#Feminino #Fútbol afeccionado

En marcha a Segunda feminina con representación lucense

Chegou o outono e, con el, inícianse as competicións que faltaban por comezar nesta temporada. A Segunda División feminina bota andar nos grupos 1 e 2, despois de varios problemas para a confección dos grupos, mentras que o grupo 3 (equipos de Pontevedra) xa van pola quinta xornada. Este curso a provincia de Lugo estará representada por dous equipos. Por un lado o Antas, que competirá no grupo 2 e inicia a liga a vindeira fin de semana. Está encadrado con algúns equipos da zona das Mariñas, tamén de Santiago, Barbanza e viaxará a terra de Valdeorras para enfrontarse ao Rúa. Por outra parte, o Ribadeo, que inicia este domingo a súa campaña, quedou encadrado no grupo primeiro con equipos da zona da Coruña.

Un conxunto con marxe de mellora 

O Ribadeo ten un convenio co Pontenova que tamén aporta xogadoras. Imaxe do primeiro encontro que disputaron. Foto: Twitter @RibadeoFC

Será no campo de Oseiro, en Arteixo, onde o Ribadeo xogará o seu primeiro partido oficial da historia fronte o SCD Pastoriza que conta no seu cadro de xogadoras con Marta Brañas, toda unha campioa no mundo do boxeo que se cambia ao fútbol. Despois dun verán con cambio de adestrador incluído (marchou Jesús e chegou Nacho) o equipo da Mariña busca aprender día a día e intentar medrar nunha zona onde o fútbol feminino non é moi practicado.

«Somos un equipo novo. Imos un pouco a aventura» afirma Nacho que hai un mes que se fixo cargo do Ribadeo. Será a súa primeira experiencia no fútbol feminino despois de adestrar na base, ao igual ca moitas das futbolistas que está adestrando: «Hai dúas mulleres que xogaron ao fútbol campo, pero o resto veñen procedente do fútbol sala. Temos que darlles tempo».



Dende a chegada do novo técnico só puideron xogar dous amigables, en parte pola dificultade para atopar equipos preto. «Xogamos cun equipo de Asturias e ca Milagrosa, equipos moito máis asentados xa», afirma Nacho. A primeira cita é fóra da casa e son conscientes de que tocará viaxar ao longo de toda a temporada: «Dentro do que cabe a zona da Coruña quédanos a hora e media«, apunta o míster que terá que afrontar o primeiro choque con varias baixas, a pesar de que nesta semana aínda chegaron máis fichaxes ao club da Mariña.

Continuidade no Castro Seoane

O Antas finalizou na sexta posición na temporada pasada. Imaxe dun amigable de pretemporada. Foto: twitter @SDAntas_Oficial

O Antas debutará o domingo da semana que vén. Faráo no Castro Seoane diante do Abellá. Despois dunha pretemporada longa o equipo adestrado por Melendo xa ten gañas de comezar: «Comezamos en agosto, case dous meses de preparación. O único problema foi buscar equipos para xogar amigables«. Aínda así, o técnico amósase moi contento co nivel mostrado polas súas futbolistas: «O nivel de adestramentos foi moi bo, cunha gran asistencia». Esta boa sintonía chega, en parte, pola continuidade principal do bloque: «Hai 19 fichas, con cinco caras novas con respecto a temporada pasada«, afirma o míster.



Ao igual que lle ocorre ao Ribadeo, o Antas é consciente de que terá que percorrer quilómetros para xogar os seus enfrontamentos como visitante. E por iso que Melendo non entra a valorar a composición dos grupos: «Nos só queríamos que nos tocara Santiso e Touro que son os desprazamentos máis próximos que temos, e así foi». Non obstante, o primeiro encontro será na casa: «afrontámolo con moitas gañas sabendo que estamos adestrando moi ben. Imos facelo mellor en cada partido, diso non teño dúbida«, sentencia Melendo.

Mirando a longo prazo pola Ulloa non se marcan obxectivos: «A min o único que me preocupa é o día a día porque iso é a base dun club. Estou adestrando co 80% do cadro de futbolistas e as que non veñen son porque están fóra por motivos de estudos. Con iso xa me conformo», comenta con entusiasmo Melendo.

O fútbol feminino vai a máis

O adestrador do Antas tamén aproveitou para repasar o momento que está vivindo o fútbol feminino actual: «Cada vez vai a máis, non só no ámbito galego senon tamén español. No fútbol da provincia creo que o equipo que tiña que ser referente sería o Lugo abrindo unha sección feminina, como na Coruña está o Deportivo, por exemplo. Pero iso é unha suposición miña. Sen menospreciar ao resto, como neste caso o Friol e a Milagrosa que están máis arriba», apuntou o preparador.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *