#Fútbol afeccionado #Feminino #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun mercado. Episodio 423

O capítulo 423 do Diario que máis nomes acumula en todo o verán comeza por unha das grandes futbolistas da provincia. A All Star Nere Lombardero xogará por segunda tempada consecutiva nas Rías Baixas. A xogadora da Pontenova renova polo seu club de Sanxenxo que vén de cambiar de nome. Agora chámase Atlético Villalonga e mantén o patrocinio de Viajes Interrías, pero non na imaxe corporativa.

Nere fará vinte anos cando comece a nova tempada na 2ª RFEF, a terceira categoría do fútbol feminino español. O Atlético Villalonga abre unha nova etapa tras a saída da adestradora Cris Oreiro. O curso pasado loitaron ata o último partido por entrar na fase de ascenso. O novo preparador é Edu González, un clásico do futfem nas Rías Baixas.

O club habitual do campo de San Pedro é o único galego da categoría. Os seus desprazamentos máis próximos serán ante os rivais asturianos. Unha proximidade que de seguro agradece a familia de Nerea Lombardero cando xoguen co Real Avilés, Sporting de Gijón ou o Real Oviedo.

Tamén con respecto ao fútbol feminino hai unha nova importante no sur da provincia. O Monteforte ten novo adestrador. Julio Corral será o preparador do equipo monfortino no novo curso na Terceira Galicia. Substitúe así a Cristian Penas que dirixiu ao equipo a pasada campaña.



Corral conta cunha traxectoria importante en clubs da zona sur de Lugo. Un especialista en conseguir ascensos. O último logrouno na tempada 22/23 co Incio á Segunda Galicia. Non obstante, do conxunto amarelo saíu mediada esta campaña. Agora porá a proba os seus coñecementos no futfem.

Na 3ª RFEF masculina, o Polvorín anunciou a súa terceira fichaxe. O defensa Carlos Alonso incorpórase ao filial albivermello procedente do Rápido de Bouzas. O vigués cumprirá 22 anos cando comece a liga e xa ten experiencia na categoría co cadro do Baltasar Pujales. Anteriormente formouse na canteira do Val Miñor.

Hai unhas semanas o Racing Villalbés anunciaba a non continuidade do centrocampista Diego Uzal. Un dos xogadores máis destacados da campaña dos chairegos regresa ao Bergantiños para xogar en 2ª RFEF ás ordes de Jorge Cuesta, o ex adestrador da Sarriana.



Adri Salgado e Sanginés, reforzos de calidade para Lemos e Escairón

O chantadés de 33 anos vén de facer 18 goles a pasada campaña en Primeira co Chantada Atlético

Na Preferente, o Lemos ficha ao goleador Adri Salgado procedente do Chantada Atlético. Finalmente renova o capitán Varela, que anunciara a súa retirada no Ser Deportivos Lugo na sección ‘O protagonista da semana’ da man de Futbolinlugo.

O Escairón ficha ao veterán atacante Yago Sanginés, procedente do Sporting Celanova. Vén de marcar 16 goles na última campaña na Primeira Galicia de Ourense. Leva catro cursos xogando nesa categoría no cadro celanovés, pero Sanginés garda no seu currículum grandes tardes de fútbol.

Chegou a xogar en Segunda B no Montañeros e no extinto CD Ourense, co que tamén militou en Terceira División. Ademais formou parte do equipo do Arenteiro que logrou o ascenso á Terceira Galega e que abriu paso para a gran traxectoria actual do club do Carballiño.

O 423, o episodio da renovación de Lourido

Lourido é outro dos protagonistas do episodio 423 coa súa renovación polo Meira aos seus 46 anos
Lourido fichou no Meira logo da pandemia; xogou dúas tempadas en Segunda, ascenso e permanencia o curso pasado en Primeira

Na Primeira Galicia seguirán vendo polos campos a Xosé Lourido. O lateral esquerdo de Meira xogará a cuarta temporada seguida no club da súa vila. Aos seus 46 anos será un dos líderes dun equipo no que tamén renova o gardamallas fonsagradino Jorge e Diego Sangiao.

O Santaballés fixo oficial a fichaxe de Adrián Paredes. O mediocentro vilalbés procede do Cospeito, equipo no que levaba dende xuvenís. Paredes convertiuse nas últimas tempadas nun dos centrocampistas máis completos da Segunda Galicia e terá a oportunidade de seguir medrando na Liga aos seus 27 anos. En Santaballa tamén continuará xogando Adrián Vérez. Será a 11ª tempada do dianteiro vilalbés no equipo.

En Chantada os dous conxuntos sénior masculinos da vila analizan a posibilidade de unirse. Ambos convocan aos seus socios para unha Asemblea o 22 deste mes na que tratarán o tema. Mentres tanto a SD continúa anunciando renovacións. Hugo Listón e Davicín tamén seguen no equipo. Adrián Méndez ‘Traste’ xa conta con 16 xogadores do primeiro equipo.

Na Segunda Galicia, o Incio continúa comunicando renovacións. A última a de Javi Urdi que se mantén no cadro amarelo. A pouco máis de 30 km, o Ferreira ficha ao gardamallas Pablo que procede do xuvenil do Monforte. Competirá por un posto co monfortino Adri García.

O Roupar prepara o novo proxecto na Terceira Galicia. No conxunto verde van continuar Xosé, Marcos, Paredes, Andrés Pita e Kike. Polo momento chegan seis fichaxes. Incorporan a Adil e Karim procedentes do Catro Roldas, a Manuel e Sergio dende o Esteo FS, a Pablo do Lago Sport FS e a Borja.

Tamén se moven os equipos do concello de Sober que volverán vivir outro derbi o próximo curso. De feito, a interralación é máxima. O Sober anunciou a incorporación de Javier Álvarez Lamus, con pasado no Río Sil. Ademaís tamén ficha a Nico Díaz. O dianteiro procede do Brollón onde xogou o último curso.

Ramón Loureiro refrozará o Río Sil na súa primeira tempada sénior. Procede dos xuvenís do Monforte. David Díaz ‘Cuñas’ mantense no equipo sendo un home de club. Incombustible tras máis de vinte anos na Carqueixa. Tamén continúa o dianteiro David García ‘Chomi’.

Diario dun mercado. Episodio 423

Diario dun mercado. Episodio 422

Diario dun mercado. Episodio 423

Diario dun mercado. Episodio 424

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *