Xa comezada a segunda volta na Preferente analizamos a situación dos sete conxuntos lucenses da categoría. Aínda que un dos nosos, a Sarriana, ocupa o liderato o rendimento conxunto non é satisfactorio con cinco equipos en postos de promoción de permanencia, varios deles cunha puntuación moi baixa pensando na segunda fase do campionato.

Pouco que obxectar á temporada da Sarriana. Líder con 33 puntos en catorce encontros. Once vitorias e tres derrotas, todas elas lonxe da Ribela, onde os de Edu Rodríguez amosáronse totalmente infalibles. A ninguén se lle escapa o potencial ofensivo dos sarriaos, que malia a perder a Mitogo no mercado invernal, contan con xogadores de gran nivel, pero boa parte do seu éxito parte da súa seguridade defensiva con tan só oito tantos encaixados.
Extraordinaria tamén a temporada do Lemos. Cuarto con 25 puntos, os mesmos que o terceiro e seis puntos por enriba dos postos de promoción de permanencia. Como soe ocurrir cos equipos adestrados por Alberto López, os monfortinos sacan gran proveito dos seus tantos, gañando cinco encontrso pola mínima. Os reforzos de Sidibé e Jorge Méndez serán importantes na segunda volta ligueira.
O Ribadeo afronta o que resta de competición en postos de promoción de permanencia e co gran obxectivo de saír deles a mediados de marzo cando esta primeira fase chegue ao seu fin. Malia todo a boa puntuación dos de Dani Moirón con 19 puntos daríalle aos mariñáns boas posibilidades de manter a categoría. Un comezo de liga no que os resultados non acompañaron ao Ribadeo, xunto cun importante número de lesións de longa duración penalizaron a un equipo que agora parece que atopou o seu mellor xogo. Retorna ao cadro celeste para reforzar ao equipo un vello coñecido: Dapo.



Décimo con 11 puntos atópase o Santaballés. O cadro chairego ofreceu mellores sensacións que resultados nos trece encontros disputados. Os de Juan Rodríguez amosaron un gran nivel competitivo na maior parte dos encontros, o cal non foi suficiente para sumar máis de dúas vitorias. Poder pechar os encontros con resultados favorable para que non fuxan puntos nos últimos intres, unha das tarefas pendentes para os derradeiros encontros da primeira fase.
Un punto menos ten e un posto máis abaixo atópase un Foz que foi quen de gañar un encontro máis que os chairegos, pero que pola contra competiu peor nos restantes partidos, saíndo goleado nalgunha que outra ocasión, sendo os 31 goles encaixados un lastre para os mariñáns. Gayol voltou ao banquiño do Martínez Otero en sustitución dun Bebo que presentou a súa renuncia. A veteranía do técnico focense será unha das claves, xunto co acerto de cara a portería contraria serán dúas das claves para sumar un bo número de puntos.
Penúltimo na clasificación é a Residencia. Oito puntos e unha sóa vitoria parecen unha renta moi escasa logo de ver o comezo ligueiro dos de Dani Galán. Un empate diante do Betanzos, unha derrota in extremis co Victoria e un triunfo con goleada co Mugardos convidaban ao optimismo. Pero desde aquel xa lonxano dous de outubro tan só catro puntos sumados en catro empates situaron ao conxunto capitalino nunha situación moi delicada á que urxe dar a volta para chegar á segunda fase con opcións de permanencia.

O Atlético Escairón ocupa o derradeiro posto na táboa clasificatoria. Un só triunfo e 43 goles en contra non convidan ao optimismo. O conxunto do Saviñao decidiu cesar ao soberino Julio Corral, que nunca puido contar con tódolos seus efectivos polas lesións de xogadores importantes como Marzán ou Julito. Ocupou o seu posto Juan Torrado. Polo momento nos tres encontros ao cargo do equipo, o efecto revulsivo non foi o agardado e o casilleiro de puntos non se moveu.