Na primeira gran fin de semana do verán hai quen se debate entre a praia, as sesións vermú, as comidas baixo carballos ou a quen non lle queda outra ca darlle voltas á herba seca. Nós recomendamoslles a todos que paren un pouco á sombra e lle boten un vistazo a unha nova entrega do #DiarioDunMercado.
Desta volta hai un forte protagonismo para os adestradores. Fiz Rodríguez regresa como técnico á Preferente. Dirixirá ao Sigueiro FC que mantén un convenio de filial coa SD Compostela. Precisamente do Compos é de onde procede Fiz xa que a pasada tempada foi segundo de Rodri Veiga no primeiro equipo santiagués. O pastoricense xuntará agora na mesma localidade as súas dúas paixóns: adestrar e dar clase como mestre de primaria no CEIP de Sigueiro onde xa leva uns anos.
Fiz non segue na 2ª RFEF, pero a provincia si seguirá representada na categoría. Guillermo Pigueiras incorpórase ao corpo técnico do Bergantiños comandado por José Luis Lemos (tamén con raíces nas nosas terras). O técnico do Vicedo procede do Victoria da Coruña onde exerceu como primeiro adestrador e agora pasa a ser analista e preparador de porteiros do conxunto de Carballo.
Aproveitando que falamos de directores de bancos, o Páramo ten novo inquilino para o seu proxecto en Terceira Rexional. Jony Lombardía será o encargado de adestrar ao cadro das Rapadas, función que compaxinará coa de preparador da base na Piringalla. O seu segundo e adestrador de porteiros será Martín, tamén técnico do xuvenil do San Roque.
Falando de xogadores tamén miramos fóra dos marcos da provincia. Por un lado o monterrosino Iago Sobrado fará a pretemporada co Arzúa de 3ª RFEF. Tratará de convencer a Alberto Mariano para formar parte do cadro do Viso.
Pola súa banda, o chantadino Pedro Delgado regresa ao Céltiga procedente precisamente do Arzúa para xogar en Preferente. O futbolista xa estivera no equipo da Illa en Terceira.
Na Segunda Rexional o Folgueiro reforza o seu equipo con dous xogadores. Chega o mediocentro Óscar Docal (xogador All Star) que procede do Celeiro e o lateral Isma Gómez procedente da SD Burela.
Na Primeira Rexional, salienta a chegada ao CD Foz dun rapaz da casa. Víctor volve ao conxunto focense procedente do Alfoz. Nesta categoría a SD Chantada tamén comezou a anunciar as primeiras renovacións. Kadete, Alberto, Manu, Pulpix, Marros e Fornas seguirán sendo algúns dos estandartes do club sobre o campo e fóra del.
Na 3ª Rexional, o Mondoñedo segue deseñando a nova tempada. Anunciou a renovación de Juancho e de Chachi. Ademais comunicou o regreso de Manu.