Calquer afeccionado que non sexa habitual no Pepe Barrera durante a temporada, pero que se achegue a presencialo Enma Cuervo a finais do mes de xullo dirá que o asunto a tratar neste artigo será unha broma. Con bo tempo, e grandes coidados o céspede do estadio ribadense loce como poucos cando chega a disputa do vicedecano dos torneos de verán.
Pero un inverno longo e chuvioso como o deste ano fai que o Pepe Barrera se convirta nun barrizal no que xogar ao fútbol é pouco menos que unha utopía. A falla de drenaxe unida á saturación que sofre o mesmo ten como resultado a situación actual, de fondo malestar de todo aquel que precisa o seu uso. O equipo de Preferente e o feminino da Segunda Galega do Ribadeo F.C. e tódalas categorías de base da S.D. Ribadeo utilizan o mesmo campo para a disputa dos seus encontros.
Para Juanma, defensa do Ribadeo F.C. «o estado do campo está a ser un lastre, desgasta bastante mentalmente xogar cada dous domingos no barrizal no que se converteu o Pepe Barrera, ademáis que nos obriga a adestrar cada día nun lugar diferente (Friol, A Pontenova, Burela, Foz…) e na Devesa o balón non roda, temos pouca luz e os bancos rotos. O cambio constante de superficie aféctanos físicamente, xa se produciron varias lesións«.



Con ista situación afronta o último tramo de competición, con posibilidades de ascenso a Terceira, o equipo dirixido por Fiz Rodríguez, o cal xa amosou públicamente días atrás o seu descontento con coa falta dunhas instalacións axeitadas. O equipo feminino, no primeiro ano de existencia aínda mantén opcións de acadalo segundo posto, e repetidas veces disputa os seus encontros como local ao rematar o masculino, polo que o Pepe Barrera está impracticable. «A nivel de resultados, unhas veces sacámoslle máis partido e outras menos, como por exemplo o pasado domingo ante o Betanzos. É un condicionante ao que nos temos que adaptar o mellor posible. O que sí penaliza é que Ribadeo amose esta imaxe, cun campo impracticable e unhas instalacións pésimas«, apunta Juanma.

Parece inevitable a búsqueda dunha solución a unha problemática, que aínda que este ano se agudizou, xa ven de tempo atrás. Na temporada 2014/2015, cando o equipo militaba en Terceira División, foi preciso suspender dous encontros, ante o Bertamiráns e o Cerceda, e mesmo xogar en Foz ante o Bergantiños. Para o central da Pastoriza, «a curto prazo sería preciso priorizar a utilización das instalacións. É inviable que un campo de tantos anos aguante os partidos do equipo feminino, infantil, cadete, xuvenil e sénior. A medio ou longo prazo é fundamental a creación dun campo de herba artificial«.
