Adestrador@ no fútbol base: afección ou profesión?

A pandemia modificou a vida de todas e de todos. A situación está sendo difícil a nivel sanitario. Pero tamén no aspecto laboral e no social. Foron moitos os empregos que xa se viron afectados ou que están en dúbida no curto prazo. Moitos deles traballos nos que se “gozaba” dunha certa estabilidade. Ou polo menos no que había un contrato laboral con varias atencións polo medio. Peor é o caso de moitas e de moitos que non tiñan este traballo tan “formal”. Persoas que cobraban só por día traballado como o caso d@s artistas. Pero tamén existe o caso de cobrar por menos horas das traballadas, de non declaralas ou de non consideralo nin sequera un traballo. Baixo estas últimas condicións poderiamos clasificar aos adestradores e as adestradoras. Con atención especial no fútbol base.

A covid detivo por completo todas as competicións e tamén os adestramentos. Case oito meses despois, houbo algúns clubs que optaron por volver as sesións de preparación. Pero nunhas condicións moi determinadas e non do xeito que era antes.

Adrián Vázquez, adestrador de fútbol base e xogador no 1º equipo da Residencia

Adrián Vázquez leva máis de catro anos formando parte da base da SDC Residencia. Actualmente é/era adestrador do Xuvenil A. Critica a falta de atención que recibe o seu gremio e preocúpalle a situación resultante: “O problema vén de atrás. Actualmente somos moita a xente nova que nos dedicamos a adestrar no fútbol base. Non é por falar mal de outros, pero si que temos a opción de ter máis formación, a través tamén da Federación, ciclos, cursos,… Temos unha formación que non se está valorando“, destaca. A pandemia deixou no aire todo un traballo de tempo: “Dedicámoslle moitas horas. E chega esta situación e os que nos dedicamos a isto estamos un pouco vendidos“.

Situación crítica:

“En clubs non profesionais traballas cun contrato de poucas horas ou sen contrato e páganche por dietas. Dende o 13 de marzo non puidemos traballar. Non temos opcións a un ERTE. Eu por sorte vivo con meus pais, pero outros compañeiros teñen unha situación moito máis complicada”, salienta Adrián Vázquez.

Vivian Dors adestraba na Comercial Feminina e en tres equipos do Corgo (prebenxamíns, alevíns e infantís) cando chegou a pandemia. “A situación é moi complicada. Isto alóngase e estamos todos perdidos. Os adestradores facémolo por paixón, pero tamén é unha axuda económica. Se non adestras, non cobras“.

Nico Longhini foi adestrador de fútbol base na SD Becerreá e sénior no Fonsagrada. A pandemia obrigoulle a cambiar por completo o seu xeito de vida. “Pouca xente pensa en nós. Dependemos de clubs humildes. Tiven que buscarme a vida noutro ámbito laboral. Aínda tiven sorte. Levaba uns dez anos vivindo do fútbol. En marzo quedei en paro, pero iso acábase. E o piso, a comida ou as facturas hai que seguilas pagando. Por moito que comece, quen nos garantiza que dure un mes e volvamos a esta situación?”.

Vivian Dors ten previsto volver aos adestramentos coa Comercial fem en novembro

“Está visto a nivel social como un hobbie

Un dos principais problemas aos que se enfrontan os adestrador@s de fútbol base é a súa consideración social. Para Adrián Vázquez: “Hai bastante descoñecemento, aínda que, pouco a pouco, vai habendo menos. Pero a xente que non está relacionada directamente cre que o que facemos é coller a uns cativ@s durante o tempo que sexa e tirarlles unha pelota. Se teño unha sesión dunha hora de adestramento, voulle dedicar mínimo 45 minutos ou unha hora para preparala. Máis logo o tempo de coller o material. E cando se acaba a sesión valoras como foi. O mellor son 4 horas para unha sesión de hora e media. Ese traballo non se ve. Coñezo moita xente que está adestrando no fútbol base e son moi poucos os que sabes que non lle teñen unha dedicación plena. Se a ti non che gusta moito, non te vas dedicar a isto. Os que estamos é porque nos encanta ser adestradores de nenos e de nenas. Non decides botar unha serie de anos preparándote por nada. E máis sabendo que disto non vas poder vivir”.

Vivian Dors tamén cre que hai moitas funcións que non se ven: “O fútbol tende a profesionalizarse. Creo que se a Federación che esixe unha titulación, se cada vez ocupa máis tempo da túa vida,… se pides formación, tes que ter remuneración. É un traballo precario. Porque non é só o que fas no terreo de xogo. Hai toda unha preparación. A xestión do grupo, a psicoloxía individual,… iso ocupa máis tempo do que un pensa. Haillo que facer entender a xente e que lle dea valor”.

Nico é adestrador da base da SD Becerreá. A tempada pasada dirixiu ao Fonsagrada sénior

Por onde poderían pasar as solucións?

Un aspecto que é comunmente coñecido é a incapacidade de moitos equipos de fútbol de afrontar diversos tipos de gastos. A maior parte deles están xestionados por persoas que poñen o seu tempo libre e, incluso, cartos ao servizo dun conxunto. “Os clubs non teñen a capacidade económica para iso. Poden facer contratos de dúas horas diarias. E ao final non traballas dúas horas diarias nunca”, subliña Adrián quen cre que hai moito que reformular: “Hai que reformar a Lei do Deporte. Cando eu fixen TAFAD un profesor comentaba que a Lei do Deporte era moi antiga. Que non se correspondía co deporte que temos hoxe en día. Incluso algún partido político chegou a falar de que ía miralo tema. As institucións deben dar facilidades para a xente que nos dedicamos a isto. Que lles dean facilidades os clubs para que a nosa situación estea máis regulada. A vía que vexo é que os clubes podan ter unha capacidade económica maior. Os pais pagan x cartos para que os fillos xoguen ao fútbol. Realmente creo que é moi barato. Para moi pouco polo que xogan. Ese ingreso non é tanto para os clubs”.

Ante esta resposta plantéamoslle a Nico se podía existir tamén unha mala xestión dos orzamentos nalgúns clubs: “En Lugo cidade diríache que non. Despois si. Priorízase o primeiro equipo. Sei de xente que por xogar na mesma categoría ca min cobra uns cartos que se se invertira un pouco máis nos rapaces e nos adestradores sairían nenos mellor formados. Creo que é un pouco desproporcionado o gasto que hai nalgúns clubs sénior”.

O caso de Nico é especial: “Estou nun club onde tiña un contrato na temporada. Algo que non poden dicir todos. Tamén lle dedicaba moito tempo. Pero si que é verdade que debería haber algo como teñen os xogadores. Unha entidade que amparara aos adestradores. No momento no que Messi estaba para irse do Barça, acórdome que un técnico compartiu a noticia no Facebook e dicía que iso non lle preocupaba. Que había outras necesitades como moitísimos adestradores sen traballo. Pero o que vende é o fútbol profesional. Hai moitos que viven do fútbol base e están sen traballo. Estaría ben establecer algún tipo de axudas”.

O adestrador da SD Becerreá engade: “Outro aspecto é que vai haber moitos que despois disto non van seguir sendo adestradores de fútbol. Tiveron que buscar a vida fóra del. Ademais entendo que as subvencións para os clubs coa crise serán menos. E hai gastos que ao club lle son imposibles de asumir”.

A volta á competición:

Adrián Vázquez: “Nesta situación é esencial que os cativos fagan actividade. Coas restricións abusan moito máis da informática, plays,… Pero é complicado no noso caso ao tratarse dun deporte de contacto. O que creo que se pode facer é un adestramento de maneira individual. Sen contacto entre eles. Pero tamén comprendo o medo que existe ao contaxio. A Federación vive do que se paga polas fichas. Pero vou pagar unha ficha para que non se compita? Os cativos compiten un día a semana e as horas de adestramento son máis. A tendencia é que a competición sexa como un adestramento máis. Adestrar sen competir. Os nenos adáptanse”.

Vivian Dors: “A nivel sanitario é mellor non volver. Pero os nenos tamén o necesitan por saúde física e mental. As cousas non están moi ben, pero tomando as precaucións non debería haber tanto problema. Ademais é deporte o aire libre. No colexio tamén saen da clase e fan deporte. Por que non facelo ao aire libre nun campo de fútbol e por grupos?. Os problemas aumentan para os máis pequen@s. Máis casos de hiperactividade, obesidade ou a preguiza porque xa non queren facer nada e acomodáronse na casa. Todo iso non é bo”.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario