FOTO: Web PM Friol
Un mércores máis, chega á nosa web a sección adicada ao fútbol feminino e, unha semana máis, centramos a nosa atención exclusivamente no PM Friol, único clube lucense que está a competir actualmente.
Porén, as novas non son boas. As rapazas presididas por Ángel Villar suman tan só un punto nos primeiros catro partidos, despois de caer esta semana por 0-1 na Reigosa ante o Pozuelo de Alarcón.
As friolenses chegaban ao choque ansiosas por lograr a primeira victoria da temporada, necesaria para coller boas sensacións e comezar a despegarse da zona baixa da táboa. Quizais esa necesidade foi, precisamente, contraproducente, posto que as visitantes -tamén necesitadas de puntos- souberon xogar mello coa presión, e froito diso adiantáronse na primeira metade, 0-1.
No segundo tempo, o PM Friol buscou o empate por activa e por pasiva. Porén, o balón non quixo entrar e chegouse ao término dos noventa minutos co 0-1. Por parte das lucenses, destacou a actuación de Fanny. Con todo, confiamos plenamente neste conxunto e sabemos que, unha vez acaden a súa primeira victoria, os resultados chegarán!