#Fútbol afeccionado #Feminino

As turbulencias regresan de novo á Reigosa

Unha vitoria e un empate non semellan un mal botín para os equipos do PM Friol nesta última data. No entanto, os bos resultados quedan de novo empañados polos temas extradeportivos. Segundo puido saber Futbolinlugo, as turbulencias regresan unha campaña máis á Reigosa. Dúas xogadoras xa abandonaron o primeiro equipo dirixido por Covi Regueiro (a cal segue sancionada varios meses e seguramente por máis aínda trala acta desta data*) e xa hai varias denuncias feitas (e poden non ser as últimas).

* Extracto da acta arbitral do PM Friol – Umia (www.rfef.es)

No relativo ao xogo, un PM Friol pouco efectivo sufriu durante a primeira hora de xogo. O Umia dispuxo de varias oportunidades para adiantarse porén Pilar mantivo a cero a meta lucense. Á hora de xogo, as visitantes fixeron boa unha acción combinativa para poñer o 0-1 no marcador. O equipo da Reigosa non lle perdeu a cara ao partido e asinou unha gran remonta grazas á súa superioridade física no tramo final. O fútbol directo e o balón parado do PM Friol atoparon o seu premio e os tres puntos quedaron na casa.

Pola súa parte, o filial amarelo notou a presenza das xogadoras en dinámica do primeiro equipo para sumar un punto na casa ante o Victoria FC B. Thimote abriu a lata antes do cuarto de hora para darlle unha vantaxe mínima ao PM Friol B durante gran parte do encontro. Porén, as visitantes agarráronse ao partido en todo momento e levaron un valioso empate co tanto de Xiana no inicio da reanudación. Primeiro empate da tempada para as rapazas de Geluco Villar na Primeira Galicia.

Non nos olvidamos do CD Lugo, o segundo dos representantes lucenses na Terceira RFEF. A mala xeira das albivermellas continúa e as capitalinas xa son penúltimas. O Olímpico de León adueñouse do esférico desde o inicio, aínda que a primeira ocasión de perigo foi para o CD Lugo. Ana fallou diante da meta local. Acto seguido, chegou o 1-0 nun saque desde o curruncho. A partires de aí, as de Joaquín Blanco buscaron as súas opcións á contra. O Olímpico tivo as súas desde a posesión. O marcador non se moveu.



A mellor versión lucense chegou no inicio da segunda metade. As leonesas non lograban saír do seu campo e o CD Lugo desperdiciou dúas boas ocasións. E unha semana máis as albivermellas levaron un excesivo castigo despois de perdoar ao seu rival. O 2-0 foi un golpe demasiado duro. As lucenses descompuxéronse e recibiron unha sonora goleada. Un revés que non tería chegado de meter algunha das claras oportunidades durante a primeira hora de xogo.

Táboas no derbi e dúas derrotas pola mínima na Segunda

O derbi provincial da Segunda non defraudou. Goles e alternativas e un punto para cada equipo. Na primeira metade apenas se viron ocasións de Antas e de San Roque máis alá do balón parado. Precisamente así, a pelota detida, se adiantou o cadro de Quiroga na reanudación. Mery puxo o balón na escadra tras un saque de banda. Paula igualou de novo o partido, cun testarazo á saída dun córner, aos poucos minutos.

O Antas golpeaba por segunda vez, vía Nuria Louzao, para poñer o 2-1 nun despiste defensivo verdibranco. O San Roque non se veu abaixo e Sofía logrou o 2-2 definitivo tras outro saque de banda. Tras este empate o derbi derivou nun ida e volta. Maite evitou o terceiro das de Montirón debaixo dos paus e Paula e Nuria rozaron un novo gol para as da Ulloa. Nas postrimerías do encontro, María fallou a portería baleira despois dun bo pase atrás de Elisa.



O Chantada asinou un mal partido no feudo do Viajes Interrías B. As de Jorge González nunca se atoparon cómodas e apenas inquedaron a meta rival. As pontevedresas chegaron a área contraria e tiveron un par de oportunidades claras. O gol da derrota naceu nun córner moi mal defendido e as do Sangoñedo seguen sen coñecer a vitoria.

A Milagrosa tamén caeu pola mínima. As de Iván Dobarrio competiron de ti a ti contra o Santiso. A igualdade resultou a tónica dominante do partido. Aínda así, o factor determinante foi o acerto do Santiso.

O derbi de Terceira quedou na capital e o premio de Jenny, en equipo

O CD Lugo B levouse o derbi provincial da Terceira Galicia nunha gran segunda metade. Adiantáronse as de Diego Rey pasado o primeiro cuarto de hora. Henar empatou instantes despois para levar o 1-1 ao tempo de lecer. O Monte Forte tivo o seu momento no ecuador de primeiro acto. Non o aproveitou e o filial albivermello impuxo a súa lei na reanudación. O CD Lugo B dominou con claridade e matou o partido con catro goles en escasos dez minutos. Candela Otero rubricou un hat trick.

Un dos catro goles de Jenny ante o Órdenes

Cinco goles tamén conseguiu o Carballedo ante o Órdenes. As de Sementa foron madurando o encontro pouco a pouco ante un rival ordeado e que se foi descompoñendo tras o primeiro dos catro goles de Jenny. O dominio das do Catro Ventos no segundo acto foi incontestable e a ‘manita’ chegou por si soa.

O San Lázaro non pasou do empate na casa ante O Pino. As santiaguesas apenas deixaron ocos para que as de Luchi visen porta na primeira metade. As da Ponte derrubaron o muro visitante no inicio da reanudación cun gol de Mireia. Porén, O Pino mudou de cara e aproveitou un erro defensivo do San Lázaro para rascar un punto nun saque desde o curruncho.



Por último, a Comercial pagou caro o seu exceso de confianza ante o Rois. O tempo e o rival botáronse enriba das de Vicky, que perderon pola mínima. Cómpre salientar a estrea de Belén na meta vermella. A gardamallas detivo varias oportunidades de perigo.

Resultados da xornada

Olímpico de León 7-0 CD Lugo

PM Friol 2-1 Umia

A familia do Carballedo ‘comendo o premio’ #XogadoraTorredeNúñez de Jenny

PM Friol B 1-1 Victoria FC B

Antas 2-2 San Roque

Milagrosa 0-1 Santiso

Viajes Interrías B 1-0 Chantada

CD Lugo B 5-1 Monte Forte

San Lázaro 1-1 O Pino

Carballedo 5-0 Órdenes

Rois 1-0 Comercial

As turbulencias regresan de novo á Reigosa

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 10

As turbulencias regresan de novo á Reigosa

Alberte Ledo, chegar e encher no Cabreiros

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *