É un dos futbolistas gol da Terceira Galega. Un deses xogadores que a moitos lles gustaría ter no seu equipo. Pero Fernando Cuadrado Lombardero (Lugo, 19-01-1994) é moito máis ca unha máquina de facer tantos. A Comercial e o Celta foron os seus equipos de base. A pesar da súa xuventude xa probou experiencia no Celta B, Cultural Areas, Barbadás, Alavés e Polvorín. O pasado verán chegou á capital da Terra Chá. Marcou sete goles nun Racing Vilalbés que carbura. O temporal Fabien impediu que xogase no 2019 contra o seu ex equipo. Pero nós quixemos facer igualmente a previa con el. Para cando se xogue un Polvorín – Racing Vilalbés que aínda non ten data.
Futbolinlugo: Chegas ao parón de Nadal no mellor momento da temporada?
Fernando Cuadrado: Encóntrome nunha situación bastante boa a nivel persoal. Pero penso que é grazas ao gran traballo que está facendo o equipo en todas as facetas. Estamos adestrando moi ben, están saíndo as cousas no campo como deberían ter saído partidos atrás e chegamos nun bo momento.
FIL: O temporal Fabien retrasa o encontro Polvorín – Racing Vilalbés. Hai gana de xogalo?
FC: Teño moita ilusión por xogar este partido. Sempre é bonito xogar contra un equipo no que estiveches. Á parte contra ex compañeiros e amigos.
“O Polvorín é un equipo do que non te podes fiar”
FIL: Como ves este ano ao Polvorín?
FC: É un rival moi complicado. Ten xogadores de sobra para romper calquera tipo de partido. É un cadro de xogadores moi longo. É un equipo do que non te podes fiar. Pero desde o traballo da defensa, que é o que mellor se nos dá, e xogando á contra penso que podemos facerlle bastante dano.
FIL: Que significaría marcar no encontro?
FC: Sería algo moi bonito. Pero o máis importante é facer un bo partido, desfrutar como desfruto cada día no campo e que os tres puntos podan vir para Vilalba.
“Simón sabe o que necesita o equipo en cada momento”
O partido redondo de Fernando Cuadrado ????
????Hat trick do dianteiro do @racingvillalbes ⚽️⚽️⚽️
????A ver que comenta @JLMosquera3 no En Xogo dun discípulo seu pic.twitter.com/RXcmCmhuez— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) December 15, 2019
FIL: Como está sendo este case medio ano no Racing? Era o que te agardabas?
FC: Tiven un problema de xeonllo que me apartou practicamente un mes da competición. Agora mesmo penso que estou nunha situación moi boa. A xente apóiame moitísimo. O grupo é espectacular. Coñecíaos practicamente a todos. Era o que me esperaba. Simón é un grandísmo adestrador que sabe o que necesita o equipo en cada momento. Agora mesmo os resultados estano desmotrando.
FIL: Cal é o obxectivo actual do Vilalbés?
FC: Desde o principio de todo o obxectivo é a salvación. Dentro dese término hai que mirar como é a clasificación. Agora mesmo estamos 5 puntos por riba do descenso e a 11 da promoción (cun partido menos). O que temos os xogadores na cabeza é seguir adestrando e competindo como estamos facendo. Sumar o máximo de puntos posibles e chegar O antes posible ao propósito da salvación. Penso que temos uns futbolistas cunha calidade bastante grande como para poder loitar por algo máis. Pero é algo que non planificamos.
FIL: Benefíciache o estilo de xogo do Racing?
FC: Son un xogador que podo adaptarme a calquera estilo de xogo. Os tres anos que estiven no Polvorín era un xogo máis combinativo no que me sentía bastante cómodo. Son un futbolista ao que lle gusta buscar o balón de costas e abrir ás bandas. Por outro lado, creo que o xogo directo tamén me beneficia. Por arriba teño bastante poderío e iso estase vendo en Vilalba.
FIL: Cales son as diferenzas que ves entre un e outro equipo?
FC: A maior diferenza que se pode atopar é a nivel de xogadores. O Polvorín ten un cadro moi amplo. Nós temos un máis corto. Agora con algunhas lesións ou sancións estamos máis pillados. Pero a nivel de traballo e planificación de partidos véxoo moi parecido. Simón é un adestrador que ten todo moi meditado. Ten o rival estudadísimo todas as fins de semana. É algo que nesta Terceira é moi importante. A nivel estrutura de club contamos cunha xente traballando no Racing espectacular. Lávannos a roupa, temos equipacións e balóns suficientes, o campo, as intalacións…; nese sentido non ten nada que envidiar ao Polvorín.
“Calquera persoa á que lle preguntes quere debutar no CD Lugo”
FIL: Quedouche a espiña cravada de non poder chegar ao primeiro equipo do CD Lugo?
FC: Non. Pensar no primeiro equipo na Segunda é algo moi bonito. Calquera persoa á que lle preguntes quere debutar no CD Lugo. Pero non teño ningunha espiña cravada. Eu os tres anos do Polvorín traballei ao máximo, fixen o mellor posible o meu traballo e estou moi contento por todo o que fixen. É unha etapa máis que hai que queimar no fútbol. Estou feliz de estar no Racing e satisfeito coa forma de xogar e co meu rendemento.
FIL: Pero cres que se acertou á hora de apostar por un filial?
FC: Ter un filial para un equipo que está en Segunda é algo chave. Hai grandes xogadores no B. De feito, na Copa do Rei debutaron futbolistas como Morais e Nico. O filial é unha gran base que ten o Lugo para tirar de futbolistas. Como Cacharrón ou Pedro López que a día de hoxe están cedidos en equipos de Segunda B e penso que volverán a casa para ser importantes algún día.
FIL: E no futuro de Fernando Cuadrado, que pasa pola súa cabeza?
FC: É algo que non teño entre cella e cella. Agora mesmo, cumprir as expectativas que o club puxo sobre min. Aportar o máximo ao equipo con goles e traballo. O ano que vén a ver como termina a tempada e cales son as opcións.
FIL: A pesar da túa xuventude, xa pasaches por un bo número de equipos. Con que te quedas de todo o vivido?
FC: É moi difícil escoller con que te quedas de todas as experiencias que vives. En cada club lévome grandes experiencias; tanto a nivel de fútbol como de outra índole. Grandes compañeiros, adestradores, directivos,…Penso que hoxe en día estou no Racing Vilalbés e son o xogador que son grazas a toda a etapa de equipos atrás.
FERNANDO CUADRADO EN CURTO…
Un partido: É bastante díficil escoller, pero se me teño que quedar con un…claramente o encontro en Outeiro do ascenso á 3ª división co Polvorín. Era un partido, a priori, fácil. Pero o rival xogaba e fixo un partido espectacular. Tivemos esa sorte de no minuto 89 marcar e aínda por riba meter eu ese gol que colocaba ao Polvorín na Terceira.
E iache preguntar por un gol…: Tamén me quedaría con ese. Foi o partido completo. O gol do ascenso, o partido no que ascendo por primeira vez dende Preferente, ademais un club da cidade e con compañeiros que xa xogara anos atrás, por exemplo na Comercial.
Un campo da provincia: É algo bastante díficil de dicir. Non porque estou agora no Racing o digo, pero a Madalena é un campo no que sempre me encantou xogar. Xa de visitante. Paréceme un estadio espectacular, cóidano moi ben, a herba está marabillosa e a sensación de xogar na casa encántame.