse entre sí, o que pode significar achegarse á tan ansiada permanencia. O Pastoricense, a tres puntos do descenso, xogará no seu campo ante o Guntín con ganas de alonxarse dos postos de perigo neste Entroido.
