O Ferreira e o San Roque tentarán ser o representante do sur. O Xermade e o Sporting Pontenova buscarán ser o do norte. Coma se da NBA se tratase, a Copa Deputación 2026 da Segunda e da Terceira Futgal xa ten o seus finalistas de cada “conferencia”. A primeira fin de semana de maio xogaranse as estes encontros.
Tres das catro eliminatorias dos cuartos de final resolvéronse nos penaltis. Aí lucíronse os porteiros, sobre todo, Adri García no Ferreira e Adan Baldonedo no San Roque. O Xermade foi o equipo que viviu un cruce sen tantos sobresaltos ao controlar o resultado no duelo co Casás (0-3).
Dous campións e dous finalistas
Dos catro clubs clasificados, o que máis preto estivo de gañar o trofeo nos últimos tempos foi o San Roque. O club capitalino xogou a final o ano pasado. Perdeu co Riotorto (2-0) no Pichón, en Muimenta. Con todo, o San Roque nunca gañou este título.
Si saíu unha vez campión o seu rival. O Ferreira levantou o trofeo provincial en 2003, nunha tempada que fixera dobrete co seu ascenso á Primeira Futgal con Julio Corral coma técnico. Precisamente esa final xogouse no feudo do Xermade, equipo que, a pesar de estar preto en varias ocasións, nunca gañou a Copa.

Dos catro, o que máis títulos acumula é o Sporting Pontenova. Escribiu o seu nome en 1999 e en 2018, onde tamén asinara dobrete co ascenso á Primeira da man de Dani Moirón coma adestrador.
Na Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasamos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomeamos un xogador destacado de cada eliminatoria.
Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, O Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.
O Xermade xogou cos tempos ante o Casás
O club xermadés trae o torneo para a súa casa por primeira vez nesta edición. Eliminou o Celeiro, o Sanci, o Muimenta e a pasada fin de semana ao Casás (0-3) a domicilio. No Municipal recibirá ao Sporting Pontenova a primeira finde de maio.
Os locais presentáronse ao partido cun só cambio. Comezaron ben, pero á media hora encaixaron un gol de falta directa. Diego Bellas ‘Chungui’ puxo a súa calidade ao servizo do balón parado. Ao pouco, Álex Gimeno marcou o segundo para os visitantes, que marcharon con esa vantaxe ao descanso.
No segundo tempo, o Xermade controlou o xogo e tratou de sentenciar. Foi máis doado cando o Casás quedou cun xogador menos pola expulsión de Adrián Román. Antes dos últimos minutos, Álex Gimeno asinou o terceiro e o seu particular dobrete.
Rubén dobrou penalti para meter o Sporting nas semifinais
Vinte e catro penaltis decidiron que o Sporting Pontenova accedía á seguinte rolda, logo de igualar coa Candelaria (2-2). Tras eliminar aos dous mellores equipos nestes momentos da Segunda norte, Folgueiro e Guitiriz, superou tamén ao club da Rúa e queda a un paso da final. Iso si, perde o factor campo e viaxará a Xermade.
Os locais dominaron máis na primeira metade. Saíron moi intensos, ben metidos no partido e adiantáronse por medio de Cuzco a saída dun córner. Por iso, aínda que os visitantes lograron igualar a través de Mista, o Sporting Pontenova volveuse poñer por diante cun gol de Marcos, tamén a saída doutro saque dende o recanto.
A Candelaria foi mellor no segundo acto. Empatou cun tanto de Do Canto. Aínda así, nos últimos minutos os locais puideron lograr o terceiro. Alesuco fallou un penalti e Carlos tamén unha ocasión moi clara.
Na quenda dende os once metros houbo que lanzar vinte e catro veces. Tiveron que xutar os porteiros, Xes, Jacobo (que entrou coma xogador de campo) e Presno. Os tres marcaron. Rubén dobrou lanzamento nos locais e marcou o último, que supuxo o pase para os seus.

O Friol sucumbiu ante o Ferreira na quenda de penaltis
Non houbo goles nos 90 minutos na Reigosa (0-0). O Ferreira clasificouse para as semifinais grazas ao seu maior acerto na quenda. O equipo de Pantón xa accedera a esta rolda da mesma maneira. Daquela eliminara ao Paradela con Xocas baixo paus. Desta volta, Adri García foi o gran protagonista.
Despois de dous cruces fóra, a Copa volve ao Baliño, onde o Ferreira eliminou ao Antas en dezaseisavos.
En terreo friolés, o encontro foi moi competido, con bo ritmo e moito xogo no medio do campo. No primeiro tempo, ambos os conxuntos levaron perigo a balón parado. Os dous porteiros, Borja e Adri García, fixeron unha boa actuación.
Na segunda metade, o medo a perder, fixo que os equipos xeraron menos perigo. Nos lanzamentos dende os once metros, Adri volveu ser figura clave con dúas paradas ante os disparos de Samu e Miguel. Tivo o seu momento o gardamallas local Borja, cando llo parou a Gonza. Con todo, Toto, que culminou outro gran encontro, atinou no definitivo que clasificou ao Ferreira.

O San Roque busca a segunda final seguida
O cadro capitalino está nas semifinais da Copa por segunda temporada consecutiva. Logo de eliminar ao Chantada B e ao Rubián a domicilio, o San Roque trouxo a Copa para Montirón e superou nos penaltis a un dos equipos máis en forma da provincia, o Lemos B.
No encontro igualaron a dous goles. Foi o filial lemista quen marchou gañando ao descanso con dous tantos de vantaxe. Pallín volveu ser protagonista goleador cun novo dobrete.
No segundo acto, os locais introduciron dous cambios e recurtaron diferenzas nada máis entrar no campo. Yelko marcou o 1-2. Tras o arreón do San Roque, o Lemos B gozou de boas oportunidades e puido sentenciar, pero atopouse cunha boa actuación do xuvenil Adan. Pouco antes do minuto 90, penalti claro a favor do San Roque que transformou Yelko en gol. O máximo goleador da competición acumula cinco tantos.
Na quenda, Adan volveu ser o claro ás. Parou tres penaltis e facilitou o pase dos seus á seguinte eliminatoria.
O Ás de Copas:
Foto de portada: Mariluz Fagín

