IMAXE DE PORTADA: Twitter UD Collerense
Tristeza. Pero ao mesmo tempo, orgullo. Ambos sentimentos encheron o corazón dos lucenses futboleiros este sábado. Por que? Polo descenso do PM Friol, que abandona a segunda categoría do fútbol nacional despois de moitos anos sendo un dos equipos punteiros da mesma. Pero este ano non puido ser. Lesións, a Covid-19, decisións arbitrais en momentos puntuais… deixan ás lucenses a 8 puntos da salvación con tan só 6 puntos por disputar. Polo tanto, o ano que vén non veremos ao PM Friol no Reto Iberdrola.
O descenso fíxose efectivo na tarde-noite do sábado, cando A Reigosa albergaba o duelo entre as friolenses e a UD Collerense, clube das illas Baleares. O PM Friol necesitaba si ou si unha victoria que lle permitise seguir con vida, pero o resultado final foi de empate (2-2), polo que as locais quedaron sentenciadas.


A tónica do choque foi similar a de outros partidos da temporada: o PM Friol foi quen de dominar durante unha parte do encontro, pero houbo outra parte do mesmo na que o xogo foi monopolizado polas súas rivais. Esa irregularidade e falta de constancia durante os partidos foi a que afundiu ás nosas guerreiras na terceira división nacional.
As de Ángel Villar comezaron mellor, con bo xogo e ocasións, que se traduciron nun 2-0 no minuto 8. A partires de aí, o partido parecía totalmente controlado polo Friol, sen conceder ocasións claras ás visitantes e dominando a posesión. Porén, no minuto 76, as baleares anotaron o 2-1, algo que se traduciu en pánico por parte das lucenses e, tres minutos despois, o Collerense conseguiu o 2-2 co que se chegaría ao término dos noventa minutos e se confirmaría o descenso do PM Friol.

No resto da xornada, tan só se disputou un derbi provincial na Segunda Galicia, entre SCD Milagrosa e ADC Monte Forte, que se saldou con 2-3 para as do Cabe. Tras o 1-0 das albivermellas, as monfortinas reaccionaron con goles de Henar e de Laura Correas e conseguiron mandar por 1-3 no minuto 50. Dez minutos despois, as locais reaccionaron e puxeron o 2-3 que lle deu emoción á media hora final, pero o electrónico non se moveu. Foi un partido moi disputado e competido por ambas partes, no que ningún equipo deixou de loitar por levarse a recompensa final.
O MELLOR
A ADC Monte Forte atópase en postos de play-off no ano da súa re-fundación.
O PEOR
O descenso do PM Friol é unha dura nova para o fútbol feminino provincial, pero de seguro que volven máis cedo que tarde ao Reto Iberdrola.
DESTACADAS
PM Friol: Non comunica.
SCD Milagrosa: Blanca, cun doblete que mantivo vivo ao seu equipo.
ACD Monte Forte: Henar, Laura Correas e Alex completaron un gran partido.