#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Ascenso cervense no norte; Becerreá, Antas e Mila con opcións no sur

Foto de portada: Josune Bargueiras

A Segunda Rexional está a piques de chegar ao seu desenlace. Cinco equipos mantéñense con opcións de ascenso, dous na zona norte e tres na zona sur. A pasada fin de semana confirmouse o descenso matemático do Mondoñedo e do Bóveda. Pero semella que non van ser os únicos en baixar. Os arrastres obrigarán a máis equipos a peder a categoría. Contamos os detalles nun novo episodio dos #OncesFutbolinlugo.

Na fase de ascenso da zona norte queda unha xornada por diante. A praza de ascenso será seguro para un equipo do concello de Cervo. O Sanci teno de cara con dous puntos de marxe sobre a Candelaria. Na última xornada recibe na Veiga ao Muimenta, mentres que o cadro da Rúa xogará na casa co Meira.

A esta situación chegouse logo de que o Sanci conseguise igualar nos últimos minutos o seu duelo co equipo preparado por Labrada. O gol de Uru permitiu que os seus sigan dependendo de si mesmos á par que eliminou ao Meira das opcións de subir.



Pola súa parte, a Candelaria derrotou pola mínima ao Cospeito. Os tres puntos permítenlle seguir coas posibilidades de subir e ademais impídenlle ao conxunto cospeités ter algunha opción no último partido. O conxunto de Jaime Matouse é o equipo menos imbatido do grupo nesta fase con só catro goles encaixados.

Os outros dous encontros do grupo remataron en empate. O Cabreiros é 5º con once puntos logo de igualar a un gol ante o Guitiriz. O partido no Suso Cruz serviu tamén para rendirlle unha homenaxe ao presidente Suso, falecido nesta temporada.

O Celta Barreiros é 6º empatado a puntos co Muimenta logo de que os dous tamén igualaran no seu duelo. Encontro goleador que tivo como algúns protagonistas a dous ex dianteiros do Catro Roldas. Seijas marcou un dobrete para os do Pichón, mentres que Soto marcou un bo tanto que daquela supoñía o 1-3 para os de Barreiros.



Na fase de permanencia da zona norte a falta dunha xornada, confirmouse o descenso directo do Mondoñedo. Non lle terminaron de saír as cousas en ningún momento da temporada ao conxunto adestrado por Julio Castro. Na pasada finde perdeu ante o Fonsagrada como visitante.

Non obstante, o descenso do conxunto mindoniense semella que non vai ser o único deste grupo. Os arrastres poderían provocar máis dun descenso a maiores. O penúltimo clasificado é o Abadín que perdeu nun partido directo ante o Roupar. Está a tres puntos do Matela.

O cadro de Outeiro de Rei tamén perdeu ante un gran Iberia. Os de San Miguel de Reinante impuxéronse nun bo partido de futbolistas como Pisco pola banda dereita e tamén de Joni no medio do campo. O centrocampista marcou un gol e deu dúas asistencias. O Iberia xa asegurou ser primeiro deste grupo e segue sen perder nesta 2ª fase.

Quen caeu por primeira vez neste segundo tramo de competición foi o Xermade. Perdeu no Ventiño ante un Goiriz que necesitaba o triunfo para tratar de evitar problemas.

Na fase de ascenso da zona sur quedan dúas xornadas para o final e semella que a loita vai ser titánica ata o último momento entre a SD Becerreá, o Antas e a Milagrosa. Os tres equipos están nun punto e non hai duelos directos ao ser conxuntos que xa xogaron entre si na primeira fase.



Polo momento o líder é o Becerreá que no último encontro superou pola mínima como local ao Oural. Os laterais Héctor e Santín foron dous dos protagonistas do encontro.

Igualado a puntos co primeiro posto segue o Antas que a pesar de non facer un gran encontro, dispuxeron dalgunha ocasión moi clara e marcaron dous goles diante do Chantada B que só fixo un. O dobrete do Antas foi autoría de Álex Diéguez, un dos tantos de falta. O equipo da Ulloa é o menos goleado do grupo, só encaixou dous tantos con Melendo baixo paus.

A Milagrosa está a un punto dos seus dous rivais directos despois de vencer tamén pola mínima ante o Río Sil. O conxunto soberino pelexou con varios dos seus futbolistas con molestias.

Sen opcións de loitar pola primeira praza quedaron o Paradela e o Ferreira que xogaron entre si con vitoria para os de Pantón; tamén por un gol de diferenza. O Paradela igualou o gol inicial do Ferreira, pero un erro dos pupilos de Rubén Bergantiños propiciou o triunfo visitante.

No grupo de permanencia de catro equipos xa rematou a liga co descenso directo do Bóveda. O equipo preparado por Pasín caeu na casa do Palas, desaproveitanto que o seu rival máis directo tamén caeu no seu encontro.

Non obstante, o Incio tamén o ten complicado para manter a categoría polos xa comentados arrastres. No último partido caeu ante un Corgo que é o único que pode darse por satisfeito e estar tranquilo mentres non remate a competición nas outras divisións.

No grupo de permanencia de cinco equipos quedan dúas xornadas para o final. O Brollón lidera a clasificación con 17 puntos logo de vencer ao Páramo. No medio dos dous sitúase o Sporting Lucense que derrotou pola mínima ao Quiroga.

O conxunto quirogués tivo dobre partido na finde. Primeiro xogou nos Medos (sigue exiliado do San Martiño) ante o Sporting Lucense. O domingo recuperou o seu partido aprazado ante o Santa Comba. Empataron o partido polo que o Quiroga segue último a dous puntos do Santa Comba. O equipo da parroquia lucense xa non estivo dirixido por Martín Real. O técnico non segue como adestrador dende hai unhas semanas.

Ascenso cervense no norte; Becerreá, Antas e Mila con opcións no sur

Diario dun mercado. Episodio 264

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *