A xeira da Residencia ameaza ao Burela

En setembro debutaba Rafa Casanova como técnico da SDC Residencia. Un equipo e un corpo técnico chamado a competir polo ascenso á Preferente ilusionaban desde agosto nunha Cheda que non deixou de apoiar aos seus, independentemente da categoría.

catro ventos máxicos residencia

Porén, a SD Burela emerxeu como un rival moi difícil de bater. A boa xeira dos de Oke situou aos mariñáns no primeiro posto e a Residencia, Castro e SD Chantada como principais perseguidores ata o mes de decembro. A victoria do Burela na Cheda na primeira xornada de 2025 aupaba máis, se cadra, aos da Marosa. Pero entón chegou a reacción dos branquiazuis. Seis victorias consecutivas dos capitalinos, con 18 goles a favor e ningún en contra, poñen agora contra as cordas a un Burela que vén de pinchar diante do Foz.

Desde a Residencia móstranse cautos, pero optimistas con esta situación. O seu adestrador Rafa Casanova sinalou para os nosos micros que «o Burela está realizando unha temporada impresionante e vai ser complicado. Pero nós temos que facer o noso traballo, seguir ao noso e agardar. A táboa agora mesmo mostra que hai equipos que o están a facer mellor que nós, así que temos que mirar cara o partido de cada semana e non pensamos noutra cousa». Para o preparador, «a chave do ascenso nunha liga tan regular coma esta vai estar nese traballo semanal, non regalar nada e non deixar puntos no camiño. Cada partido será unha final e tan só podemos pensar en nós».

A parte contraria, a SD Burela, non se mostra preocupada pola xeira dos seus rivais. Oke sinalou que «a falta de 12 partidos por xogar, 11 no caso dos nosos rivais, todos estamos na loita. A competición presenta certa diferenza entre os equipos de arriba e os da zona baixa, e por tanto poden encadearse resultados positivos: a nós pasounos, agora está a Residencia inmersa na xeira».



O técnico mariñán recoñeceu que «estamos ante 3-4 xornadas chave antes de posicionarnos un esprint final de 8 partidos, onde se decidirá todo. O partido entre SD Chantada e nós desta semana será fundamental para recuperarnos logo dunha derrota. O equipo que estea máis acertado nas vindeiras xornadas será o que leve o premio e penso que todoos os equipos teñen un 100% de posibilidades de acadar o primeiro posto. Estamos na época na que se decide todo».

A Residencia atópase nestes intres a 2 puntos da SD Burela.

Outro dos equipos implicados na loita polo ascenso directo semella ser o CD Castro Porén, o adestrador dos vermellos, Dumi, indicou que «é certo que está complicado chegar ao posto de ascenso directo, pero imos partido a partido. Un día perdes e veste lonxe, pero se sumas dúas victorias xa te sintes aí. É difícil porque hai que alcanzar a dous equipos, pero nós traballamos para gañar cada domingo e ver onde nos pon a clasificación».

Tamén a SD Chantada pode dar un golpe sobre a mesa este domingo. De gañar no Sangoñedo ao Burela, haberá 4 equipos nunha marxe de 6 puntos —o Burela, cun partido menos que os seus rivais—. O adestrador dos chantadinos, Traste, admitiu que «pensar no noso ascenso directo é unha utopía. Temos que recurtar 9 puntos a un rival que só perdeu dous partidos de vintedous. Agora mesmo o noso traballo está enfocado a sumar para manter as opcións de fase de ascenso».



O cadro da SD Burela lidera a categoría.

Aínda que as perspectivas dos adestradores son diferentes, é evidente que hai moito por resolver na Primeira Futgal. Se cadra, o desenlace chegará na derradeira xornada de competición, o 11 de maio, na Marosa. Burela-Residencia. Tan só a regularidade e efectividade dun dos catro conxuntos implicados poderá evitar unha final en toda regra.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *