Ano novo, mesma historia. O PM Friol calcou o guion do final do pasado 2021 e cedeu dous puntos na casa. As rapazas de Covi pecaron de falta de puntería, desperdiciando ata seis ocasións moi claras de gol. E volveron acusar os importantes erros defensivos que cometeron. Só Oliva León, cun gol a menos de dez minutos do final, foi quen de salvar unha tarde agridoce na Reigosa.
Un derbi no que o resultado foi o de menos
Nese mesmo escenario, un día máis tarde, non foron moito mellor as cousas para as locais. Nin para as visitantes a pesares da vitoria… Fanny Varela voltaba á que fora a súa casa e o regreso non puido ser peor. A dianteira do Lugo marchou antes dos vinte minutos de xogo cunha fractura na meseta tibial e á espera de non ter afectados os ligamentos dun dos seus xeonllos. Sorte Fanny!!!
No relativo ao xogo, o cadro de Joaquín dominou por completo a un rival que rematou con dez xogadoras e tamén sufriu dúas lesións. O Lugo mandou nas transicións e Irene asinou dous dos catro goles do seu equipo.
O outro representante desta Primeira Galicia, nin marcou nin puntuou. O Antas regresou de baleiro da súa visita ao Victoria B. As rapazas do Castro Seoane tiveron ocasións suficientes para marcar pero cederon pola mínima ante as ‘cebras’.



Resultados da xornada:
PM Friol 1-1 Gijón FF
PM Friol B 1-4 CD Lugo

Victoria B 1-0 Antas
Carballedo 2-3 Touro
Bandeira 0-1 Milagrosa
Tres representantes quedaron sen xogar polos adiamentos

A COVID e os adiamentos marcaron a xornada de Segunda. O derbi entre a Comercial e o Chantada tivo que ser posposto. E o San Roque xogará ante o Cruces este venres. Co descanso do Monte Forte, só nos representaron o Carballedo e a Milagrosa nesta última fin de semana.
Cara e cruz. Leire, nos compases finais, deulle un traballado triunfo ás milagrosistas. Mentres que o Carballedo cedeu nun mal partido na casa. O dobrete de Ana Lamas serviu de pouco ante un rival que se adiantou por tres veces no marcador.
