#Entrevistas #Segunda Futgal

Álex Vázquez, SD Muimenta: «Necesitamos dominar as accións nas áreas»

A SD Muimenta vén de cambiar de adestrador. Unha mala dinámica supuxo a marcha do Pichón Manuel Veiga, e a chegada de Álex Vázquez (Lugo, 1994), un técnico moi novo que afronta a súa primeira experiencia como adestrador nun banco sénior.

O certo é que o ex-colexiado xa ten experiencia dabondo nos banquiños, pero aínda non se estreara como primeiro técnico nun conxunto afeccionado. O seu primeiro duelo tivo lugar o pasado sábado 16 de decembro en Candelaria, con resultado de 3-2 a prol dos locais.

FUTBOLINLUGO: Como se produce a chegada ao Pichón?

ÁLEX VÁZQUEZ: O Muimenta xa se puxera en contacto conmigo no 2020, cando eu saíra de Castro, pero daquela estabamos coa Covid e non se concretara a chegada. Agora sei que algún adestrador lle falou de min e me chamou en torno ao 10 deste mes de decembro. Todo o mundo me falou moi ben de Muimenta, dos xogadores, da directiva, así que non o pensei e aquí estou.



Álex Vázquez (dereita) na súa etapa na Sarriana.

FIL: Ten que ser raro eso de dirixir a xogadores máis maiores ca ti.

AV: Si, é a miña primeira experiencia como primeiro adestrador, aínda que xa estiven de segundo en Castro e en Sarria. O primeiro adestramento en Muimenta, un venres antes do primeiro partido, xa me serviu para ver que o grupo vai a morte con todo o que eu diga, traballa ao 100% nas tarefas… estou encantado desde o primeiro día co grupo, respétanme e traballan de marabilla.

FIL: O certo é que estás afeito a esta circunstancia, pois a viviches en Sarria xunto a Brais Prados e en Castro con Vitín.



AV: Si, ademais tiven a sorte de aprender moitísimo dos dous e esas experiencias inflúen moito. Ademais na base do Lugo convivín con Hugo (actualmente en Guntín), con Marcos Pereiro (Guitiriz), agora estou con David (estivo no corpo técnico de Cospeito). Colles un pouco de todos eles e despois resulta máis doado enfrontarse a situacións novas.

FIL: Confías en reverter a situación do equipo, pese á clasificación?

AV: Si, penso que imos darlle a volta por medio de traballo. É certo que a situación non é doada: o club perdeu pezas importantes con respecto ao ano pasado, agora mesmo temos 24 fichas pero tan só tiven 14 dispoñibles para ir á Candelaria, etc. Ao final a primeira necesidade é cambiar a dinámica, acadar un resultado positivo para que haxa un cambio tamén na mentalidade. Traballaremos para conseguilo diante do Xermade no próximo partido.

muimenta

FIL: Deches libre esta semana de Nadal ou quixeches facer unha pretemporada exprés?

AV: A semana pasada (18-24 de decembro) tan só adestramos un día, pero esta semana xa adestramos con normalidade, dous días semanais. Estamos centrándonos no físico, tarefas con espazos amplos… e estamos funcionando ben. Os xogadores son xente que pode non estar afeita a adestrar tanto en decembro e penso que este é o camiño para dar a volta.



FIL: Que aspectos ten que mellorar o Muimenta se quere acadar a permanencia na categoría?

AV: Non encaixar goles é fundamental. Tal e como lles dixen aos xogadores, iso non é culpa exclusiva de defensas e porteiro, pois o primeiro en defender ben ten que ser o dianteiro. Necesitamos dominar as áreas, sobre todo a propia, para non encaixar tres-catro goles e, deste xeito, aproveitar as ocasións que xeramos. O grupo ten que suplir as baixas en ataque que sufriu con respecto ao ano pasado, e considero que se facemos as cousas ben «atrás» daremos un paso adiante.

FIL: Chegas a unha liga moi igualada. Que elementos deciden os partidos na Segunda?

AV: Hai dous ou tres equipos un pouco por riba do resto: Pastoricense, Racing Villalbés ‘B’, Iberia… e algún máis que se me escapa agora. Pero o resto dos conxuntos son moi igualados: podes ganar en calquer campo, perder na túa casa… Agora en inverno hai moitos campos nos que tes que ser pragmático e basearte en balóns largos para chegar a campo rival, ser superior en disputas e en segundas accións, minimizar os erros propios e aproveitar os do rival para facer dano.

«Xa estiven no pichón para ver o duelo entre o muimenta e o villalbés ‘b'».

FIL: O día 14 sentarás no banco do Pichón por vez primeira. Con que ambiente contas nas bancadas?

AV: Si, xa fun hai pouco tempo ver o partido do Muimenta contra o Villalbés ‘B’, había moita xente e moi bo ambiente. Eu creo que a xente se vai enganchar agora, ao haber un cambio e comezar o ano. É un campo bonito, que adoita ter bastante afección animando, e temos que desfrutar os partidos aí. Facernos sólidos na casa, que é onde adestramos e onde nos acompaña a nosa xente.

FIL: Cales son os rivais do Muimenta na loita pola permanencia?

AV: Penso que o 80% da liga pode estar implicado. Poden darse xeiras de resultados que determinen os postos a final de ano. Se ben hai varios equipos cos que xa non contas, pois están arriba, o resto dos conxuntos poden ganar e perder calquer domingo. Incluso o Roupar, que está de colista, pode saír de aí se encadea dúas vitorias seguidas. Non descarto a ningún rival porque a categoría é moi igualada.

FIL: Comeza a picar o gusano do fútbol sénior e perde interés o fútbol base na túa cabeza?

AV: Eu penso no momento, non no futuro. Agora estou opositando a profesor de Educación Física, quero facelo ben en Muimenta e no Lugo estou encantado: desfruto moitísimo cos cativos, co resto dos adestradores, nas oficinas… Todo o mundo quere o mellor para un mesmo, pero eu agora mesmo estou encantado co fútbol base. A oportunidade de Muimenta é unha opción incrible, teño moitas ganas de desfrutala. De aquí a xullo tan só penso en Muimenta, na base do Lugo e na miña oposición.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *