Unha semana máis, Futbolinlugo chega con toda a actualidade das nosas rapazas nos distintos duelos que protagonizaron na fin de semana!Como sempre, Comezamos polo CD Lugo-PM Friol, que perdeu o seu primeiro partido na casa despois dun gran inicio de temporada, nun choque ante o Victoria FC no que nunca se atoparon cómodas, a pesar de teren o dominio do balón non contaron con oportunidades nin profundidade. O encontro estivo condicionado polo tempraneiro gol das visitantes aos 30 segundos de xogo e, aínda que Nati fixo o empate antes do descanso, o Victoria aproveitou os errores locais na segunda metade para levarse os tres puntos en xogo. Destacaron Goretti pola súa seguridade defensiva e a capitá Fanny Varela.
Na Primeira Galicia, a SCD Milagrosa perdeu por 1-3 ante o Alertanavia, destacando como habitualmente a actuación de Esther, quen asinou o gol local, nun partido no que puideron obter máis botín do conseguido. O outro equipo lucense, a SD Antas de Melendo, perdeu o seu duelo ante o Villestro nun choque moi igualado, pero no que a efectividade local na segunda parte determinou o resultado final, 2-0.
Xa na Segunda Galicia, o Carballedo CF perdeu 1-3 o seu partido ante o Portazgo, partido no que as lucenses erraron un penalti (máis ben, acertou a gardamallas rival cun paradón) e, na contra da xogada, o Portazgo anotou o 0-1. Tras empatar cun gol da capitana María Varela e fallar dous man a man coa porteira, as visitantes volveron anotar e puxeron punto e final ao choque con outro gol de contraataque. Destacaron Lucía Míguez e Verónica Carballo.
Pola súa banda, a Comercial venceu no derbi lucense á unha SD Chantada que non soubo reaccionar aos goles das das Gándaras, 3-1, e o CD Lugo-PM Friol «B» empatou coa Unión Campestre, rival directo polo ascenso.
Por último, no que atinxe ao Fútbol-8, a SD Burela venceu 2-1 ao Sporting Cambre, rival que o adestrador mariñano -Jesús Rial, definiu como «un dos máis duros ata agora con xogadoras de nivel que me sorprenderon moito, pese a que unha delas rompeu a punta do peroné no transcurso do xogo». No partido, fóra do meramente futbolístico, destacou a homenaxe recibida por Alexia, unha cativa que padece Síndrome de Fires.