O baile de adestradores nos bancos lucenses deu moito que falar na última semana polos numerosos movementos que se deron. Lemos, Pol e Atlético Escairón xa atoparon aos seus novos adestradores, Edu Rodríguez, Labrada e Brais Prados respectivamente. O mesmo lle acontece ao Chantada Atlético, que contratou a Fernando Corredoira.
O novo adestrador do Lemos, Edu Rodríguez, pasou polos micrófonos de Ser Deportivos Lugo e enfrontouse as preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo. O protagonista da semana falou sobre a nova etapa que acaba de arrincar e o seu pasado tanto en Chantada coma no Barco e en Sarria.
Podes escoitar aquí a entrevista íntegra:
O regreso ao Lemos: «Óscar contactou conmigo, eu estaba moi cómodo pola gran estrutura que tiña o Chantada Atlético na Primeira Futgal e por iso costoume dar ese paso. Si que é certo que en caso de saír a metade de tempada soamente era para ir cara Monforte. Estou moi contento de poder tratar de axudar ao clube a conseguir os seus obxectivos».


O proxecto: «É un proxecto diferente ao que tiña antes. Comezando pola directiva, que é completamente diferente xa comezando polo presidente ate chegar ao último directivo. É un proxecto deportivo focalizado no nome de Óscar que penso que é unha persoa moi competente para esa función e que chega con moita ilusión e coas ideas claras para darlle unha volta ao clube».
O obxectivo do Lemos, seguir na Preferente
Obxectivo: «Manterse en Preferente. A situación non é nada sinxela inda que teñamos puntos de marxe. A dinámica de resultados está aí e necesitamos traballar moito para poder manter o equipo na categoría.
Chantada Atlético: «Paso inmellorable. Si que é verdade que no primeiro ano tiñamos equipo para estar máis arriba, pero penalizounos perder en enfrontamentos directos. O equipo fixo bos partidos e consseguiu ter regularidade. O único que se pode botar en falta foron eses partidos importantes. Este ano era un ano de reconstrución a nivel cadro de xogadores e estabamos nun ano tranquilo para o clube no que non creo que aspiren a zonas altas, pero nunha situación de tranquilidade».

Experiencia no Barco: «Chegou no peor momento. Decidín marchar de Sarria despois de perder contra o Lemos. Non estaba descontento, todo o contrario, o cadro que tiven alí era doutra categoría e estabamos cumplindo os obxectivos pouco a pouco, pero coa mala sorte que nos impediu lograr o ascenso. O Barco falou conmigo e si que é certo que alí non estiven nada ben. Si que pensabamos que podíamos sacar máis rendemento do que ao final conseguimos. Serviume para aprender e manexar diferentes situacións.»