No diario de hoxe, conmemoramos o día de Santa Ana e de San Joaquín comezando o repaso polo fútbol feminino. O PM Friol vén de asinar a Nerea Marín, futbolista con experiencia no Reto Iberdrola e que procede do Cádiz. Á Reigosa tamén chega a gardamallas María Alejandra, procedente do RU Tenerife e con pasado nas categorías inferiores do Sporting Huelva.
Tamén en divisións nacionais, pero no fútbol masculino, xogará o viveirense Aldán Naval. Segundo apuntou InfutbolGalicia, o ex das Somozas xogará a vindeira temporada no Burgos CF Promesas da Segunda RFEF. Precisamente na vila natal de Aldán, Viveiro, xa teñen segundo adestrador. Jandry Rego acompañará a Alberto López na aventura dos celestes na Terceira RFEF. O contrastado técnico actuará tamén como analista.

A Primeira Galicia concentra as novidades de hoxe. De norte a sur, o Pastoricense renova ao gardamallas Carlos, sobranceiro na 21/22 no conxunto do Acebreiro. A SD Pol comeza a construir o seu cadro de xogadores e incorpora a Aarón (Monterroso), Chufi (Castro) e Diego Núñez (Ribadeo). Ademais, chegan ao Municipal tres futbolistas prometedores que saen da base do CD Lugo: Samu, Michi e Mateo. En Cerdeiriños, Josete renova á fronte do primeiro equipo do Monterroso.
O Sangoñedo volve concentrar actividade na edición: Iago cumplirá o seu cuarto ano no Chantada Atlético, mentres que a SD Chantada xa ten amistosos de pretemporada confirmados. Os de Traste debutarán nun triangular ante UD Ourense e Sarriana (9 de agosto), para despois visitar O Saviñao (13 de agosto) e A Peroxa (17 de agosto). Logo de medirse ao Portomarín (21 de agosto), ao Guntín (25 de agosto) e ao CD Lugo xuvenil (28 de agosto), os chantadinos poñerán fin aos amigables no Sangoñedo ante o Lemos (4 de setembro).


Por último, un dos estandartes do San Roque, Manu, continuará defendendo as cores verdibrancas no novo proxecto na Segunda Galicia.