A 23ª xornada da Segunda Rexional deixou grandes goleadores. Brandán marcou catro para a Comercial nun importante triunfo e Julito tres para o San Lázaro nunha tarde de goleada.
As defensas tamén tiveron o seu protagonismo. Os tres primeiros clasificados do grupo sur teñen aos seus defensas en #ONoso11AChaira.
Quedan 21 puntos en xogo. O Meira e o Guntín manteñen máis dun partido de vantaxe nos seus respectivos liderados. Dos sete partidos que faltan, a priori, as saídas máis difíciles para o cadro meirego son contra o Iberia (en dez días) e ante o Muimenta (na penúltima xornada).
O calendario do Guntín marca tres citas contra rivais da zona alta. En dez días a Mila visita ao Ladairo. A seguir, o conxunto laranxa vai ao Gandarón contra o Paradela e na última xornada recibe o Friol.
O Meira mantén as diferenzas
Na zona norte, o líder cortou a xeira de catro vitorias seguidas que levaba na segunda volta. Empatou na Granda ante a Candelaria. Non obstante, o Meira suma 53 puntos e mantén a diferenza coa segunda posición. Sepárano seis puntos do Folgueiro.
Foi un encontro igualado, principalmente na primeira metade. Pero os goles non chegaron ata os últimos minutos do partido. Antes do 90 adiantáronse os visitantes.
Naquel momento era un gol importante porque lles daba a vitoria, pero aínda segue tendo a súa relevancia a día de hoxe. É que o autor foi un xuvenil. Sergio marcou o seu primeiro tanto cos ‘maiores’ no segundo encontro no que tivo minutos co primeiro equipo.
Todo parecía que o líder ía impoñer a súa lei, pero os locais non se renderon. No tempo extra, Miguel Gomes marcou o gol do empate. O punto deixa a Candelaria na sexta posición, pero a seis puntos do 5º.
Non houbo diferenzas de puntos nas primeiras posicións porque o Folgueiro tamén empatou. O cadro preparado por Manuel Vicente igualou sen goles na casa do Xermade. Queda con tres puntos máis ca o Iberia e catro máis ca o Cospeito e o Guitiriz.
Foi un encontro sen grandes ocasións no Municipal e ninguén logrou marcar na portería rival. Os locais amosaron o seu poderío defensivo, na liña dos últimos encontros. É o terceiro choque seguido que o equipo preparado polos irmáns Pena non encaixa gol; cuarto seguido sen perder.
O Iberia segue sen perder en 2023
Na terceira posición mantense o Iberia. Segue sendo o único equipo do grupo que non perdeu na segunda volta. Na Segunda lucense só o Iberia e o Guntín non coñecen a derrota en 2023. O cadro de Reinante queda a tres puntos do 2º e a nove do líder (en dez días: Iberia – Meira).
O Iberia superou ao Cabreiros pola mínima nas Valgas. O gol conseguiuno moi cedo. Nunha boa xogada colectiva foi Jony quen batiu a portería rival. Os locais controlaron o encontro ante un rival ao que non lle favoreceu a dirección do vento na primeira metade.
O encontro cadrou coas festas de San Rosendo en San Miguel de Reinante e por primeira vez xogouse o trofeo das Festas de San Rosendo. O Iberia como gañador do partido levou o premio da Comisión.
O Cospeito e o Guitiriz marcan o play off
Con 43 puntos na 4ª e na 5ª posición están o Cospeito e o Guitiriz. A un punto do Iberia e seis por riba da Candelaria.
Este domingo na Fonte, os pupilos de Luis Romay reciben aos de Marcos Pereiro nun encontro importante para as aspiracións de ambos. Os dous equipos veñen de gañar. Iso si, para o partido o Guitiriz perde por sanción a dous dos seus puntais ofensivos: Labrada e Tanketín.
O Cospeito superou na casa ao Celta Barreiros por un resultado moi axustado. Puideron adiantarse os locais no primeiro tempo pero desaproveitaron dous penaltis. Un detido por René e outro que marchou desviado.
Seguiuno intentando o cadro vermello ante un rival que competiu moi ben ao longo do choque. A tolemia dos goles chegou ao final. O Cospeito púxose por diante no noventa, o Celta Barreiros empata uns minutos máis tarde e os locais volven marcar na última xogada do encontro.
Nesa tolemia que foi o final do partido houbo tempo para que un novo xogador da parroquia vilalbesa de Árbol tivera minutos no fútbol sénior. No Cospeito debutou co primeiro equipo Sergio, aínda en idade cadete que xoga no xuvenil.
Pola súa parte, o Guitiriz impúxose no duelo directo co Muimenta, que queda a sete puntos da promoción de ascenso. Foi un partido con ritmo, propio de dous equipos que loitan por entrar ao final de temporada nos postos de play off.
Os locais puideron adiantarse cedo. Tiveron a mellor oportunidade posible a través dun penalti. Pero o gardamallas Javier Noche detivo a pelota cunha gran parada. A acción subiulle a moral aos xogadores do Muimenta que trataron de achegarse á área visitante.
No segundo tempo, comezou mellor o cadro celeste, pero pouco a pouco foron os locais os que chegaron con maior perigo. Nos últimos minutos chegaron os goles. Logo dunha xogada con rexeites, Labrada gañou a disputa, acomodou o balón co peito e pegoulle sen deixala caer. Ao pouco, Javi ‘Tanketín’ recibiu na banda, veu cara dentro e marcou ao pau corto.
A fenda na clasificación xa non é tan clara
Falabamos hai semanas de como se rompera a táboa clasificatoria mirando cara os sete primeiros con respecto ao resto. Con todo, os últimos resultados da Candelaria e do Muimenta, unidos aos puntos que sumaron o Xermade e o Alfoz fixeron que a distancia se reducira.
Este dous equipos seguen lonxe dos postos de privilexio, pero están a dous partidos de poder alcanzar a 6ª ou a 7ª praza. O Xermade é oitavo con 32 puntos e o Alfoz é noveno cun punto menos.
O conxunto alfocense superou ao Roupar, equipo que ocupa a 14ª posición (por diante dos distanciados Celta Barreiros e Goiriz). O triunfo provoca unha diferenza de oito puntos entre o Alfoz e o Roupar.
Un erro condenou dende o inicio ao Roupar que acumula sete derrotas seguidas. Os locais estiveron sempre ben plantados defensivamente e controlando o partido. Ao inicio do segundo tempo, cunha acción a balón parado sentenciaron o choque.
Na xornada houbo máis duelos directos entre equipos da zona media que non queren pasar apuros a final de campaña por mor dos arrastres. Seguindo estes obxectivos, sumou tres puntos moi importantes a Comercial na casa do Fonsagrada.
O equipo adestrado por Andrés Rodríguez tivo un líder destacado na súa goleada. Brandán Parada marcou os catro goles dos seus. Das mellores tardes goleadoras do dianteiro lucense.
Segundo a Real Academia Galega, o nome de Brandán corresponde a un santo irlandés do século VI. É un heroe fabuloso de aventuras marítimas. Na mitoloxía popular galega rexístrase un episodio da vida deste santo bispo, que segundo se di era descendente dos fillos de Breogán.
Destacou tamén na Comercial o central Driver que volveu xogar os 90 minutos logo duns partidos ausentes por lesión. Os visitantes puxéronse 0-4 e deixaron sen opcións ao Fonsagrada. Os locais marcaron o gol da honra xa co encontró decidido.
A Comercial é décima clasificada a dous puntos do Alfoz. Ten agora cinco de marxe con respecto á Fonsagrada que é 13ª cun punto máis ca o Roupar. Este domingo a Comercial e o Xermade xogan entre si, unha vitoria é coller o claro camiño da salvación. No Xermade non poderán contar nin con Mario Benavente nin con Fran García por sanción. Na Comercial non poderá ser da partida Arturo.
Nesa zona media da táboa, sumou tres puntos necesarios o Castro B. Queda con 27, igualado ao Cabreiros. Están clasificados entre a Comercial e o Fonsagrada, con tres puntos máis ca o equipo da montaña. Cabreiros e Fonsagrada tamén se enfrontan este domingo.
O filial venceu na casa a un Goiriz que competiu o que puido e que marcou o gol da honra ao final. Os locais volveron gañar logo de tres derrotas seguidas.
O Guntín con cinco de vantaxe
No grupo sur, o Guntín mantense na cabeza aínda que un dos seus perseguidores recortoulle puntos. O cadro preparado por Hugo Vázquez empatou na casa ante o Becerréa, suma 53 e queda con cinco de diferenza sobre o Friol.
Foi un encontro con alternativas no Ladairo no que os dous equipos tiveron os seus momentos. Os dous goles marcáronse no primeiro tempo. O Guntín cortou a xeira de seis triunfos consecutivos pero segue sen perder en 2023.
O Becerréa suma un punto que o sitúa 6º a tres puntos da zona de privilexio. Iso si, cun partido pendente de xogar co Lemos B. Celebrarase o mércores de Semana Santa (cinco de abril).
Segundo é agora o Friol que enlaza catro vitorias seguidas. Superou a un Oural á baixa nesta segunda volta. Os locais estiveron moi serios atrás cun gran Cobas na posición de central e non fallaron en ataque.
Na terceira praza queda o Ferreira que empatou na casa do Corgo. Acumula tres encontros sen gañar, o que o afastaron momentaneamente do primeiro posto. Queda a sete puntos do líder e a dous do Friol.
O encontro decidiuse nos últimos minutos porque foi cando chegaron os goles. Os visitantes puxéronse por diante por medio dun penalti ao redor do minuto 80. O Corgo foi capaz de remontar o resultado marcando o segundo xa no tempo extra. Con todo, o Ferreira aínda empatou.
Os locais chegaron a marcar o terceiro, pero foi anulado polo colexiado que entendeu fóra de xogo. Os pupilos de Abel Rochela protestaron moito esa acción coa que se acabou o encontro. O Corgo segue como pechacancelas a dous puntos de saír do último posto.
Quinta vitoria seguida do Paradela
O Paradela é cuarto logo de sumar o seu quinto triunfo seguido. Está a cinco puntos do 3º e ten un de diferenza sobre o 5º e catro de vantaxe sobre o 6º (que é o que conta para entrar en play off; iso si, o Becerreá ten un partido menos).
Os pupilos de Rubén Bergantiños superaron no Gandarón ao Carballedo. Marcaron dous goles mediada a primeira metade e controlaron o xogo na maior parte do tempo. Liderados por Albertito e Alejo gozaron de máis ocasións que foron detidas polo gardamallas rival, Fran.
Os visitantes tiveron o seu momento nunha ocasión ao principio do encontro. Logo como a diferenza no resultado non era grande, nunca estiveron fóra do partido. Con todo non tiveron grande oportunidades para meterlle susto aos locais. Seguen penúltimos clasificados a dous puntos do Río Sil.
Un dos grandes partidos do domingo será o Ferreira – Paradela no Baliño. Terceiro contra cuarto. Os locais non poderán contar con Luzón ‘Luigi’ nin con Samba que foi sancionado con catro partidos. No Paradela non poderá ser da partida Esteban que cumpre ciclo de amonestacións.
A Mila marca o play-off
A posición de promoción de ascenso marcáa a Milagrosa. O equipo preparado por Couso derrotou ao Lemos B e mantén a súa posición de privilexio. Tres puntos sobre o Becerreá que ten un partido menos. Ambos equipos vense as caras este sábado no Luis Gorgoso. Na Mila non poderá ser da partida Antón Carro por sanción.
Foi unha primeira parte igualada na Pinguela. Xa no segundo tempo, o filial lemista comezou moi enchufado pero coa expulsión de Javi foi a Mila quen dominou.
Máis adiante coa expulsión de Antón Carro, volvéronse igualar numericamente as forzas. Os goles non chegaron ata o final. Seijas marcou xa no 90 e no tempo extra sentenciou Anxo.
Festín do San Lázaro
Logo do Becerreá e do Oural, o San Lázaro segue asentado no medio da táboa cada vez con menos perigo de verse implicado nas posicións de abaixo. Sumou tres puntos de xeito contundente ante o Río Sil na casa.
Os goles foronse sucedendo ao longo do partido. Salientou o hat-trick de Julito e tamén o dobrete de Saúl nunha tarde plácida no Luis Gorgoso. Julito leva oito tantos no que vai de temporada que sumados aos doce de Yelko fan un total de vinte goles.
A cinco puntos do San Lázaro é noveno o Brollón. Empatou nun duelo directo co San Roque que queda cun punto menos na táboa clasificatoria. Ambos tentan evitar pasar apuros nas últimas xornadas.
Nos Medos adiantouse o conxunto visitante mediado o primeiro tempo. Cachón recibiu un balón en tres cuartos de campo e dende aí disparou. Colleu ao porteiro Dani adiantado e o balón entrou.
Os locais incrementaron o seu ritmo no segundo tempo. Ao pouco, empataron o encontro a través dun penalti lanzado por Miguel Casanova.
Apertaron polas bandas os pupilos de Chura e o San Roque trataba de defenderse. Chegou o segundo obra de Davicín. Con todo, o gardamallas xuvenil Antón do San Roque tamén tivo o seu protagonismo con algunha gran parada.
E o San Roque non se rendeu. Un rexeite tras un balón parado foi aproveitado por Sito para empatar xa nos últimos intres do tempo extra.
Chantada B: tres triunfos nos últimos cinco encontros
Ademais do empate do Corgo, na zona media-baixa salientou o claro triunfo do Chantada B ante un Sporting Lucense que queda 10º con 28 puntos. Terceira vitoria nos últimos cinco partidos do filial chantadino para deixar tres puntos de marxe coa 13ª posición (a cuarta por abaixo).
O cadro visitante chegou a adiantarse no Sangoñedo. Non obstante, os locais demostraron unha gran capacidade de reacción e xa remontaron o resultado antes do descanso. No segundo tempo encargáronse de sentenciar o encontro e non darlle opcións ao rival.