As últimas notas da temporada veñen cun formato diferente xa que consideramos que os catro equipos teñen o seu mérito por chegar a estas alturas da competición copeira. Destacamos o traballo de todos, eliminamos a nosa sección «nin pé con bóla» e subliñamos o mérito dos campións provinciais tanto no torneo feminino como no masculino.
O ás: Sporting Pontenova

O conxunto adestrador por Dani Moirón pechou unha temporada espectacular que xa forma parte da historia deste club. O equipo conseguiu un dobrete despois de quedar campión do grupo norte da Segunda Galicia o que lles permitiu ascender de categoría, ademais de proclamarse este pasado domingo campións da Copa de Segunda e Terceira. O conxunto da Mina mostrouse superior na totalidade das eliminatorias aínda que na final sufriu para derrotar a un Friol que nunca se rendeu. 3-2 foi o marcador final, despois de que o club friolés remontase o tanto inicial de Andrés Fernández cos goles de Alejandro Cabado e Alberto Buján. Non obstante, o Pontenova reacciounou rápido e volveu poñerse por diante cos goles de Andrés Bouza e Antonio Gavín.
A figura: Peluquería Mixta Friol



Unha vez máis o Peluquería Mixta Friol mostrouse dominador do fútbol lucense e levouse o torneo da Copa ao derrotar por 9-0 ao Antas. A escasa actividade no último mes e medio do conxunto friolés non fixo mella e notouse no campo a diferenza de categoría que hai entre os dous equipos. Ao descanso o equipo adestrado por Geluco xa gañaba por 3-0 con goles de Raisa Méndez, Eva Pérez e Lucía Pardo quen anotaría tres tantos máis no segundo tempo. Completaron o cadro de goleadoras Estefanía Varela con dous goles e Carmen Ceide. Remata así unha boa temporada máis na que o Peluqeuría Mixta Friol rematou na quinta posición da Segunda División, sendo o terceiro mellor equipo galego. Pola súa banda, tamén hai que destacar un ano máis o traballo do Antas que segue mantendo vivo o espírito do fútbol feminino na provincia. Finaliza o curso cun subcampionato de Copa e coa sexta posición no grupo 1 da Segunda División galega.
A anécdota: As finais no Anxo Carro
O único estadio nestes momentos do fútbol profesional da provincia acolleu as finais da Copa o que supuxo un plus para o cadro de futbolistas dos catro equipos, xunto co corpo técnico e tamén para a afección. Algo que foi aínda máis especial para a xente de Friol que puido ver como os seus dous equipos xogaban dúas finais. Un dato histórico para o deporte do balompé friolés.
