Hai un club na cidade de Lugo que non para de medrar. O SDC San Roque acaba de conseguir un histórico ascenso á Primeira Galicia e faino sendo o campión da Segunda grupo sur, a falta dunha xornada para rematala competición. O conxunto verdiblanco poderá desfrutar dunha derradeira xornada tranquila á marxe dos seus rivais que aínda se xogan unha praza de ascenso.
O cadro lucense conseguiu o salto de categoría ao gañar o derbi a Comercial por 5-0 que levou o equipo visitante a confirmar o seu descenso. Non obstante, o punto chave producírase unha semana antes, ca vitoria ante o Palas nunha auténtica final anticipada. E que a segunda volta do San Roque é para enmarcar; só perdeu un partido, ante o Friol, e sumou sete vitorias consecutivas nas últimas xornadas.
Isto colle máis mérito se temos en conta que hai dous anos o equipo estaba na Terceira Galicia. Da man do actual adestrador, Rubén Sanjurjo, máis coñecido no mundo do fútbol como Piru, conseguiu o ascenso á Segunda. Despois dunha temporada de transición onde as derrotas nos últimos partidos lles impediron estar arriba, chegou este histórico éxito que complementa tres anos brillantes no San Roque.
«Para ascenser téñense que dar moitas circunstancias. Fixemos un grupo ao que non hai que reprocharlle nada» afirma Piru quen apunta tamén que «nestas categorías é complicado xuntar xente para adestrar porque os futbolistas traballan. No noso caso, aínda por riba de traballar dez horas diarias, veñen adestrar. Adestramos tres días a semana e mínimo sempre fumos 15 xogadores dos 19 que somos. Isto é mérito dos futbolistas».



O San Roque non se propuxo nun primeiro momento o obxectivo do ascenso: «a idea era chegar as seis últimas xornadas e estar aí arriba, con opción de engancharse aos dous postos de ascenso», subliña Piru que quería evitar non ter nada en xogo nos últimos enfrontamentos. «Unha vez que vimos que estabamos en ascenso, o obxectivo era subir. Todo foi xurdindo e todo nos saíu de cara».
«Nese momento ningúen apostaba por nós»
Parte do éxito de conseguilo ascenso estivo na realización dunha segunda volta espectacular, despois de comezala segunda metade da liga lonxe dos postos de cabeza. «Na xornada 3 da segunda volta empataramos 1-1 ca Residencia B e estábamos a oito puntos do líder. Ademais quedábanos un calendario difícil, xa que había que visitar a Brollón (líder naquel momento), Palas (líder durante varias xornadas), Ferreira ou campos difíciles como o do Oural. Nese momento ninguén apostaba por nós» destaca Piru que valora o paso adiante que deu o equipo no último tramo de competición.

Nestes momentos, o posible descenso da Milagrosa e o ascenso confirmado da Residencia á Preferente, deixaría ao San Roque como único equipo da cidade amurallada na Primeira Galicia e como o cuarto equipo de Lugo capital, por detrás do CD Lugo, Polvorín e Residencia. «Ascender a Primeira é un premio terrible. Creo que non somos conscientes do que o club consegiu. Somos un equipo que non temos demasiados recursos, nin axudas extraordinarias que che permitan facer algo máis ambicioso. É algo impensable, pero moi bonito», subliña Piru que nos moitos anos que leva xogando o fútbol, isto é para el das cousas máis importantes que conseguiu.
Agora, o futuro é ilusionante. Por diante queda unha nova edición da Copa Diputación onde o club ten unha espiña cravada logo dunhas últimas malas participacións. Máis adiante, a planificación dunha temporada apaixoante na Primeira Galicia para que Piru non confirma nin desmente se seguirá a fronte deste grupo: «o primeiro é desfrutar do conseguido. A miña primeira opción vai ser seguir, pero hai que saber como o club quere afrontar a temporada nunha categoría que esixe outras cousas». O ano pasado a 10 de xuño o cadro de xogadores estaba prácticamente definido, polo que se o San Roque segue ó mesmo ritmo este ano non imos tardar en coñecer máis novidades dun club humilde que non para de medrar.