O Peluquería Mixta Friol fixo unha gran campaña, rematando no quinto posto da Segunda División feminina, unha posición sen dúbida honrosa para un clube dunha pequena vila como o é Friol. Os grandes resultados que está a acadar o conxunto débense en gran parte ao seu presidente, Ángel Villar Hermida.
Por iso, Futbolinlugo decidiu falar hoxe con Ángel. Unha vez rematada a liga regular, preguntámoslle acerca do rendemento das rapazas nesta campaña.
Futbolinlugo: Ola Ángel. Poderías facer una pequena valoración da Liga?
Ángel: Foi una campaña algo irregular. Tiñamos un plantel para competir con Oviedo e Deportivo pero non todo saíu ben. Sí é certo que se nós gañasemos o noso último partido en Santander, ao perder o Sporting na Coruña seriamos terceiras, pero co empate que non nos serviu nin a nós nin ao Santander para non descender, adiantounos o Matamá e non pasamos ao Sporting. Puidemos ser terceiras e fomos quintas, foi una mágoa. Aquí é complicado ter que facer plantel todos os anos pero hai que loitar con iso e comezar de novo.


Futbolinlugo: As rapazas renderon segundo se agardaba?
Ángel: Sempre hai de todo. Algunhas si, outras un pouco por debaixo. Este ano foi o primeiro ano cun adestrador novo, que veu do Orzán feminino e as expectativas eran quedar o máis enriba posible. Tamén é certo que tivemos alguna lesión, pero o plantel era moi amplio, con 22 xogadoras. Non é nin moito menos una tempada mala, pero sempre se pode mellorar.

Futbolinlugo: Agárdanse novas incorporacións ao plantel de cara á 2017/2018?
Ángel: Si, tovadía é cedo para sábelo, pero xa sabemos que hai xogadoras que ou non seguirán o ano que vén ou non contamos con elas. Equipos como o Deportivo veñen todos os anos a buscar xogadoras, todos os anos fichamos entre 12 e 13 xogadoras, e este ano será un máis.

Futbolinlugo: Que tal responde a vila de Friol? Contades cunha boa entrada nos partidos da casa?
Ángel: Non hai queixa, é certo que hai partidos con 50 persoas, pero tamén hai encontros nos que andamos entre as 100 e as 300. Eu creo que contra o Dépor superamos os 300 espectadores, por exemplo.
Futbolinlugo: Imaxinamos que as experiencias de xogar de ti a ti contra equipos coma Sporting, Deportivo… son inolvidables.
Ángel: Xa levamos varios anos, e estamos a acostumarnos. O malo é que no seu 90% os equipos son de cidades, e nós estamos en inferioridade niso. Friol é una vila, e só adestramos dous días á semana porque a maioría das xogadoras viven lonxe. Hai rapazas que chegan á súa casa de madrugada, en xeral os clubes das cidades teñen un plantel formado por mulleres que viven como moito a media hora do lugar de adestramento, e xogan con vantaxe respecto a nós. Sporting, Oviedo, Deportivo, Santander…
Futbolinlugo: Sentes orgullo de ser o presidente dun clube que adoita estar na parte alta Segunda División do noso fútbol feminino?
Ángel: Si, claro que si. É un orgullo e podemos dicir que o nome de Friol á hora de facer fichaxes é importante, porque somos un clube que adoita estar arriba e cumprimos nos pagos dos desprazamentos das xogadoras, cousa que noutros equipos non pasa, e as rapazas están alí un ano pero logo non volven, e nese aspecto síntome orgulloso. Tamén orgulloso da xente que colabora connosco (Concello de Friol, Deputación de lugo, a Xunta, Luis Iglesias, panadería Ousá…), xa que gracias a eles contamos cun presuposto de entre 60 e 70 mil euros.
Futbolinlugo: Moitas gracias pola túa atención.
Ángel: A vós.
Un placer falar con Ángel, quen de seguro axudará a traer máis alegrías ao fútbol feminino da provincia!