O Carballedo mantén a súa espectacular xeira de triunfos neste 2024. As de Sementa gañaron pola mínima cun gol de Jenny mediado o primeiro acto. Un resultado bastante curto despois do visto sobre o artificial do Catro Ventos. As ‘Guerreiras’ dominaron por completo a un O Pino con defensa de cinco e o medio do campo repregado. Iso si, o encontro resultou moi limpo. O colexiado apenas tivo traballo.
A Comercial obtivo o premio á insistencia ante o ‘colista’. A escadra de Vicky mandou co balón durante os noventa minutos ante un Vista Alegre que só creou un saque desde o curruncho. As vermellas percutían e percutían pero o balón non quería entrar. Ata que no tramo final, apareceu Diana para asinar tres sufridos e merecidos puntos. Un triunfo máis que necesario para cortar unha serie de tres derrotas seguidas.
O Monte Forte pagou moi caro a súa falta de acerto e colleitou un resultado tan duro como inmerecido no Camballón. O Cruces marcou tres goles en quince minutos da reanudación e tumbou ao cadro de Cristian Penas, que competiu en todo momento e creou ocasións de principio a fin. Segunda derrota consecutiva das monfortinas.
O San Lázaro descansou nesta xornada. Ao igual que o CD Lugo B, que aceptou o aprazamento do partido ante o EF Silleda. As pontevedresas non contaban con xogadoras suficientes para afrontalo con garantías.
O San roque logra o único punto lucense da segunda galicia
O San Roque sumou un punto na súa visita ao Orzán B na Segunda Galicia. Un encontro que se puxo de cara nada máis comezar cun claro penalti transformado por Mery. O ida e volta era constante en medio dun despregamento físico considerable.
Porén, o colexiado quixo a súa dose de protagonismo. Ás constantes interrupcións hai que engadirlle o tempo que estivo parado o encontro por supostos insultos. No medio da lea, Eugenia foi expulsada e deixou ás verdibrancas con dez. Os balóns ás costas e os centros laterais intensificáronse sobre a área de Cristina. E a pouco máis de quince minutos para o remate, o Orzán B rescatou un empate.
A falta de contundencia e o nerviosismo en área rival sentenciaron ao Antas no Castro Seoane. As de Dani Abelairas deixaron fuxir os tres puntos nun partido dominado de principio a fin. As dúas chegadas que tivo o Silva, bastáronlle para levarse o encontro.
O Antas realizou un moi bo partido, controlou o xogo e dispuxo de multitude de ocasións clarísimas de gol. Nuria conseguiu o único tanto das da Ulloa nun balón parado.
Duro revés para un Chantada que estivo a piques de puntuar en Porriño. As de Jorge González cederon nun partido aberto, con oportunidades claras para ambos conxuntos. O Porriño Industrial petou por dúas veces cos paus. O Chantada, tívoas case a porta baleira e mesmo un pau nun tiro afastado.
O encontro resolveuse sobre o minuto 70. O equipo do Sangoñedo desperdiciou un incrible man a man. E, na acción seguinte, o Porriño Industrial fixo o único tanto do partido nun do disparo desde fóra da área. Co gol, o Chantada veuse abaixo e deuse por vencido.
Por último, a Milagrosa segue a pagar a súa peaxe de xuventude na categoría. As de Felipe Varela aguantaron coa porta a cero ata o ecuador da primeira metade. E mantivéronse vivas ata pasada a hora de encontro. No tramo final, o Atlético San Pedro desatouse e ratificou a súa superioridade en Frigsa.
Cruel desenlace para O PM Friol B na Primeira galicia
O PM Friol B realizou un novo exercicio de pólvora mollada e a súa falta de gol rematou nun cruel castigo. Antía, a porteira do Tomiño, evitou un par de tantos locais na primeira metade e deixou con vida ás pontevedresas. Cando o encontro chegaba ao remate, un despiste defensivo penalizou en exceso ás de Geluco Villar. Os tres puntos voaron da Reigosa. Ademais o Victoria FC B, principal rival do filial friolés pola permanencia, empatou nesta xornada.
O CD Lugo sae ileso do feudo do bovedana e o PM Friol non atopa o camiño do gol na terceira RFEF
O CD Lugo conseguiu o obxectivo fundamental na súa visita ao Bovedana: de non poder gañar, non perder. O cadro albivermello logrou un suculento empate ante un rival directo pola permanencia. Un punto que colle aínda más valor tras sobrevivir a un céspede artificial impracticable. A mellor das noticias foi que ningunha xogadora se mancou.
O CD Lugo comezou ben, cun xogo directo que encerrou ao Bovedana no seu campo. As capitalinas desperdiciaron un par de ocasións para abrir a lata. Co paso dos minutos, as de Joaquín Blanco deixaron de dominar as segundas accións e o control pasou a ser das zamoranas.
As albivermellas non eran capaces de enlazar dous pases seguidos. Perderon confianza por mor desta circunstancia e a segunda parte foi de clara cor local. Aínda así, o CD Lugo deixou a súa porta a cero para arañar un punto desde a solidez defensiva. E cunha pequena dose de sorte!
O 0-0 tamén se repetiu na Reigosa. O PM Friol dispuxo dalgunha ocasión máis que o Victoria FC dentro dun encontro igualado e no que as lucenses brindaron un gran xogo. O ‘centrocampismo’ e a alegría na saída de balón foron as dúas constantes de ambos equipos. As de Geluco Villar e Ángel Buján tiveron o seu momento no inicio da reanudación, con dúas ocasións a pracer diante da porteira visitante, que non atoparon o camiño do gol.
Resultados da xornada
PM Friol 0-0 Victoria FC
Bovedana 0-0 CD Lugo
PM Friol B 0-1 Tomiño
Antas 1-2 Silva
Milagrosa 1-6 Atlético San Pedro
Orzán B 1-1 San Roque
Porriño Industrial 1-0 Chantada
Carballedo 1-0 O Pino
Cruces 3-0 Monte Forte
Vista Alegre 0-1 Comercial
CD Lugo B – EF Silleda (aprazado)
Descansa: San Lázaro