Xa non hai marcha atrás! O mercado da provincia comeza a arder. E as novidades son unha constante. O recén descendido Castro cambia de técnico para a próxima campaña. O encargado de dirixir aos do Arturo Pereiro será un vello coñecido da entidade: Víctor López ‘Vitín’. Un home, que será un dos seleccionadores no All Star Burela 2019. Nesa mesma categoría, coincidirá con Martín Rodríguez. Despois do exitoso ascenso acadado co Guntín, o xoven técnico dirixirá a nave laranxa na 19-20.
Ademais, na Segunda Galicia Julio Corral non continuará no Ferreira. Xa ten substituto: José Antonio Vázquez ‘Yessi’. O antigo adestrador do Incio e xogador do Río Sil, sentarase así no banco do Baliño. E falando de adeuses, Israel Cruz deixa o equipo do seu pobo: o Mondoñedo. Así como Diego Mejuto marcha do histórico Santa Comba. Lugar que tamén deixa o veterano gardamallas José Ángel. Por último, toca falar dun par de renovacións importantes. O novo proxecto do San Ciprián na Segunda Galicia parte da base de dúas das súas referencias no último lustro. A portería queda en boas mans: Madariaga. E os goles, asegurados con Borja Mella.