O Racing Vilalbés continuará capitaneado por Pablo Vivero. O club fixo oficial a renovación do mediocentro por unha temporada polo que cumprirá a súa vixésimo cuarta no cadro chairego. Ademais, o equipo adestrado por Juan Peón, comunicou a renovación do central Diego Muíña.
Na Primeira o Santaballés reforza a defensa coa chegada de Alberto Cornide «Muñiz». O futbolista de Árbol, que tamén se desenvolve na posición de mediocentro, chega procedente do Outeiro de Rei co que disputou este ano a Preferente. Criado nas categorías inferiores do Racing Vilalbés, tamén pasou pola Sarriana.
Na Segunda o Xermade informou da súa primeira incorporación para a vindeira temporada despois do seu descenso. Trátase do regreso do dianteiro Adrián Meizoso, coñecido tamén como o «Cañoneiro do Barreiro» que chega procedente do Cabreiros. Ademais, o Iberia comezou a adestrar cunha nova fichaxe, a de Iván Javier Martínez Parra «Ivanja». O atacante de 23 anos reforza o cadro de Reinante logo dun ano sen xogar o fútbol e previo paso polo Tapia e o Astur Vegadense.
Na Terceira bota a andar o novo proxecto do Matela que mantén a 15 futbolistas do ano pasado coa principal novidade de que Rubén Sanjurjo «Piru» será o novo adestrador, despois da marcha de Quiroga. O cadro de Outeiro tamén terá 10 xogadores a proba. Indo cara o norte, o Celta Barreiros confirmou os seus amigables de pretemporada. Este domingo xogarán en Foz, o vindeiro mércores fronte ao Ferreira, o venres 17 na casa ante o Mondoñedo e o mércores 29, tamén na casa, co Lourenzá.