#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Terceira Futgal

Diario dun mercado. Episodio 153

Onte houbo unha moreira de novidades no mercado. Porén, os nosos clubes non descansan e as notificacións con fichaxes, renovacións… non deixan de chegar. Hoxe, un novo Diario dun Mercado con sorpresas! Comezamos pola Terceira División, onde seguiremos desfrutando un ano máis de Fernando Cuadrado, que renova o seu compromiso co Racing Villalbés.

Outra categoría que chega cargadiña é a Preferente Norte. Nela, a Residencia renova a Diego Bravos, Juan Souto, Lucas e Iván Barrio, mentres que o atacante Diego Rey asina pola Sarriana tra-lo seu paso polo Racing Villalbés. Se ben o ex-racinguista deixa a Terceira para competir na Preferente, o camiño oposto toma o gardamallas Ramón Rodríguez, que abandona a disciplina do Lemos para enrolarse no Fisterra, recén ascendido á máxima división galega. Ademais, o focego Javi Chinchón seguirá aos mandos do equipo da súa vila.

Na Primeira Autonómica, todo apunta a que Yebra e Nico Madero non continuarán na SD Pol na 20/21, pero si o fará Iván González. Mentres, clubes que retornan para o ano á categoría continúan renovando a xogadores e corpo técnico. É o caso de Mateo no Portomarín, onde é unha peza fundamental pese a ser o futbolista máis novo do conxunto, ou do adestrador Diego Rey no San Lázaro, que está a firmar números espectaculares desde que o técnico lucense asinou polo clube da Ponte. Ademáis, o Chantada Atlético contará un ano máis con Anxo, Congui e Samuel, mentres que o clube veciño, a SD Chantada, gozará por vixésimo-primeiro ano con Kadete, eterno capitán do clube. Aos bancos da SD chegará tamén Adrián Vázquez, onde actuará como primeiro adestrador, logo de encargarse da dirección deportiva da SD Monterroso.

Dúas categorías por debaixo, na Terceira Galicia, o CD Sober anunciou novas incorporacións, coas que buscará o salto de categoría: Brais López, Brais Álvarez, Álex Martínez e Alejandro Méndez defenderán o escudo soberino na 20/21. Do Sober, por outra banda marcha Juanjo, que será novo xogador do Lemos «B», onde tamén asina Ulises (CF Monforte). Na zona norte, o Celeiro Club del Mar incorpora a Mora e Bruno Ramil.



Diario dun mercado. Episodio 153

Diario dun mercado. Episodio 152

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *