As novas medidas da Xunta de Galicia

A volta ás competicións é un tema que estamos a tratar de xeito recurrente nas últimas semanas. Os que queren comezar, os que non, os que xa saben que eles non competirán, os que saben que si competirán… hoxe poñemos o foco nestes últimos: os deportistas de divisións “non profesionais” de ámbito estatal. Isto é, a Segunda División “B” e a Terceira División, así como o fútbol feminino co Reto Iberdrola.

A Xunta de Galcia vén de publicar no DOG do 30 de setembro as novas medidas que terán que tomar os clubes das categorías mencionadas arriba para poder desenvolver a práctica da “actividade deportiva que poida implicar contacto”. Os clubes da nosa provincia directamente afectados son o Viveiro CF, o Rácing Villalbés e o CD Lugo “B”, todos militantes na Terceira Galicia (Grupo Norte), e o PM Friol, representante lucense do Reto Iberdrola.

O DOG establece no documento que todos estes equipos deberán de adestrar en grupos “estables” e realizar test serolóxicos ou similares aos integrantes do conxunto cada -como mínimo- catorce días. Tamén recolle que, no caso da Segunda “B” e do Reto (onde participarán caras coñecidas como Pablo Antas coa SD Compostela ou LP coas da Reigosa), os clubes que veñan competir a Galicia deberán realizar test serolóxicos ou similares aos membros do equipo 48 ou 72 horas antes de comezar o choque.

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 459

Deja un comentario