As novidades en canto a renovacións, baixas e fichaxes seguen marcando a actualidade do fútbol lucense. Neste diario dun mercado é o turno para un equipo da Mariña, dous do corazón da Terra Chá, outros dous con moita importancia na capital da provincia e un da zona sur.

Na Preferente Norte, o Viveiro incorporou ao defensa asturiano Marcos Quintana . O futbolista, que pode xogar tanto de lateral como de central, procedo do Siero da Terceira asturiana. O equipo da localidade de Pola de Siero acabou a competición na posición 16ª. Pola súa banda, a Residencia fichou a Yeray procedente do Lugo B (marcou o pasado domingo o segundo gol para o filial albivermello na final da Copa) e Mauro Busi, que esta temporada xa estivo no conxunto dirixido por Álvaro Meilán pero a tempo parcial, agora faráo a tempo completo. O dianteiro rematou a campaña cun dos mellores promedios goleadores do campeonato, xa que só puido participar en once partidos e conseguiu anotar nove goles.
Na Segunda Galicia grupo norte o Cospeito renova a maior parte do cadro de xogadores que conseguiu a salvación a pasada temporada, agás Ambros, Sergio, Cristian e Roberto Saavedra que deixan o equipo por motivos de traballo e estudos. No apartado das fichaxes, ademais do xa coñecido regreso de Martín «Nano», volve Congui, despois dun ano que por motivos persoais non puido participar. Tamén dende o equipo xuvenil suben Regueiro e Adrián. Pola súa banda o porteiro Alberto fará a pretemporada co primeiro equipo. Alberto estará ás ordes de Álvaro Puente que será o adestrador dos gardamallas. Dende o club apuntan que agardan pechar un par de fichaxes máis nas vindeiras semanas para pechar o cadro de futbolistas.

Tamén na Segunda (aínda sen saber o grupo definitivo no que será recolocado) a Milagrosa parece que vai seguir apostando forte polo aspecto comunicativo, e podemos adiantar que renovará a Fernando Currás como xefe de prensa e community manager.


Na Terceira, o Muimenta incorporou a Alejandro Paz, que regresa ao conxunto chairego despois dun ano fóra da práctica do fútbol, e ao lateral Jairo Gegunde, que vén dende o Riotorto logo de comezar a temporada no Castro en Terceira División. Pola súa banda, no grupo sur, o Sober realizou as incorporacións de Roberto Cazón e Toño Roxo, ademais de Sierra, Luigi e Brais, tres xuvenís procedentes do Lemos.