Chega un apaixoante Tres en Raia En Boas Mans. No grupo norte, o Cazás venceu a un Castroverde que non perdía desde o mes de outubro e amargou o primeiro match ball polo ascenso do conxunto verde. O Celeiro gañou en Trasvías ao Roupar en aínda cre no play off logo da derrota do Abadín fronte ao Matela.
No grupo sur destacou o enfrontamento directo entre Monterroso B e Sporting Lucense do que saiu vitorioso o filial. O Sober venceu con comodidade ao Bóveda e o Corgo con máis apretos ao Río Sil e ámbolos dous seguen na pelexa polo ascenso directo. A Sarriana B deu un paso de xigante para xogar a promoción tras vencer ao Carballedo.
GRUPO NORTE
O Cazás racha a xeira dun Castroverde que ten que agardar para festexar o ascenso (2-1). O Catro Ventos rexistrou unha gran entrada con moitos seareiros chegados de Castroverde. Un punto outorgáballe o ascenso aos de Iago Núñez, pero o balón parado decantou a balanza para os locais. Nun saque de banda adiantouse o Cazás. Peiteou Efrén e Héctor colocou o balón na escadra. Non tardou o Castroverde en igualar cun gol de Gelo tras aproveitar un rexeite. Antes do descanso os visitantes reclamaron penalti sobre Borja, pero o colexiado sinalou falta fóra da área. No segundo tempo, Penedo puxo por diante ao Cazás cun bo testarazo á saída dun córner. Con case corenta minutos por diante o Castroverde estirou liñas e contou con ocasións para empatar. Borja, David e Richard gozaron das máis claras. O gol non chegou e o Cazás mantén viva a chama do ascenso directo.
O Goiriz proclámase campión tras vencer ao Rioaveso no derbi (2-0). Logo de acadar o ascenso, os de Manu Veiga xa son campións. Os locais dominaron no primeiro tempo e adiantáronse cun tanto de penalti convertido por Vizoso. O Rioaveso mellorou no segundo tempo e tivo o control do balón, aínda que a superioridade física do Goiriz impediu que os de Asier Lozano gozaran de moitas ocasións. Preto do final Jose Teijeiro certificou o alirón dos do Ventiño.


O Matela certifica a súa presenza na promoción tras vencer ao Abadín (3-2). Os locais saíron ao campo moi enchufados e foron superiores ao rival nun primeiro tempo no que marcharon con tres tantos de vantaxe. Torito abriu a lata aos tres minutos e Pedro ampliou diferencias nunha indecisión da zaga visitante. Aínda sen dixerir o tanto, o Abadín encaixou o terceiro. Pablo tirou e o balón colouse na portería tras bater nun defensor. Os de David Lorenzo reclamaron penalti nunha caída de Izan na área antes do descanso. O Abadín tivo máis balón no segundo tempo e o Matela quedou cun xogador menos ao ver Pedro o segundo cartón amarelo. Cobas recurtou diferencias de falta e Ferre fixo o segundo ao transformar un penalti. No último tramo de encontro unha tangana rematou co abadinense Alberto expulsado.
O Celeiro vence a un Roupar en cadro e segue na pelexa polo play off (3-1). Os de Martín Rodríguez non se renden e continuan con opcións de xogar a promoción de ascenso. Os viveirenses dobregaron a un Roupar que chegou a Trasvías con só once xogadores e no que o gardameta Fran tivo que exercer de dianteiro. Foi él o que tivo a piques de abrir o marcador, pero o pao evitouno. Martín Duarte marcou para o Celeiro antes do descanso e volveu de vestiarios co olfato intacto e fixo o segundo ao pouco de comezar o periodo final. Xose recurtou diferencias para o Roupar cun bo lanzamento de falta. Mora tivo nas súas botas o terceiro pero errou un lanzamento de penalti. Preto do final Chatu sentenciou o encontro.
O Catro Roldas golea a unha Comercial que compite ben no primeiro tempo (6-1). Cuarta vitoria consecutiva dos locais, que venceron a unha Comercial que se veu abaixo no segundo tempo. Samu abriu o marcador ao aproveitar un rexeite do porteiro. Reaccionaron os visitantes e Alejandro igualou o choque cunha boa vaselina. O gol non lle sentou ben aos de Coto que tiveron uns minutos de dúbidas que o laurentino Pepe disipou cun gol á saída dun córner. No segundo tempo Samu aproveitou un bo pase de Alberto para facer o terceiro. O tanto fixo que a Comercial baixara os brazos e o Catro Roldas xogou a pracer ata o final. Samu completou o seu hat-trick e Óscar e Rafael culminaron a goleada.


GRUPO SUR
O Monterroso B da un paso de xigante ao derrotar ao Sporting Lucense (4-1). O filial monterrosino mantén o liderado e despraza a catro puntos a un rival directo como é o Sporting Lucense. Os locais saíron ao campo cunha dose extra de motivación e non tardaron en xerar perigo. Isma e Yoni tiveron dúas boas ocasións antes de que Manel abrira o marcador tras un barullo na área. Isma puxo terra de por medio tras unha mala saída do gardameta. O Sporting Lucense recurtou diferencias nunha acción a balón parado que transformou Jesús. Tras o intermedio os visitantes quedaron con dez e o Monterroso B aproveitou a superioridade para sentenciar o partido. Isma errou unha pena máxima e pouco despois noutro lanzamento de penalti Yoni fixo o terceiro. Co tempo cumprido Yoni marcou o cuarto.
O Sober derrota ao Bóveda e segue en praza de ascenso directo (0-3). Encontro no que os de Iban Lagoa impuxeron a súa superioridade, malia que o Bóveda na primeira media hora dificultou o habitual xogo combinativo dos soberinos. O killer Martín abriu o marcador de penalti e antes do descanso Isaac fixo o segundo. No segundo tempo o Sober levou a iniciativa pero non foi quen de sentenciar o choque ata o tramo final co segundo tanto na conta de Martín.
Triunfo pola mínima do Corgo no difícil campo do Río Sil (0-1). Partido no que os visitantes saíron moi metidos no partido e coa intención de xogar en campo contrario. Abel Rochela optou por un fútbol directo que non tardou en dar os seus froitos. Antes de cumprirse os cinco minutos de xogo David marcou o que sería o único gol do partido. O Río Sil xerou perigo pola banda dereita cun incisivo Smaily. Xa no segundo tempo o colexiado anulou un tanto que parecía legal a favor do Corgo e Fer errou nunha acción clara na que o balón se detivo na lama.
A Sarriana B vence nun choque directo por unha praza no play off diante do Carballedo (4-1). Ámbolos conxuntos dispuxeron de ocasións no primeiro tramo de encontro, pero foi a Sarriana B que fixo o primeiro tanto, obra de Johan tras unha boa xogada de Saúl. Non tardou en reaccionar o Carballedo cun gol de Doval tras un saque de falta. Nos últimos intres do primeiro tempo a Sarriana B logrou dous goles. Saúl e Javi aproveitaron dúas contras para poñer en clara vantaxe aos sarriaos. Os de Adrián Pateiro deron un paso adiante tras o descanso, pero non foron quen de recurtar diferencias. Johan sentenciou para os de Raúl nunha acción moi protestada polos visitantes ao entender que o atacante estaba en posición de fóra de xogo. O Carballedo estrelou dous balóns no pao no tramo final.
O Chantada Atlético B vence ao Relámpago Taboada pola mínima (2-1). Partido parello e de baixo ritmo o disputado no Sangoñedo. Congui marcou para os locais no primeiro tempo e os visitantes estrelaron un balón no pao. Tras o paso por vestiarios o Relámpago deu un paso adiante e foi quen de empatar o partido cun bo disparo desde fóra de área de Ezzahir. O filial chantadino buscou o gol da vitoria e atopouno nunha acción que culminou Marcos.
