A Terceira RFEF déixanos a importantísima vitoria do Viveiro en Cantarrana fronte ao Arzúa, rival directo, e o empate do Racing Vilalbés no sempre difícil campo do Somozas. Na Preferente as boas novas chegan desde a Ribela. A Sarriana venceu ao Sigüeiro e xa é colíder, empatada a puntos co Noia. O Lemos rachou a mala xeira cun empate na súa visita ao Victoria, mentres que Ribadeo e Portomarín caeron goleados no campo do Sofán e Ordes respectivamente. A Residencia perdeu na Cheda fronte ao San Tirso.
O Racing Vilalbés empata en Somozas e encadea oito xornadas sen perder (0-0)
Empate sen goles dos chairegos nun dos campos máis complicados da categoría. Malia rematar sen goles, o encontro resultou aberto, atractivo para o espectador e con ocasións para ámbolos conxuntos. Comezou o Somozas co dominio do balón no primeiro cuarto de hora, pero o Racing co paso dos minutos sentiuse máis cómodo e gozou da ocasión máis clara do primeiro tempo cun remate a bocajarro de Make ao que Aitor respostou ben.
A segunda metade gañou en ritmo e intensidade. As máis claras foron para o Racing Vilalbés. Unha de Álex Pérez salvouna in extremis un defensor cando o balón ía cara o fondo da portería. Santi Gegunde tamén puido abrir o marcador, pero non estivo atinado.
Tres puntos de ouro para o Viveiro en Cantarrana diante do Arzúa (2-0)
Dous goles na primeira metade bastáronlle ao Viveiro para dobregar ao Arzúa, rival directo na pelexa pola permanencia e sumar o terceiro triunfo consecuti o en Cantarrana. Aínda que foi Chiño o primeiro en avisar cun tiro desde a frontal, deseguida chegou o primeiro tanto, obra de Barroso nun centro chut que sorprendeu a Chema. Preto da media hora, Iker Hurtado aproveitou unha boa asistencia desde a banda dereita de Sané.
Na segunda metade o Arzúa trocou de sistema na procura de máis profundidade, pero non foi quen de xerar situacións de perigo ante a meta de Casillas. O xuvenil Fanego, Sergio Otero e Edgar tiveron opcións para ampliar as diferencias no marcador.
Terceiro triunfo consecutivo da Sarriana que o sitúa no coliderado (2-1)
Encontro moi igualado o disputado na Ribela fronte ao Sigüeiro. Ritmo moi alto de ámbolos conxuntos de dous conxuntos con bo gusto polo balón. O dominio foi alterno, sobre todo na primeira metade, onde Adri Díaz e Marino tiveron dúas claras ocasións de gol. Os de Fiz Rodríguez tamén puxeron a proba a Javi Liz cun disparo desde fóra da área que rematou batendo no pao.
Os vinte primeiros minutos da segunda metade foron de dominio da Sarriana. Nada máis comezar, Keko sacou un córner que Marino rematou a gol. Adri Díaz fixo o segundo logo de recibir entre liñas. O monfortino colocou o balón na escadra da meta defendida por Chanza. O Sigüeiro non lle perdeu a cara ao encontro e recurtou diferencias tras un centro lateral no que o balón quedou morte e Ivi recolleuno para marcar. Nos últimos intres a Sarriana defendeu o fútbol directo do seu rival e incluso tivo ocasións para marcar por medio de Santín e Diego Rey. Os de Brais Prados reclamaron penalti a Echavarri, non sinalado.
Seis xornadas despois, perdeu a Residencia (0-2)
Foi o San Tirso o que rachou a boa xeira da Residencia. O encontro foi igualado. Avisou primeiro o conxunto local cun bo remate de Lucas a pase de Txiki ao que resposta de xeito espectacular David. Co primeiro cuarto de hora cumprido Segade, cun lanzamento polo escadra, puxo por diante ao San Tirso. A Residencia protestou unha acción do veterán César que propinou un codazo a Txiki dentro da área, pero o colexiado non sinalou penalti nin amonestou ao zagueiro visitante. Yago tivo unha boa oportunidade antes do intermedio á que David respondeu ben de novo.
Na segunda metade dominiaron os de Dani Galán, aínda que sen demasiada claridade de ideas. No minuto 65 chegou o segundo tanto visitante, obra de Denis, ex dianteiro de Polvorín e Racing Vilalbés.
Resultado enganoso do Ribadeo na súa visita ao Sofán (3-0)
O Ribadeo continua a amosar mellor imaxe lonxe do Pepe Barrera que nos partidos como local. Así foi na visita ao sempre difícil campo do Carral, aínda que desta vez sen premio. Foi o cadro local quen se adiantou no marcador por medio de Jacobo logo dunha indecisión na área. Os de Dani Moirón gozaron de tres ocasións moi claras antes do intermedio. Un testarazo de Jacob, un tiro de Xaime e un remate de Criss atoparon a excelente resposta do gardameta monfortino Álex. O Sofán non inquedou a Dos Santos a partir da xogada do gol local.
A segunda metade seguiu o mesmo guión. O Ribadeo foi dominador e gozou de numerosas ocasións para marcar. Xaime en dous lanzamentos de falta e varios remates de Criss e Carlos rozaron o tanto. Nos últimos minutos, cos mariñáns volcados na procura do empate Jacobo e Parafita sentenciaron o choque para os de Carballo.
Empate do Lemos fronte ao Victoria para trocar a tendencia (0-0)
Costoulle ao Lemos entrar no partido diante dun rival que propuxo un xogo directo na procura de segundas xogadas e transicións. Os primeiros vinte minutos foron de dominio local e o Victoria contou con dúas ocasións de gol. Co paso dos minutos os de Óscar Moure adaptáronse ao céspede artificial e ao xogo do rival e igualaron a contenda podendo incluso marchar en vantaxe ao descanso.
Na segunda metade os monfortinos foron mellores e contaron con tres ocasións. A máis clara un testarazo de Varela que se estrelou no longueiro. Nos últimos intres o Victoria apretou na procura do gol, aínda que sen xerar demasiado perigo.
O Portomarín remata goleado na súa visita ao Ordes (4-0)
Os de Fernandito comezaron replegados e cedendo o balón a un Ordes que non xeraba excesivo perigo ante a portería miñota. A mellor ocasión do Portomarín estivo nas botas de Javicho nun lanzamento de falta que marchou lixeiramente desviado. Na única chegada do cadro local no primeiro tempo chegou o gol. Un balón largo á espalda da defensa recolleuno Mouriño e, tras regatear a Chumi, anotou.
Na segunda metade o Portomarín comezou metendo na súa área ao rival e gozou de ocasións á saída de varios córners, obra de Troulo e Héctor. A polémica chegou nun erro defensivo local e Héctor foi derribado polo central Carlos Graña cando o de Portomarín ía quedarse man a man co gardameta. O colexiado amosou cartón amarelo. Nunha xogada aillada chegou o segundo do Ordes, obra de Fabián en propia porta. O Portomarín seguiu tentando recurtar diferencias pero o Ordes á contra sentenciou con dous tantos máis.