Dous días levamos sen publicar un #Diariodunmercado. E en dous días, os clubes enchen as nosas bandexas de entrada con novidades. En primeiro lugar, o defensa arxentino do CD Lugo Matías Vesprini marcha á SD Compostela, onde xogará en calidade de cedido por segundo ano consecutivo. Outra marcha é a de Artai Pacios, que cambia a SDC Residencia polo Casás FS.
Na Primeira Galicia, dous clubes mariñáns protagonizan a xornada. O Xove Lago renova ao seu centrocampista Pelayo e ao seu defensor Gabri, mentres que asinan a Madhi (San Ciprián) e a Aarón (ED Lourenzá). Ademais, Iravedra sobe ao primeiro equipo desde os xuvenís. O CD Alfoz incorpora a David Yáñez, que chega desde os xuvenís do Burela FS.
Tamén no grupo norte, a UD Pastoricense incorpora a Alberto Mel, que volve despois de varios anos sen xogar. Máis ao sur, a SD Monterroso fixo oficiais as chegadas do atacante Iago Neira (Racing Villalbés) e do gardamallas Xabi Rielo (Milagrosa).
No fútbol base, o porteiro do San Lázaro Borja ‘Pipita’ retorna ao Sagrado Corazón, onde será o adestrador dos cancerbeiros. No Sangoñedo tamén hai novidades: Pasín será o técnico dos xuvenís da SD Chantada. Tamén hai novidades no fútbol feminino. A polivalente Nerea Lombardero renova no PM Friol, onde alternará o primeiro equipo co filial.