Pasaban ás seis da tarde do 12 de maio de 2018 cando saíu a bóla do Racing Vilalbés. Por segunda vez na súa historia o equipo chairego poñía o seu nome no sorteo da fase de ascenso á Segunda División B en Las Rozas, o que vén sendo o sorteo da «Champions» no fútbol modesto. A sorte non estivo do lado de Vilalba como no pasado 22 de decembro, á seguinte bóla do Racing seguiulle a do Atlético Pulpileño. Non sei se todos, pero bastantes fomos os que ao momento botamos man do amigo google para saber de que, onde e sobre quen estabamos falando. Pertencente ao municipio de Pulpí, localidade almeriense na raia coa Rexión de Murcia, o equipo finalizou terceiro clasificado no grupo murciano, despois de perdelo segundo posto na última xornada. Esa foi a primeira impresión, pero Pulpí tiña que ser moito máis.
O @racingvillalbes xa coñece a súa sorte. Comezará esta fin de semana o #playoffFutbolinlugo de ascenso a Terceira na Magdalena ante o Pulpileño. A volta en Almería. Os chairegos volven xogar a súa sorte en Andalucía.
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) May 14, 2018
Coa axuda de Antonio Cáceres, corresponsal en Pulpí do periódico Ideal de Almería tentamos coñecer un pouco máis sobre estas terras do Levante Almeriense onde o Vilalbés, cousas do destino, se reencontrará cun xogador que vestiu a camisola vermella e verde a temporada pasada, Bruno Caballero, o irmán de Pablo Caballero, ex xogador do CD Lugo.
🎥 SORTEO 1 ENTRADA DOBRE 👇
⚽ @racingvillalbes – @Atleticopulpil1
🏟️ A Madalena
⌚ 17:00h
📄 Normas no vídeo 😉#Futbolinlugo #VilalbaÉDePlayOff pic.twitter.com/RDK5BiC1QH
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) May 16, 2018
O Atlético Pulpileño case poderiamos definilo cun termo moi de moda na actualidade, un equipo «millenial» xa que a súa data de nacemento correspóndese co 2002. Recolleu as lembranzas do San Miguel de Pulpí que militou na década dos 80 tamén na Terceira División (daquela aínda non existía o formato actual da Segunda B). Despois duns anos onde ascendeu á Terceira, baixou e volveu subir; asentouse na categoría conseguindo nesta campaña un posto de promoción de ascenso á Segunda B por primeira vez na súa historia.
O club conta cun amplio despregaemento en canto a súa canteira, xa que entre as categorías «aguilucho» (como se coñece alí aos biberóns) e a cadete hai máis de 200 rapaces. Hai escasas semanas veñen de completar as reformas do seu estadio, San Miguel de Pulpí, de herba artificial e con bancadas que rondan os 2000 asentos. Na estrea das reformadas instalacións o Atlético Pulpileño xogou un encontro amigable fronte as lendas da Selección Española.
Ubicado nunha poboación duns nove mil habitantes (arredor de cinco mil menos ca Vilalba) e próximo as cidades murcianas de Lorca, Águilas e Puerto Lumbreras. Debido a esta ubicación, os seus equipos xogan dende hai máis de trinta anos na Región de Murcia. O municipio vive principalmente da agricultura e conta con empresas destinadas a producción hortofrutícola que lle dan emprego a moitos dos seus habitantes. Esta situación converte tamén a Pulpí nun pobo cosmopolita, con residentes procedentes dunhas cincuenta nacionalidades diferentes que traballan no sector.
Outra das grandes atraccións da localidade é o turismo; impulsado, principalmente, polas súas praias. A 8km do centro atopánse as de San Juan de Los Terreros que destacan polas augas cristalinas e a area fina. Ademais como atractivo en proxecto está en Pilar de Jaravía (antiga explotación mineira) a Geoda Gigante de Pulpí. Unha cavidade rochosa onde cristalizaron minerais que poseen cristais de gran tamaño. Atópase a trinta metros de profundidade e é a segunda maior do mundo.
A conexión deportiva da provincia de Lugo con Pulpí, antes desta eliminatoria, vén a través do triatlhon. Na localidade almeriense adoitanse facer probas dos Campionatos de España deste deporte co engadido de que habitualmente é das últimas probas da temporada; é dicir, onde se sentencia a clasificación xeral. Nas praias de Pulpí o Cidade de Lugo fluvial proclamouse campión de España varias veces, a última o ano pasado tanto en categoría feminina como masculina. É tamén onde un dos mellores deportistas galegos da historia, Javi Gómez Noya, foi por primeira vez campión de España de Triatlhon no ano 2006.
Historias e camiños que se cruzan a máis de mil quilómetros de distancia. Unha realidade bastante diferente a da nosa provincia, pero que estará conectada por uns días. Pase o que pase, Pulpí xa está na historia do Racing Vilalbés e, en consecuencia, na do fútbol lucense.