Volvemos cun novo Diario dun mercado nunha semana de alta voltaxe. Comenzamos polas categorías superiores. O CD Lugo confirmou a incorporación de Roberto Trashorras como adestrador do filial Polvorín, como xa adiantaramos hai unhas semanas.
Unha categoría máis abaixo, pero en terras aragonesas, teremos un segundo adestrador lucense. O novo preparador Nilo Rodrigues será o segundo do Belchite 97 da Terceira RFEF. Por certo, un apunte máis nesta categoría: o exdianteiro do Rácing Villalbés Otero ‘galifará’ para o Atlético Arteixo.

Xa na Preferente, o mediocentro focego Jacob renova no Ribadeo. Os de Dani Moirón tamén soben ao primeiro equipo ao talentoso Del Viso. Pola súa parte, o debutante Portomarín ascende a Fernandito a Mánager Xeral. Plenos poderes para o xogador e técnico de Monterroso.
No entanto, na Primeira temos altas e baixas no Xove Lago. Aarón deixa a escadra de Anxo mentres que os verdes recuperan a un dos mozos máis talentosos da Mariña. O polivalente Diego Fernández Vicente, unha das sensacións do Foz esta temporada, regresa ao club onde se formou. Sen movernos de Xove, Kevin volve ao Municipal desde o Xove FS.



E moito máis abaixo na provincia, temos unha das bombas do verán. O Pol ten a súa primeira fichaxe. Os de Germán Campos empezan pola portería, cun arqueiro que procede da Terceira Galega. Manu Cedrón abandona o Viveiro para converterse nun home importante para o gran favorito ao ascenso na Primeira.
Na Segunda Galicia, o San Roque renovou ao incansable dianteiro Elian mentres que, na Terceira, Isra Cruz regresa a Mondoñedo. O que fora segundo adestrador de Javi Chinchón no Foz, volve ao Viñas do Veiga para dirixir ao conxunto mindoniense.
