Os equipos da Preferente que máis tardaron en decidir finalmente o seu futuro seguen tentando construír o seu cadro de xogadores neste mercado. No novo Escairón de Anxo Valcárcel chega o mediocentro Daniel Dafonte. O mediocentro monfortino procede do Arenteiro co que conseguiu o ascenso esta temporada á Terceira División. No último curso no conxunto do Carballiño, Dafonte participou en 29 partidos sendo titular en 22. Pola súa banda, na Primeira o Lemos, despois da formación da nova directiva encabezada por Óscar López, o adestrador Edu xa comezou a facer as primeiras incorporacións. Adrián Antas, Borja Rodríguez, Emilio, Gonzalo Torres, Hugo Madarnás, Leo, Roberto Varela e Sergio Guitián. Guitián e Madarnás debutarán en categoría sénior procedentes dos xuvenís do Calasancio. Por outro lado, Ivo reforza a Sarriana adestrada por Julio Corral procedente do Bóveda.
Na Segunda Galicia norte o Burela confirmou dúas renovacións máis. Deonildo e Raúl Lara seguirán formando parte unha campaña máis do cadro da Marosa. No grupo sur destaca a actividade da Milagrosa que incorporou a tres futbolistas. Álvaro Sánchez «Alvarito» chega para reforzar o lateral procedente da Comercial e con pasado xa no Corgo e na propia Milagrosa. Outros que volven son José Moreno e Diego Tejeda. O atacante Moreno faino despois xogar tamén no Casás e na Comercial, mentras que o extremo Tejeda estivo na última temporada no Riotorto.
Sen marchar da capital o San Lázaro confirmou a primeira fichaxe deste período estival. Trátase de Joel, un carrileiro zurdo que vén dende a Comercial. Ademais o monterrosino Pacín axudará a Merino na dirección dende o banco. Indo cara o sur tamén chegou o primeiro futbolista novo ao Antas, Rubén Vicente Ríos que procede do Monterroso B. Na última temporada participou en catorce encontros.
Na Terceira, o Rioaveso reforza o seu equipo coa fichaxe de Fran Roca que volve aos campos despois duns anos sen xogar a nivel competitivo. Ademais, o Cazás comezará a pretemporada o 28 de xullo coa vista posta na Copa Concello de Xermade.
No tocante ao fútbol base, no Castro o defensa Dumi, militante do primeiro equipo, será o adestrador dos alevíns; mentras que Raúl Morán García será o adestrador dos cadetes. O equipo participará na liga cadete de Primeira Autonómica grupo norte. Na mesma categoría, pero no grupo de Ourense, xogará o equipo cadete do Chantada que estará dirixido por Dani Orcha. Por outro lado, o equipo xuvenil B terá a Manuel Rodríguez como técnico.
No tocante aos encontros de verán, os dous equipos sénior do Monterroso xa coñecen o seu calendario de pretemporada. O primeiro equipo, que terá o 26 de xullo a primeira sesión de preparación, comezará a xogar o 29 nun triangular en Cerdeiriños que os enfrontará ao Racing Vilalbés e ao CD Lugo xuvenil de División de Honra. O 3 de agosto visitarán o Roca para medirse ao Racing Vilalbés xuvenil División de Honra, o 9 contra o Friol na Reigosa, o 12 co Lugo B en Cerdeiriños, o 19 coa SD Golada en A Golada, o 23 co Cire Melide en Cerdeiriños e o 26 en Vila de Cruces ante a SD Piloño. Pola súa banda, o filial comezará a adestrar o 8 de agosto e terá os seguintes amigables: o 12 de agosto co Relámpago Taboada na Medela, o 19 co Chantada B, Friol e Portomarín nun cuadrangular en Cerdeiriños, o 27 en Rodeiro ante o conxunto local e o 31 ante o Antas en Cerdeiriños.