#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

A Piringalla golea no comezo do play off de ascenso

O Tres en Raia En Boas Mans desta xornada achéganos a primeira eliminatoria polo ascenso a Segunda Galicia. No grupo norte, a Piringalla goleou ao Rioaveso e puxo un pé na final, mentres que o Castroverde venceu na Veiga do Olmo ao Goiriz e afrontará a volta con dous tantos de vantaxe. No grupo sur imperou a igualdade. O derbi entre Rio Sil e Sober rematou en empate sen goles e o Santa Comba gañou pola mínima ao Corgo.

Deu comezo tamén o Torneo Delegación do que facemos un breve repaso.

fase de ascenso

GRUPO NORTE

O Castroverde derrota ao Goiriz e afronta a volta con dous goles de vantaxe (3-1). O estado do terreo de xogo condicionou o estilo de fútbol de ámbolos conxuntos e no que o balón parado resultou decisivo. O encontro foi parello e non tivo un dominador claro no seu comezo. Aos quince minutos de xogo, Borja botou unha falta lateral que Cancela rematou ao fondo da rede. O Goiriz logrou empatar o partido nun saque de córner. No segundo tempo o Castroverde tentou aproveitar os espazos que lle deixaba o seu rival, aínda que as ocasións de gol foron tímidas. Noutro saque desde o curruncho chegou o segundo tanto local, obra de Manu. O Goiriz lanzouse a polo empate, pero sen chegar a gozar de grandes opcións para logralo. No tempo de desconto, o veterán Richard, tras varios rechaces logrou o terceiro tanto. No último intre, os de Cora puideron reducir diferencias cun disparo desde a liña da área pequena.



A Piringalla golea a un Rioaveso que xogou con dez a última media hora (5-1). O encontro comezou parello, cunha Piringalla máis imprecisa e nervioso e un Rioaveso ben prantado sobre o terreo de xogo e coas ideas máis claras. Os chairegos buscaron xerar perigo coa presenza na área de Álex Anido. O dianteiro do Rioaveso foi o autor do gol visitante, que aproveitou un erro da zaga para superar a Manu Corrales. A Piringalla espertou co tanto en contra e comezou a ser protagonista co balón. Non tardou en chegar o empate, obra de Juanjo ao rematar unha falta lateral no segundo pao. As dúbidas fixeron mella no Rioaveso e a Piringalla deulle volta ao marcador cun tanto de Hugo. Xusto antes do intermedio Cristóbal ampliou diferencias nunha acción individual. No segundo tempo o encontro seguiu unha liña similar ao final da primeira. No minuto 63 tivo lugar a acción que marcou o final do encontro. Román foi derribado na área e o defensor chairego Mario viu o segundo cartón amarelo. O propio Román transformou o penalti e o Rioaveso afrontou a última media hora cun xogador menos e cun 4-1 en contra. No desconto, Iker pechou a goleada cun tanto desde longa distancia.

GRUPO SUR

Río Sil e Sober empatan sen goles e Centeás dictará sentencia (0-0). Encontro moi disputado no que o Río Sil foi quen de contrarrestar o potente xogo ofensivo do Sober, personalizado no pichichi Martín, e obrigou aos de Iban Lagoa a realizar un fútbol máis directo. O cadro local non foi quen de aproveitar as ocasións e a eliminatoria marcha ao campo de Centeás completamente aberta.



O Santa Comba vence pola mínima ao Corgo e parte cunha mínima vantaxe (2-1). Encontro parello con moito fútbol directo e poucas ocasións de gol. Aos cinco minutos Coto puido adiantar ao Corgo cun lanzamento á escadra que se atopou cunha gran parada de Yeyu. Do córner en contro chegou o tanto local. Jorge levou a contra e cedeu a Peña para que empurrara ao fondo da portería. O encontro transcorreu sen demasiadas ocasións ata que á media hora de xogo, o Corgo empatou cun disparo de Mejuto que bateu nun defensor e despistou ao gardameta. No segundo tempo o Santa Comba volveu a poñerse por diante tras unha falta lateral cometida innecesariamente polos de Abel Rochela que un zagueiro rematou cara a súa portería. O Corgo buscou o gol do empate e Sebas estrelou un balón no longueiro. Nos últimos intres os visitantes reclamaron penalti sobre Kevin. Jorge contou cunha boa ocasión para facer o terceiro.

torneo delegación

GRUPO 1. Catro Roldas 2 – Cazás 4. Unha parte para cada equipo. Samu e Karim, este desde o medio do campo, puxeron en clara vantaxe ao Catro Roldas, pero no segundo tempo o Cazás deulle a volta a un marcador que xa igualara aos quince minutos.

GRUPO 2. Casás 4 – Comercial B 1. Encontro de claro dominio local a pesar das numerosas baixas. Fonseca e Cristian fixeron dous goles en boas xogadas individuais e Juan ampliou diferencias antes do intermedio. No segundo tempo o gardameta Manu Jr actuou de xogador de campo e marcou o cuarto tanto. E non foi un gol calquera, marcoullo ao seu pai Manolo Prieto, gardameta da Comercial B. Pouco despois estrelou un balón no longueiro. Preto do final o filial lucense recurtou diferencias nunha boa contra.

GRUPO 3. Páramo 4 – Relámpago Taboada 2. O Páramo deulle minutos aos menos habituais durante a liga fronte a un Relámpago no que o centrocampista Miguel tivo que actuar de porteiro. Dous tantos de Juan e un de Héctor puxeron en clara vantaxe ao Páramo. Valiño recurtou diferencias para un Relámpago que contou con varias ocasións de gol. Chivas fixo o cuarto antes do descanso e no segundo tempo os visitantes recurtaron diferencias.

GRUPO 4. Rubián – Bóveda (4-0). Encontro brusco e con acción antideportivas que se saldou con tres expulsados. O Rubián foi superior e logrou adiantarse cun bo gol de Iván Vilar no primeiro tempo. No segundo tempo os de Senén López completaron a goleada, con gol do gardameta Casillas incluido.



Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *