#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Cuadrado acada un hat trick na Madalena e Luki achega o Ribadeo á cabeza

O Trío de Ases déixanos o gran triunfo do Racing Vilalbés na Madalena ante o Rápido de Bouzas e a derrota pola mínima do Polvorín na Coruña ante o Silva en Terceira. Na Preferente, o Viveiro sufriu para gañarlle ao Sigüeiro, mentres que o Ribadeo venceu no campo do Puebla. A Sarriana non pasou do empate na Ribela ante o Montañeros e o Lemos caeu na sempre difícil visita a Noia. Residencia e Foz non puideron sumar no seu campo e caeron ante o Boimorto e o Boiro, respectivamente.

O Racing Vilalbés derrotou ao Rápido de Bouzas con Cuadrado como protagonista (3-0). Segundo triunfo consecutivo para os chairegos, que se colocan novenos e deixan ao seu rival como pechacancelas. Foron mellores os de Simón Lamas, con Cuadrado como estrela da tarde. Abriu a lata cedo, aos cinco minutos, logo de aproveitar un rexeite do gardameta visitante. E antes do descanso cun zapatazo desde a frontal fixo o segundo. Na segunda metade o dianteiro lucense redondeou a súa actuación cun tiro cruzado ante o que nada puido facer Lorenzo. O Rápido tentou reducir diferencias e estrelou un balón no longueiro e Pita interviu con éxito nun remate de Pablo Carnero, pero o marcador non se moveu.

Un erro condena ao Polvorín nun igualado encontro ante o Silva (1-0). Nun partido sen grandes ocasións, unha perda na saída de balón dos lucenses aproveitouna Marcos Gómez para facer o único gol do partido. Os de José Durán impuxeron o seu xogo e buscaron a porta contaria pero sen crear moito perigo. Na segunda metade, o filial do CD Lugo embotellou ao Silva. Rayco, Juan Brunet e Álex Rey, moi participativos preto da área rival tentárono, pero non chegaron as ocasións. Tan só o Silva, co Polvorín volcado polo empate, puido sentenciar, pero o balón estrelouse no pao.



O Viveiro gañou ante o Sigüeiro cun solitario tanto de Uriol (1-0). O líder púxose o uniforme de traballo ante un correoso Sigüeiro. A ausencia do pichichi Gerardo por sanción fixo que Chusky remodelase o seu ataque e na primeira metade non lle deu o froito agardado. Tichu tivo única ocasión clara dos primeiros corenta e cinco minutos nos que non houbo apenas xogadas de perigo e o conxunto visitante sentiuse cómodo. Cambiaron as tornas logo do pase por vestiarios e os mariñáns asediaron a portería dun inspirado José. Álex Pérez tivo a máis clara cun testarazo que detivo de xeito espectacular o gardameta visitante. A falta de seis minutos para o final, o central Uriol anotou un tanto que lle serve ao Viveiro para poñer outro chanzo no seu camiño cara Terceira.

O triunfo do Ribadeo no campo do Puebla achega aos mariñáns á zona alta (0-2). Encontro moi práctico dos de Rafa Casanova, que foron superiores ao seu rival nunha tarde de forte vento no campo da Alta. Dous erros defensivos do cadro local servíronlle ao Ribadeo para sentencialo encontro. Criss aproveitouse da mala conexión do porteiro coa defensa e roubou o balón e Luki marcou. Pouco despois, un balón solto na área recolleuno Luki para anotar o segundo. Na segunda metade, Poratti marcou o ritmo e o Puebla non inquedou a Carrera ata o desconto.

A estrea de Xoan Peón no banco da Ribela non trouxo a vitoria para a Sarriana (1-1). Non se cumpliu o dito e Peón non puido estrearse cun triunfo. O Montañeros deu sinais de ser mellor equipo que o que indica a clasificación e foi quen de adiantarse cun tanto de Miguel Real aos cinco minutos de partido. Tentárono os sarriaos, que realizaron un bo partido, sobre todo nunha segunda metade de superioridade local. Keko logrou a igualada no ecuador do periodo final.



O Lemos acusou a súa fraxilidade defensiva e caeu ante o Noia (4-2). Non foi un mal encontro dos monfortinos, que se adiantaron no marcador cun soberbio tanto de Armesto. Non escatimaron forzas ámbolos conxuntos en ataque e sucedéronse as ocasións de gol. Nando e Quintairos puxeron a proba a Ramón e Adrián Castañer tivo nas súas botas o 0-2. Pero o Noia deulle a volta ao marcador en dous minutos. Anxo de cabeza e Nando logo de roubarlle o balón a un defensor lemista remontaron. Pero os de Edu Rodríguez empataron antes de descanso cun tanto de Adrián Díaz, que aproveitou o rexeite logo dun tiro de falta de Denis. Na reanudación, César anotou para o Lemos, pero o colexiado anulou o tanto por fóra de xogo. Pasado o cuarto de hora, Nando fixo o terceiro e Hugo sentenciou a falta de dez minutos para o final.

O Foz caeu no Martínez Otero ante un Boiro enrachado (1-2). A inercia dos resultados fixo que o marcador caese do lado visitante. Bo encontro dun Foz penalizado en exceso polos erros defensivos. Adiantouse o Boiro por medio de Saviola, ao aproveitar un rexeite e ampliou diferencias Paco desde o punto de penalti. Álex Paz devolveu a esperanza aos mariñáns tras rematar unha falta botada por Canario. A expulsión por dobre cartón de Jesús Pablo na segunda metade enterrou as ilusións dun Foz que non lle perdeu a cara ao encontro.

A Residencia perdonou ante o Boimorto e rematou pagándoo (0-2). A falla de gol condenou aos de Álvaro Meilán, que gozaron de claras ocasións de gol. Dani Galán en dúas ocasións, Iago, Roberto e Lucas tiveron as máis claras. Pero o Boimorto chegou dúas veces e marcou dous tantos, ambos obra de Sergio. O primeiro á saída dun córner e o segundo logo de rematar un balón colgado ao segundo pao. Na segunda metade, os visitantes pecháronse e mantiveron a portería a cero.



Cuadrado acada un hat trick na Madalena e Luki achega o Ribadeo á cabeza

O partido en imaxes: Brollón-Quiroga (3-1)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *