O San Roque reabre a porta do ascenso á Primeira Galicia despois de gañar no feudo do Brexo Lema e ver como o Antas superaba ao seu máximo rival, o Abellá. O cadro de Quiroga realizou un encontro completo, deixando unha gran versión do seu xogo posicional. O día non comezou ben, cun tempraneiro gol do Brexo Lema tras unha perda no centro do campo.
Aínda así, Sofía e Mery lideraron a ofensiva verdibranca. As de Quiroga tiñan a sensación de que ían a gañar si ou si. E así foi, con tres goles de Mery nun intervalo de oito minutos pouco antes do intermedio.
Pola súa parte, o Antas sae moi reforzado de cara ao último tramo de tempada despois de vencer pola mínima ao Abellá. Foi un partido moi traballado e no que a presión alta das de Dani Abelairas meteu en serios apertos ao seu rival.
O Abellá buscaba balóns ás costas. Mel e Iria impuxeron a súa solidez na zaga. Na ofensiva, o Antas dispuxo de numerosas ocasións nas botas de Idoia, Maite e María. Esta última, precisamente, atopou o premio do gol a dez minutos da conclusión.



Un Chantada cheo de baixas plantou máis batalla da prevista ao Calo. As de Jorge González avisaron aos dous minutos, cunha ocasión que sacaron as locais baixo paus. As do Sangoñedo asinaron unha boa primeira metade. Porén, dúas concesións defensivas propiciaron o 2-0 ao tempo de lecer.
No segundo acto, o Chantada amosouse sólido e agresivo á volta dos vestiarios. Presionou alto e desperdiciou unha dobre oportunidade, na que mesmo se topou co pau. No entanto, chegou a sentenza preto do minuto 70. O terceiro gol do Calo matou ao cadro de Jorge González. E o Chantada recibiu dous tantos máis no tramo final. As do Sangoñedo quedan a dous puntos da zona de permanencia a falta de catro xornadas para o remate.
A Milagrosa engadiu unha nova data sen puntuar á súa folla de ruta. Os pequenos detalles volveron dar ás costas ás de Felipe Varela ante o Silva. A escadra coruñesa rematou goleando no derradeiro cuarto de hora a unhas capitalinas que loitaron de ti a ti.

Goleadas lucenses na terceira galicia. o carballedo impúxose ao monte forte no derbi
O Carballedo levouse o derbi con menos claridade da que reflicte o 5-2 final. O Monte Forte asinou unha primeira metade moi seria. As defensas impuxéronse aos ataques. Só Jenny conseguiu ver porta nunha falta lateral.
Tralo paso pola zona de vestiarios, o encontro parecía resolto con dous goles máis do cadro de Sementa. No entanto, un ‘dobrete’ de Henar abría o partido de novo. Na acción seguinte ao 3-2, Jenny acabou con calquera opción de remonta cun golpeo directo á rede no saque de centro. Nos últimos minutos, a propia Jenny redondeou unha magnífica tarde co seu cuarto tanto nun córner olímpico.
Unha Comercial con once xogadoras xustas encadeou a súa quinta xornada seguida sen perder. O equipo de Vicky remontou un 2-0 en contra ao grande. O Arenteiro B chegou dúas veces no primeiro cuarto de hora e marcou outros tantos goles. Lonxe de virse abaixo, as capitalinas non cederon a posesión. Tampouco o control de xogo. E déronlle a volta á tortilla no segundo acto. Noa asinou un hat trick ante un Arenteiro B que apretou sen sorte nos compases finais.

As veciñas do San Lázaro xa suman tres xornadas sen coñecer a derrota. Nesta ocasión, as da Ponte raiaron a un nivel notable. O cadro de Luchi amosouse moi concentrado en todo momento. E así sucéderonse as ocasións de gol unha tras outra. Antes do ecuador da primeira metade, o San Lázaro xa superaba por 2-0 a un EF Silleda con pouco cabeiro en ataque.
Por último, o CD Lugo B aproveitou con creces o empate do Cruces nesta última data. O equipo de Pablo Bargados superou por completo a un Vista Alegre con só dez futbolistas. As albivermellas dominaron todas as facetas do xogo para endosarlle un 0-10 ás santiaguesas. Nayra logrou un hat trick. Ánxela e Ainara aportaron sendos ‘dobretes’ á causa.
Xornada en branco para os nosos representantes na Terceira RFEF
O PM Friol completou unha semana máis para olvidar cunha derrota ante o Deportivo B. Custoulle entrar no partido ao equipo de Ángel Zas, que mellorou co paso dos minutos. Especialmente en intensidade. Xusto a que faltou na defensa dun saque desde o curruncho. E o filial herculino fixo así o 0-1.
O equipo friolés lanzouse a polo empate. E dispuxo de ocasións suficientes para conseguilo. Porén, a escadra coruñesa matou o partido nunha transición. A pólvora mollada do PM Friol redondeou unha semana horrible pola Reigosa.

Por outra banda, o CD Lugo malgastou outra bala na súa pelexa pola permanencia. O cadro de Joaquín Blanco rubricou un mal partido en liñas xerais.
Faltou intensidade e concentración desde o asubío inicial. A primeira media hora foi para olvidar. O Mos exhibiu o seu potencial ofensivo para situar o 3-0 antes do ecuador do primeiro acto.
As albivermellas melloraron prestacións e recurtaron a diferenza de tres goles por dúas veces. Incluso, mediada a segunda parte e con 4-2 no marcador, houbo momentos nos que o CD Lugo puxo en apretos ao Mos. Aínda así, o equipo capitalino non viu máis porta e o desánimo final derivou en dous novos tantos da escadra pontevedresa.
O PM Friol B déixase remontar unha vez máis e pode descender esta semana na Primeira Galicia
O PM Friol B desperdiciou a súa vantaxe inicial por terceira xornada consecutiva. O equipo de Geluco Villar adiantouse nada máis comezar. Porén, tirou a súa renda na segunda metade ante un combativo Umia B.
A falta de catro xornadas para a conclusión, o filial friolés podería certificar o seu descenso a Segunda Galicia nesta vindeira xornada. Unha derrota ante o Amistade faríao de xeito matemático. Un empate, de maneira virtual. Só queda gañar para reducir a tres puntos a diferenza co seu rival directo pola salvación, o propio Amistade de Meirás.
Resultados da xornada
PM Friol 0-2 Deportivo B

Mos 6-2 CD Lugo
Umia B 2-1 PM Friol B
Brexo Lema 1-3 San Roque
Abellá 0-1 Antas
Milagrosa 0-4 Silva
Calo 5-0 Chantada
Carballedo 5-2 Monte Forte
San Lázaro 3-0 EF Silleda
Vista Alegre 0-10 CD Lugo B
Arenteiro B 2-4 Comercial
