O Ribadeo é un dos equipos que máis se está adiantando neste mercado aínda primaveral coa intención de pechar canto antes o cadro de xogadores.Ás renovacións xa coñecidas e ás tres fichaxes, sumáselles agora a continuidade de Martín Traba por unha temporada máis. Sen marchar da Mariña, hai novidades no Valadouro da Primeira Galicia que confirmou as renovacións de Roberto, Luis Rego, Iván, Hugo Rivas e Jandri.

Un dos recén ascendidos á Preferente tamén comeza a mover o mercado. O Outeiro de Rei ficha ao central Alejandro López e ao mediocentro Diego Redondo. ambos procedentes da Milagrosa. O conxunto seguirá adestrado polo técnico que conseguiu, xunto cos seus pupilos, o ascenso, Juan Peón.
Pola súa banda, na Segunda Galicia o Palas tamén anunciou a renovación de parte do cadro de xogadores que esta temporada estiveron pelexando ata o final por unha das prazas de ascenso á Primeira. Seguen no equipo da Ulloa: Álex, Marcos Senande, Marcos Arias, Choren, Juanjo, Julián, Martín, Peke e Koeman. Na mesma categoría, outro dos que foi candidato ao ascenso e que vén de perder nas semifinais da Copa, o Brollón anunciou a renovación do seu adestrador, Chura que cumprirá a quinta temporada no club. O propio técnico confirmou que, en principio, seguirá todo o cadro de xogadores aos que se unen as incorporacións de Alberto Burgo González, que xa estivera no club e procede do Sober, e Bruno Rodríguez Díaz que vén do xuvenil.

