A Preferente xa comezou pero parece que os nosos equipos apuntalan os seus cadros de xogadores con oportunidades de última hora. O Ribadeo incorporou ao talentoso exxogador de fútbol sala Antón Couto, que xa tivo algunha experiencia no fútbol da Mariña. Outro vello coñecido por esa comarca deixará a súa impronta na capital. Mauro Poratti, antigo xogador de Ribadeo e CD Lugo, recala na Residencia para botar unha man despois dunha traxectoria moi destacada.
Na Primeira, o Portomarín repescou a Iglesias e renovou ao todoterreo Héctor. Ademais fichan a Raúl Ojea, dende a Sarriana. Na Pontenova, Andrés Bouza estará no terreo de xogo ao tempo que dirixirá ao cadro da Mina. E en Alfoz confirmouse a fichaxe dun dos centrais máis destacados da Mariña. Bouso, ex do Foz, chega ao Municipal para dar un salto de calidade á zaga de Suso Martínez.
Na Segunda, Julio Rodríguez e Jairo renovaron co Muimenta. E o recén ascendido Fonsagrada ten tres novos xogadores. Maci e Rico cambian o Lucense polo vermello da Fonsagrada, á que tamén chega Gabi. Por último, un apunte de Terceira. O Castroverde ratificou nas súas redes sociais a continuidade de Iago Núñez aos mandos da nave verdibranca.